Laurisilva
A laurisilva[1] é un tipo de foresta húmida subtropical,[2][3] composta maioritariamente por árbores da familia das lauráceas (Lauraceae) e endémico da Macaronesia, rexión formada polos arquipélagos de Madeira, Azores, Canarias e Cabo Verde. Posúe maior expresión nas terras altas da illa de Madeira, onde se atopa a súa maior e mellor conservada mancha, que foi considerada en 1999 pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, ocupando aí unha área de arredor de 15.000 hectáreas. Na laurisilva as plantas máis comúns son as lauráceas como o loureiro novocanario (Laurus novocanariensis), o viñático (Persea indica), o til (Ocotea foetens), e o barbusano (Apollonias barbujana). É un dos hábitats, no mundo, con maior índice de diversidade de plantas por km². A palabra laurisilva (en portugués: laurissilva) deriva do latín Laurus (loureiro, lauráceas) e Silva (foresta, bosque).
No sur de Galiza existen pequenas formacións en vales profundos con características da laurisilva onde domina o loureiro (Lauris nobilis) mesturado con especies do bosque atlántico e mediterráneo.
Orixe
A aparición da laurisilva remóntase aos períodos Miocénico e Pliocénico da Época Terciaria, hai 20 millóns de anos. Nesa altura a foresta ocupaba toda a área da agora bacía do Mediterráneo, sur de Europa e norte de África.
Como resultado da desaparición do antigo mar de Tetis e a consecuente formación do mar Mediterráneo, ocorreron alteracións significativas do clima por toda Europa e norte de África. As glaciación que ocorreron no comezo do Cuaternario, levaron á regresión da foresta e á súa case extinción na Europa continental (onde aínda sobreviven algunhas especies reliquias desta vexetación como o acereiro (Prunus lusitanica) e o loureiro común (Laurus nobilis) vivindo en carballeiras e outras comunidades naturais de carballos e até mesmo algunhas pequenísimas manchas forestais en locais de refuxio, e o caso de moitas formacións galegas). No norte de África ocorrería o mesmo, mais coma resultado do avance da aridez, subsistindo, actualmente, só unha pequena mancha na costa de Mauritania.
En consecuencia desta regresión, esencialmente debido ás alteracións climáticas determinadas pola formación do Mediterráneo, este bosque acabou por ter como último refuxio as rexións insulares, onde, debido á menor flutuación climática proporcionada polo efecto amenizador do océano Atlántico, conseguiu sobrevivir e até mesmo prosperar.
Distribución
Actualmente a laurisilva sobrevive nos arquipélagos que integran a Macaronesia, principalmente nos arquipélagos portugueses dos Azores e de Madeira, no arquipélago das Canarias, no arquipélago estado de Cabo Verde e en pequenos e raros enclaves na costa de Mauritania.
Nos Azores a presenza da foresta é residual, encontrándose en manchas illadas en todas as illas, sendo as maiores e máis significativas no Pico (Planalto Central e reserva forestal do Caveiro) e na Terceira (Serra de Santa Bárbara), mentres que no arquipélago de Madeira encóntrase só na ilha maior do arquipélago (illa de Madeira), onde se atopa a especie endémica Teucrium abutiloides. Ocupa nesta illa unha área de aproximadamente 15.000 hectáreas, o que corresponde ao 20% da illa, sendo o núcleo maior e mellor conservado deste bosque. Concrntrase principalmente na costa norte, en altitudes comprendidas entre os 300 e os 1400 metros. Na costa sur, aparece en áreas de altitude comprendida entre os 700 e os 1600 metros.
Nas Canarias os núcleos máis significativos atópanse na illas de Gomera (Parque Nacional de Garajonay), La Palma onde o núcleo maior e mellor conservado desta foresta nas Illas Canarias (En Los Tilos, e en todas as áreas do norte e leste da illa, e algúns do oeste do Cumbre Nueva"), e Tenerife (Parque Natural de Teno).
En Cabo Verde, aparece en manchas pequenas e raras e só nas illas máis afastadas da costa africana e con maior elevación, nas que o relevo proporciona choivas regulares en contraposición co carácter árido da xeneralidade do clima caboverdiano.
Na costa mauritánica, xorde en pequenos enclaves formados por pequenos vales que conservan condicións de humidade elevada ante o deserto. No entanto, nunca atinxe a exuberancia e a extensión ou diversidade das laurisilvas insulares.
Notas
- ↑ Definición de laurisilva no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Capelo, J., Menezes de Sequeira, M., Jardim, R., Costa, J. C. 2004. Guia da excursão geobotânica dos V Encontros ALFA 2004 à ilha da Madeira. In: A paisagem vegetal da ilha da Madeira, Capelo, J., Quercetea 6, pp. 5-45
- ↑ Mesquita, S., Capelo J., Sousa, J. 2004. Bioclimatologia da Ilha da Madeira – Abordagem numérica. Quercetea 6: 47-60