Otto Lilienthal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Karl Wilhelm Otto Lilienthal 23 de maio de 1848 Anklam, Alemaña |
Morte | 10 de agosto de 1896 (48 anos) Berlín, Alemaña |
Causa da morte | morte accidental, accidente ou incidente de aviación |
Lugar de sepultura | Berlín |
Actividade | |
Campo de traballo | Enxeñaría aeroespacial |
Ocupación | Enxeñeiro de aviación, aviador, inventor |
Familia | |
Irmáns | Marie Squire Gustav Lilienthal |
Cronoloxía | |
killed by own invention (en) | |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Enciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron |
Otto Lilientahal, nado en Aklam (Prusia) o 23 de maio de 1848 e finado en Berlín o 10 de agosto de 1896, foi un enxeñeiro industrial e aeronáutico alemán. Foi un dos pioneiros do voo e do seu estudo, logo dun enfoque experimental anterior establecido no século XVIII por George Cayley, converténdose na primeira persoa da historia que realizou voos ben planeados, repetidos e con éxito con planadores.[1] O xornais e as revistas publicaron fotografías dos seus voos a nivel internacional e influíron favorablemente na opinión pública e científica sobre a posibilidade de que unha máquina voadora puidese ser unha realidade plausible.
A maior contribución de Lilienthal foi o desenvolvemento dun voo máis pesado que o ar. Traballando xunto co seu irmán Gustav, realizou máis de 2000 voos en planadores do seu deseño, comezando en 1891 coa primeira versión do seu planador, o Derwitzer, ata a súa morte nun accidente en 1896.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Lilienthal naceu en 1848 na provincia de Pomerania, fillo de Gustav Lilienthal e a súa esposa Caroline (nada Pohle),[2] unha parella de clase media. Tiveron oito fillos, pero só tres alcanzaron a idade adulta: Otto, Gustav e Marie.[3] Os irmáns varóns traballaron xuntos toda a súa vida en proxectos técnicos, sociais e culturais.
Axiña se dedicou a estudar o voo das aves co seu irmán Gustav (1849-1933)[4] e, fascinado pola idea do voo tripulado, fixo ás con correas co seu irmán, aínda que os seus intentos de planar fracasaron. Despois asistiu á escola técnica de Potsdam durante dous anos e fundou a empresa Schwarzkopf antes de converterse en enxeñeiro de deseño industrial. Máis tarde asistiu á Real Academia Técnica de Berlín.
En 1867 comezou experimentos máis serios sobre a forza do ar, interrompidos polo seu servizo na guerra franco-prusiana. Como enxeñeiro en varias empresas, recibiu a súa primeira patente por unha máquina mineira. Cinco anos despois fundou a súa propia empresa de fabricación de caldeiras e máquinas de vapor.[5] O 6 de xuño de 1878 casou con Agnes Fisher, filla dun deputado. A música xuntábaos: ela practicaba co piano e coa voz, mentres Lilienthal tocaba a trompa e tiña unha boa voz de tenor.[6] Establecéronse en Berlín e tiveron catro fillos: Otto, Anna, Fritz e Frida.[7]
Carreira aeronáutica
[editar | editar a fonte]Lilienthal, acompañado con frecuencia coa súa esposa e o seu irmán Gustav, experimentou con planadores que evolucionaban segundo os movementos do corpo do piloto e que fixo voar lanzándose desde un outeiro artificial que construíu preto de Berlín e tamén desde outeiros naturais, especialmente nos "Rhinower Berge" (outeiros de Rhinow). Os seus primeiros deseños foron planadores monoplanos, e máis tarde deseñaron e construíron avións con outras configuracións, como biplanos, buques con ás tándem, ás con solapas e ás abatibles. En 1893 conseguiu desprazarse ata 250 metros, un récord que non se superou ata despois da súa morte.[8]
Lilienthal fixo investigacións básicas sobre a descrición exacta do voo das aves, especialmente as cegoñas, e empregou diagramas polares para describir a aerodinámica das súas ás. Axudou a demostrar que o voo máis pesado que o ar era práctico sen bater as ás, sentando as bases para que Alberto Santos-Dumont construíse con éxito o primeiro avión algúns anos despois, engalando sen axuda externa. Como resultado dos seus estudos e dos seus máis de dous mil voos, publicou artigos en revistas especializadas e realizou varias publicacións, sendo a máis coñecida unha obra titulada Der Vogelflug als Grundlage der Fliegekunst, publicada en 1889 e traducida ao inglés en 1911. Mantivo correspondencia con outros pioneiros aéreos, como Octave Chanute.
Ademais de dedicar a súa vida á investigación sobre os voos, Lilienthal tamén foi un inventor, ideando un pequeno motor que funcionaba cun sistema de caldeiras tubulares.[9] O seu motor era máis seguro que outros da época. Este invento deulle a liberdade financeira para deixar o seu traballo e centrarse na aviación. O seu irmán Gustav vivía naquel entón en Australia e Otto non participou en ningún experimento de aviación ata o regreso do seu irmán en 1885.[10]
Fundou unha empresa de caldeiras e máquinas de vapor e obtivo vinte e cinco patentes,[11] unha delas para unha máquina empregada na minería e catro relacionadas coa aeronáutica.
