Saltar ao contido

Reino de Bitinia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 11 de novembro de 2024 ás 16:09 por Breogan2008 (conversa | contribucións) ((via JWB))
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Modelo:Xeografía políticaReino de Bitinia
Imaxe

Localización
Mapa
 40°30′N 31°00′L / 40.5, 31

Mapa do século XV da rexión da actual Turquía, onde aparece Bitinia («Bithynia»).
Mapa do Imperio romano no ano 116. Á dereita a provincia de Bitinia e Ponto.

O Reino de Bitinia foi un estado monárquico na rexión de Bitinia, de cultura helenística.

Orixe e historia

[editar | editar a fonte]

Os bitinios eran probabelmente un pobo de Tracia que se estableceu en Misia e se mesturou cunha parte dos misios, expulsando o resto. Serían dominados por Creso de Lidia. Heródoto menciónaos como tracios divididos en dúas tribos: os tinios e os bitinios, pero o primeiro nome caeu en desuso; Heródoto afirmou que os tinios ocupaban a costa de Bitinia desde Cíos ata o Ponto, e os bitinios o interior, pero iso foi probabelmente erróneo. Destruído o reino de Lidia, os bitinios quedaron suxeitos a Persia, e creouse unha satrapía que non se sabe se era só para Bitinia ou comprendía outros territorios.

Dinastía

[editar | editar a fonte]

Unha dinastía local comercial encabezada por Doidalses, afianzou a súa soberanía sobre o -430 e ocupou a colonia grega (de Mégara) de Astacos. Unha ducia de reis (sen contar a Zibees) seguiron a Doidalses:

Ao rei Doidalses sucedeuno Boteiras, e talvez o seu fillo. Bas, fillo de Boteiras foi o seguinte rei e sábese que reinaba o -334, cando os macedonios invadiron o país dirixidos polo xeneral Calanto, que foi derrotado. Alexandre o Grande renunciou a ocupar o país e continuou o seu camiño.

Moeda do reino de Bitinia: tetradracma de Nicomedes I.

A Bas sucedeuno o seu fillo Zipoites sobre o -326 e guerreou con Lisímaco e Antíoco (fillo de Seleuco I Nicátor) con certo éxito. O seu sucesor foi o seu fillo Nicomedes I (-281), do que é preciso supoñer unha nai grega polo seu nome totalmente grego. Nicomedes declarouse independente despois da morte de Lisímaco en Cirupedion o -281, pero tiña medo a perder o trono por causa de tres irmáns e fíxoos matar; logrouno con dous deles, pero o terceiro, Zibees, sublevouse e apoderouse dunha parte do reino. Foi este rei quen convidou aos gálatas, establecidos en Tracia a pasar á Asia Menor (-278), para axudalo contra o seu irmán rebelde, que dominaba xa boa parte do país. Os gálatas derrotaron rapidamente a Zibees e recibiron un pequeno territorio ao sur de Bitinia para se estableceren, pero pronto se dedicaron a asolar as rexións próximas. Nicomedes fundou a cidade de Nicomedia (-264) no golfo de Astaco, que converteu na súa capital, e que lle permitiu afianzar o seu poder, ao asegurar o dominio da costa da Propóntida.

Despois duns anos confusos, sucedeuno á súa morte (sobre -250 ou -246) o seu fillo Ziaelas, quen planificou a morte dos xefes gálatas aos que o seu pai convidara, pero os gálatas decatáronse e matárono.

O seu fillo Prusias I Kholos (o coxo) foi proclamado rei, e derrotou aos gálatas que estaban asolando as cidades do Helesponto, e matou todos os que puido incluídos mulleres e nenos. O -188 acolleu ao cartaxinés Haníbal, expulsado do territorio seléucida. Adquiriu a cidade de Cíos, no golfo de Cíos, e Mirlea, e o seu dominio ao leste estendeuse ás inmediacións do Rhyndacos, e tamén ocupou Cieros en territorio de Heraclea (á que deu o nome de Prusias (ao igual que fixo con Cios) e Tios na boca do Bilao, rodeando Heraclea polos dous lados; pero cando atacou a cidade grega resultou morto (-180) e sucedeuno o seu fillo Prusias II Kynegos (a cazador) que o -167 pediu a protección do senado de Roma e o -156 se aliou con Mitrídates V Everxetes do Ponto contra Pérgamo, ocupando o norte do reino ata que os romanos enviaron tropas que o obrigaron a retirarse e lle impuxeron un tratado de pau. O -149 o rei quixo asasinar ao seu fillo Nicomedes e este rebelouse con axuda de Pérgamo, arrestou ao pai e executouno, e proclamouse rei (Nicomedes II Epífanes).

Moeda do reino de Bitinia: tetradracma de Nicomedes II

Tivo un pacífico reinado que se confunde co do seu fillo Nicomedes III Everxetes (entre os dous case sesenta anos); o -135 aliouse ao rei do Ponto Mitrídates V (Mitrídates I do Bósforo Cimerio). Morreu o -128 e sucedeuno o seu fillo. O -91 Nicomedes III ocupou Paflagonia o que levou a unha breve guerra co reino de Capadocia, que non seguiu pola morte do rei o -90. Entón subiu ao trono o seu fillo Nicomedes IV Filopátor, que foi recoñecido rei polos romanos, dos que o novo rei era un dos máis grandes partidarios, pero o seu irmán Sócrates, inimigo de Roma, sublevouse e derrocou ao seu irmán con axuda do Ponto. O -89 os romanos impuxeron o restablecemento de Nicomedes IV, pero pouco tempo despois (-88) este foi expulsado do poder por Mitrídates VI Eupátor do Ponto, que reinstalou a Sócrates. O -84 Nicomedes IV foi restaurado polos romanos despois da paz. Morreu sen fillos o -74 e deixou o reino en herdanza a Roma.

O gobernador romano de Asia, Marco Xunio, foi enviado a Bitinia a recoller a herdanza pero Mitrídates do Ponto anticipouse e ocupou o reino e anexionou a costa ata Heraclea, deixando só sen ocupar a península de Calcedonia, onde chegaron miles de refuxiados que fuxían dos pónticos. Pero os cónsules Cotta e Lúculo obtiveron diversas vitorias e o ano seguinte (-73) Bitinia quedou totalmente ocupada e incluída dentro da provincia romana de Asia, ata que despois formará provincia separada.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]