Saltar ao contido

Sitta arctica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sitta arctica
Estado de conservación
Non avaliado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. arctica
Nome binomial
Sitta arctica
(Buturlín, 1907)
Distribución da especie no leste de Asia, segundo Redkin e Konovalova (2006).[1]
Distribución da especie no leste de Asia, segundo Redkin e Konovalova (2006).[1]

Distribución da especie no leste de Asia, segundo Redkin e Konovalova (2006).[1]
Sinonimia

Sitta europaea arctica Buturlín, 1907
Arctositta arctica (Buturlín, 1907)

Sitta arctica[2] é unha especie de ave paseriforme da familia Sittidae, que vive no norte de Asia oriental.

Este gabeador foi considerado durante moito tempo unha subespecie do gabeador azul (S. europaea), pero foi separado nunha especie propia en 2006 baseándose en caracteres morfolóxicos e moleculares. É, como media, maior en tamaño que o gabeador azul e tamén se distingue por algunhas características morfolóxicas, como a forma do peteiro, o tamaño das súas garras e a cor dos mantos baixo as ás e as plumas externas da cola. O seu canto tamén se describiu como «claramente diferente» ao do gabeador azul, sen dar máis detalles.

S. arctica vive no noroeste de Siberia, sen pasar cara ao oeste do meridiano 105º leste e habita os bosques ao norte do lago Baikal, preto do mar de Bering e o de Okhotsk sen achegarse á costa. Vive en bosques de lárices e chairas aluviais. A súa condición de especie só foi recoñecida recentemente, e debido aos poucos datos coñecidos o seu estado de conservación non foi determinado.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie é un gabeador de tamaño mediano, duns 15 cm de lonxitude.[3] As partes superiores son de cor gris azulada e as inferiores moi brancas. É moi similar a unha subespecie de S. carolinensis que se encontra en rexións máis ao norte, pero se caracteriza por un tamaño maior á media e unhas cantas características anatómicas máis ou menos fáciles de identificar. As partes superiores son de cor gris chumbo azulada, igual que na subespecie S. europaea amurensis, pero máis escuras que no resto de subespecies do gabeador azul.[4] A liña negra que cruza os ollos é máis fina e curta que no gabeador azul.[5] Os ornitólogos Yaroslav Red'kin e María Konovalova do museo de Moscova indicaron que non ten ningunha ou case ningunha marca clara na fronte e por riba da liña negra, como a dalgunhas subespecies de S. europaea;[4] por outra parte, na súa monografía sobre páridos, sítidos e cértidos, Simon Harrap afirmou que as bandas brancas están máis marcadas en S. arctica.[6] A mitra avermellada bronceada esténdese a ambos os lados dos flancos; as coberteiras baixo as ás son de cor gris escura (máis ben claras), as rectrices externas son abrancazadas en máis da metade da súa lonxitude e non hai dimorfismo sexual aparente.[4]

O peteiro é longo e estreito, a diferenza doutras subespecies do gabeador azul, coa beira da mandíbula superior (culme) practicamente dereita e o bordo da mandíbula inferior curvada cara a arriba; a base do peteiro está densamente cuberta de plumas longas.[5] A á é máis bicuda, a sétima rémixe primaria ten o mesmo tamaño que a segunda rémixe, mentres que é menor no gabeador azul.[7] O tarso é máis curto que en todas as subespecies do gabeador azul, pero a garra traseira está moito máis desenvolvida e iguala a lonxitude do dedo (uns 10 mm).[8] O macho mide 14,8 cm como media, contra 15,1 cm na femia, con envergaduras, respectivamente, de 25,7 cm e 25,2 cm. As medidas das ás dobradas no macho e a femia son, respectivamente, como media, de 86,4 mm e 83,9 mm, o peterio de 18,6 mm e 19,1 mm, a cola de 49,9 mm e 46,7 mm, e o tarso de 17,0 mm e 16,9 mm. O macho adulto pesa 21,2 g e hai datos de dúas femias que chegaron a pesar 19,7 e 22,1 g.[8]

Ecoloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]

O canto é potente.[10] En 1996 publicáronse algúns sonogramas de chamadas e cantos de S. arctica,[11] e a voz foi descrita como «netamente diferente» á do gabeador azul, pero sen facer maiores aclaracións.[4][12]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os datos dispoñibles sobre a ecoloxía da especie son moi irregulares. As observacións realizadas en 1994 demostraron que as parellas se formaban arredor do 15 de maio. Reutilizaban niños de petos Dendrocopos major e cubrían a entrada con barro para reducir o diámetro. Observáronse individos novos botándose a voar por primeira vez entre o 30 de xuño e o 4 de xullo.[10]

