Saltar ao contido

Serie 594 de Renfe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 31 de outubro de 2018 ás 12:13 por WiKorunna (conversa | contribucións) (Notas)
Tren da serie 594 sen reformar e co último logo de Rexionais RENFE na estación da Coruña .

A Serie 594 de Renfe ou TRD (Tren Rexional Diésel) é unha serie de trens diésel especialmente deseñados para ofrecer un servizo de rexionais desaparecido denominado TRD. Esta serie entrou en funcionamento a finais dos 90, mellorando os servizos rexionais en liñas férreas sen electrificar ao ter estas unidades unha velocidade máxima de 160 km/h[1] e un equipamento moito máis moderno que as antigas series 592 e 593 e o sucesor da antiga serie 597 que foron retirados desde 1995 que é moi semellante por número de coches e asentos. Na actualidade poden cubrir servizos tanto de Rexional como de MD.

Descrición

A serie 594 está baseado no tren IC3 dinamarqués, desenvolvido por ABB Scandia, compañía adquirida posteriormente por Adtranz. Hai trens do tipo IC3 que circulan en Dinamarca (desde 1990), Israel[2] e Suecia. A principal diferenza con estes é que os orixinais están construídos como Motor-Remolque- Motor (M-R-M) e que é articulado (comparten o bogie na unión dos coches).[3]

A versión española foi fabricada en España baixo licenza por CAF. A súa principal característica inicial era a de dispor dun frontal pneumático que permitía axustar os trens dunha forma sinxela. A cabina abatíbel, permite unha comunicación completa entre os trens axustados, coma se formasen un único tren. Os asentos, ao contrario que en trens rexionais precedentes, son fixos, orientados a metade en cada dirección.[4]

Versións

Nun principio entregáronse 16 unidades, pero máis tarde entregáronse 7 novas cun sistema de basculación denominado SIBI (Sistema Intelixente de Basculación Integral) desenvolvido por CAF, no que é pregravado o percorrido do tren e o sistema anticípase a cada unha das curvas inclinando a caixa dos vehículos, co que se logra diminuír as forzas centrífugas ao pasar polas curvas. Nas unidades que dispoñen este sistema e cando este está activado, a velocidade deste tren é de Tipo D, o que permite unha aceleración en curva de 1,8 m/s²; cando está desactivado é de Tipo A (1 m/s²). Estes trens poden ir axustados en mando múltiple até con 5 unidades, un total de 10 coches. Teñen a peculiaridade de que aínda que son unidades con cabina en ambos os testeiros, cando circulan en múltiple composición os pupitres poden abaterse cara a un lado, quedando paso totalmente diáfano entre composicións.

Existiron tamén dúas unidades ás que se instalaron os bogies Brava de CAF cun sistema de rodaxe desprazábel, co que estes trens podían circular por diferentes anchos de vía. Estas unidades usáronse no servizo entre Zaragoza-Delicias e Jaca, xa que podían aproveitar a nova liña de alta velocidade entre Zaragoza e Huesca.[5]

En total hai 13 unidades da subserie 0, que son o modelo básico, 8 unidades da subserie 100 que contan co sistema de basculación SIBI e 2 máis da subserie 200 que contan co sistema de bogies de rodaxe desplazable (Sistema Brava).[3]

Reforma

Un tren da serie 594 reformado a entrar na estación de Ferrol.

Entre os anos 2007 e 2008 efectuáronse nas 23 unidades unha serie de reformas para mellorar o seu confort, substituíronse e desprazáronse os compresores de produción de aire situándoos baixo a caixa do testeiro. Tamén se reformou o interior do tren e o seu frontal eliminando a goma dianteira coñecida como zodiac, que permitía crear un corredor para viaxeiros, por un carenado máis aerodinámico. Tamén se está engadindo unha zona de máquinas de autovenda, un servizo adaptado para PMR e un elevador especial nunha porta que permite subir e baixar cadeiras de rodas.[6]

Servizos

Todos os servizos realizados por este tren foron inicialmente denominados TRD, comezando a súa andaina en 1997, na relación Vigo-A Coruña.[3] Na actualidade prestan servizos de Rexional, Rexional Exprés e Media Distancia.

Notas

  1. "TREN REGIONAL TRD S/594 RENFE". www.caf.net (en castelán). Consultado o 2017-12-31. 
  2. "TRD: construcción de un tren diesel TRD de la serie 594 de Renfe en escala 1:87". www.vialibre-ffe.com (en castelán). Consultado o 2018-01-01. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Nuestros Trenes: Automotor diesel S-594". www.renfe.com (en castelán). Consultado o 2017-12-31. 
  4. "Los TRD 594: Unos trenes con polémica". trenesytiempos.blogspot.com.es (en castelán). Consultado o 2018-01-01. 
  5. Dous automotores diésel 594 circulan en Aragón pola liña de alta velocidade
  6. "Modernización de los automotores de la serie 594 de Renfe" (PDF). Vía Libre (en castelán). Consultado o 31-12-2017. 

Véxase tamén

Ligazóns internas

  • TRD: Servizo realizado cos trens da serie 594.