Lilienthal sufriu unha gran cantidade de colisións nos seus experimentos aínda que o seu planador só podía alcanzar baixas velocidades e altitudes. O 9 de agosto de 1896 sufriu un grave accidente ao caer desde unha altura de 17 metros, rompendo o pescozo á altura da terceira vértebra.[12] O seu mecánico Paul Beylich recolleuno e levouno en carruaxe a Stölln, onde foi examinado por un médico. Perdido o coñecemento, foi levado en tren de mercadorías á estación Lehrter en Berlín e, á mañá seguinte, á clínica de Ernst von Bergmann, un dos cirurxiáns máis famosos e con máis éxito na Europa da época, onde faleceu.
Existen diferentes informacións sobre as últimas palabras de Lilienthal. Unha versión popular, escrita na súa lápida é que foron "Opfer müssen gebracht werden!" ("Cómpre que haxa sacrificios!"). Porén, a dirección do Museo Otto Lilienthal dubida sobre que fosen esas.[13] Foi enterrado no cemiterio público de Lankwitz en Berlín.
Coñecido como o "Pai do Voo", os irmáns Wright recoñecérono como unha grande inspiración.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ DLR baut das erste Serien-Flugzeug der Welt nach Arquivado 26 de novembro de 2018 en Wayback Machine. 2017. Consultado o 3 de marzo de 2017.
- ↑ "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 2015-02-23.
- ↑ Anderson 2001, p. 156.
- ↑ Encyclopedia of Transportation. Nova York: Rand-McNally, 1977.
- ↑ "Archived copy". Consultado o 2018-06-01.
- ↑ Anderson 2001, p. 157.
- ↑ "Otto Lilienthal." Encyclopedia of World Biography, 2004. Consultado o 7 de xaneiro de 2012.
- ↑ "From Lilienthal to the Wrights." Otto Lilienthal Museum. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Documentation of the only preserved Lilienthal engine" Otto Lilienthal Museum. Consultado o 12 de febreiro de 2018.
- ↑ Runge and Lukasch: Erfinderleben. Die Brüder Otto und Gustav Lilienthal. Berlín 2007. ISBN 978-3-8333-0467-5
- ↑ "Patent archives of the Museum." Otto Lilienthal Museum. Consultado o 12 de febreiro de 2018.
- ↑ Harsch, Viktor; Bardrum, Benny; Illig, Petra (outubro de 2008). "Lilienthal's Fatal Glider Crash in 1896: Evidence Regarding the Cause of Death". Aviation, Space, and Environmental Medicine 79 (101): 993–994. PMID 18856192. doi:10.3357/ASEM.2283.2008.
- ↑ Reichhardt, Tony (10 de agosto de 2016). "The Last Words of Otto Lilienthal". Air & Space/Smithsonian. Consultado o 27 de xuño de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Otto Lilienthal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anderson, John D. A History of Aerodynamics and Its Impact on Flying Machines. Cambridge, UK: Cambridge University Press, 2001, First edition 1999. ISBN 978-0-521-66955-9
- Crouch, Tom D. The Bishop's Boys: A Life of Wilbur and Orville Wright. Nova York: W. W. Norton & Company, 1989. ISBN 0-393-30695-X
- Jarret, Philip. "Soaring Inspiration: Otto Lilienthal's Influence in Britain". Air Enthusiast, No. 65, setembro–outubro 1996, pp. 2–7. ISSN 0143-5450
- Lilienthal, Otto. Birdflight as the Basis of Aviation. Primeira edición, 1911 reimpresa en 2001: ISBN 0-938716-58-1
- Nitsch, Stephan. Vom Sprung zum Flug (From the jump to the flight). Berlín, Brandenburgisches Verlagshaus, 1991. ISBN 3-327-01090-0. Segunda edición modificada: Die Flugzeuge von Otto Lilienthal. Technik - Dokumentation - Rekonstruktion. (The airplanes of Otto Lilienthal. Technique - Documentation - Reconstruction). Otto-Lilienthal-Museum Anklam, 2016. ISBN 978-3-941681-88-0
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Museo Lilienthal
- Lilienthal Glider — National Air and Space Museum
- Lilienthal's appendix do libro de Chanute Progress in Flying Machines 1893.
- Movies and simulations
- "Lilienthal in England" Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. un artigo de 1967 de Flight
- Otto Lilienthal (1889) Der Vogelflug als Grundlage der Fliegekunst Arquivado 29 de outubro de 2020 en Wayback Machine., facsimile dixital da biblioteca Linda Hall
- Otto Lilienthal (1911) Birdflight as the basis of aviation, compiled from the results of numerous experiments made by O. and G. Lilienthal Arquivado 09 de marzo de 2016 en Wayback Machine. - facsimile dixital da biblioteca Linda Hall