Durante o outono e o inverno, S. arctica realiza migracións e forma bandadas mixtas coas subespecies S. e. asiatica e S. e. baicalensis do gabeador azul.[4][13]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Esta especie é endémica de Rusia oriental e vive no centro e nordeste de Siberia. Cara ao oeste, a súa distribución comenza arredor do meridiano 105º leste,[14] preto das partes altas do Tunguska Inferior e ao norte da cunca do río Viliui (ata preto do paralelo 65º N ou do 67º N)[7] e ao sur do Lena. Cara ao leste, non supera o curso inferior do Anádyr, ao noroeste das montañas Koryak e as fontes do Pénzhina. A distribución de S. arctica non chega ás zonas costeiras, nin ao mar de Bering ou de Okhotsk.[4][7] A maior parte da súa distribución detense ao sur, onde comeza a da subespecie asiatica de gabeador azul, e é substituído ao leste na península de Kamchatka por S. e. albifrons.[15]

S. arctica vive en bosques de lárices (Larix sp.), pero tamén nas chairas aluviais.[10][15]

Sistemática

[editar | editar a fonte]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
O gabeador azul, aquí a súa subespecie nominal S. e. europaea, é a filoxeneticamente máis próxima a S. arctica.
Serguei Buturlín describiu o gabeador siberiano en 1907.

Sitta arctica describiuna o ornitólogo ruso Serguei Aleksándrovich Buturlín en 1907, a partir dun espécime (holotipo) procedente de Verjoyansk.[3] En 1916, o mesmo autor propuxo un recorte da familia Sittidae en varias subfamilias, xéneros e subxéneros; Sitta arctica foi colocado entón nun xénero propio, Arctositta Buturlín, 1916, a xuízo do autor porque tiña diferenzas morfolóxicas suficientes con outros gabeadores.[4][16] En 1928, Otto Kleinschmidt aproximou o xénero Arctositta ao grupo do gabeador azul (S. europaea),[17] e S. arctica foi considerado máis tarde como unha subespecie do gabeador azul, excepto por Andrzej Dunajewski[5] e Siegfried Eck,[18][19] que ocasionalmente o trataron como unha especie separada, pero no xénero Sitta.

En 2006, Red'kin e Konovalova fixeron unha revisión completa das subespecies de Asia Oriental do gabeador azul e propuxeron elevar permanentemente a subespecie S. e. arctica ao rango de especie, para reflectir máis claramente a diferenza morfolóxica con outras subespecies, e o feito de que S. arctica vive parcialmente en simpatría con Sitta europaea sen hibridarse (ou só en pequena media).[4] Estas análises morfolóxicas son consistentes coas análises do ADN mitocondrial que tamén se realizaron en 2006 e que mostraron unha gran diverxencia (10 % para o xene ND2) entre arctica e europaea.[20] A decisión foi apoiada por Nigel J. Collar e John D. Pilgrim en 2007[21] e aprobada polo Congreso Ornitolóxico Internacional na súa versión 1.6 (30 de xuño de 2008).[22] Na división en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, S. arctica sitúase en Sitta (Sitta) Linnaeus, 1758.[23] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e Alan P. Peterson, non se distingue ningunha subespecie dentro de S. arctica.[24][25]

Bioxeografía

[editar | editar a fonte]

En 1996, o ornitólogo ruso Vladímir Leonóvich et al propuxeron unha hipótese bioxeográfica para explicar a diferenciación dos gabeadores no nordeste de Siberia. Durante as glaciacións do Plistoceno, é posible que algúns refuxios da glaciación permitisen a supervivencia de polo menos unha parte da fauna e flora de Siberia. Algunhas poboacións de Sitta europaea relacionadas puideron sobrevivir nestas zonas de refuxio, como a cunca do Anádyr, onde Sitta arctica puido terse diferenciado, e ao sur de Kamchatka, onde a subespecie S. e. albifrons puido terse diferenciado doutras subespecies de S. europaea.[11]

Mapa da distribución de S. arctica e as diferentes subespecies de S. europaea en Asia:[1]
     Sitta arctica      Sitta europaea europaea      Sitta europaea asiatica      Sitta europaea albifrons      Sitta europaea amurensis      Sitta europaea amurensis forma «hondoensis»

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

O nivel de ameaza desta ave foi avaliado pola IUCN en outubro de 2016 como "pouco preocupante".[26] Segundo os datos BirdLife International a área de distribución deste paxaro é vasta, duns 3 910 000 km2, e as súas poboacións importantes e estables, polo que non está xustificado predicir un nivel de ameaza máis elevado.[27]

  1. 1,0 1,1 Red'kin & Konovalova 2006, p. 242
  2. "Siberian Nuthatch (Sitta arctica) Buturlín, 1907". avibase. Consultado o 14 de febreiro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 Buturlin 1907, pp. 79-80
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Red'kin & Konovalova 2006, p. 248-249
  5. 5,0 5,1 5,2 Dunajewski, Andrzej (28 de febreiro de 1934). "Eurazjatyckie formy rodzaju Sitta Linn.". Acta Ornithologica (en ruso) (Musei Zoologici Polonici) 1 (7): 181–251. 
  6. Harrap, Simon (2010). Tits, Nuthatches and Treecreepers (en inglés). David Quinn (ilustrador). A&C Black. p. 113. ISBN 978-0-7136-3964-3. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Vaurie, Charles (1959). The birds of the Palearctic fauna: Order Passeriformes (en inglés). Londres. p. 522. 
  8. 8,0 8,1 Red'kin & Konovalova 2006, pp. 257-259
  9. Red'kin & Konovalova 2006, p. 256
  10. 10,0 10,1 10,2 Tomkovich, Pavel Stanislavovich (2008). "Птицы верхнего течения реки Анадырь (Чукотка)" (PDF). Зоологические исследования. Сборник трудов Зоологического музея МГУ (en ruso) (Изд-во МГУ Москва) 49: 101–158. 
  11. 11,0 11,1 Leonovitch, Vladímir Vladimiróvich; Demina, GV; Veprintseva, Olga Dmitriyevna (1996). "Обыкновенный поползень (Sitta europaea L.) и «малые» поползни (S. villosa Verreaux, S. krueperi Pelzeln): вопросы систематики и филогении" [Sitta europaea L. e os «pequenos» gabeadores S. villosa Verreaux e S. krueperi Pelzeln: problemas de taxonomía e filoxenia]. бюллетень московского общества испытателей природы. отдел биологический [Boletín da Sociedade de Naturalistas de Moscú - División Bioloxía]. (en ruso) 101 (1): 37–49. 
  12. Portenko, Leonidas Alejandróvitch (1939). Фауна Анадырского края (en ruso). Leningrado. 
  13. Bershitskaya, TV (2002). "Landshaftno-geografi cheskie osobennosti rasprostraneniya i biologii sinits i popolznei Rossii". En Shakhin, DA; Rogacheva, EV. Изучение биологического разнообразия на Енисейском меридиональном трансекте. Животный мир (en ruso). Moscú. pp. 308–325. 
  14. Peters, James Lee (1967). Check-list of birds of the world (en inglés) XII. p. 128. 
  15. 15,0 15,1 Kistchinski, AA; Lobkov, EG (1979). "Пространственные взаимоотношения между подвидами некоторых птиц в Берингийской лесотундре" [Relacións espaciais entre algunhas subespecies de aves no bosque-tundra beringiano]. бюллетень московского общества испытателей природы. отдел биологический [Boletín da Sociedade de Naturalistas de Moscú - División Bioloxía]. (en ruso) 84 (5): 11-23. 
  16. Buturlín, Serguei Aleksándrovich (1916). "A short review of Nuthatches (Fam. Sittidae)". Travaux de la Société impériale des naturalistes de Pétrograd (en inglés) 44 (2): 145–173. 
  17. Kleinschmidt, Otto (1928). Die Realgattung Kleiber, Sitta Auto-Sitta (Kl.). Berajah, Zoographia Infinita (en alemán) 20. Halle. p. 22. 
  18. Eck, Siegfried (1976). "Aspekte zur Taxonomie chinesischer Kleiber (Sitta europaea)". Ornithologisches Jahrbuch (en alemán) (Museum Heineanum) 1: 25–31. 
  19. Eck, Siegfried (1984). "Katalog der ornithologischen Sammlung Dr Udo Bährmanns (3. Fortsetzung)". Zoologische Abhandlungen / Staatliches Museum für Tierkunde (en alemán) (Dresde) 39: 71–98. 
  20. Zink, Robert Martin; Drovetski, Sergei V; Rohwer, Sievert (setembro de 2006). "Selective neutrality of mitochondrial ND2 sequences, phylogeography and species limits in Sitta europaea." (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution (en inglés) 40 (3): 679–686. PMID 16716603. doi:10.1016/j.ympev.2005.11.002. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2009. Consultado o 16 de decembro de 2017. 
  21. Collar, Nigel J; Pilgrim, John D (2007). "Species-level changes proposed for Asian birds, 2005–2006" (PDF). BirdingASIA (en inglés) 8: 14–30. 
  22. "Species Version 1 « IOC World Bird List »" (en inglés). Congreso Ornitológico Internacional. Consultado o 8 de febreiro de 2014. 
  23. Matthysen, Erik (2010). "Appendix I: Scientific and Common Names of Nuthatches". The Nuthatches (en inglés). David Quinn (outros). A & C Black. pp. 269–270. ISBN 9781408128701. 
  24. Sitta arctica Ogilvie-Grant, 1900 da orde Passeriformes polo Congreso Ornitolóxico Internacional (en inglés).
  25. Peterson, Alan P. «Sitta arctica dos Passeriformes» (en inglés).
  26. Sitta arctica na IUCN
  27. "Siberian Nuthatch (Sitta arctica) - BirdLife Species Factsheet" (en inglés). BirdLife International. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 10 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]