Pazo dos Deportes de Riazor
Pazo dos Deportes de Riazor | |
---|---|
Vista xeral | |
Datos | |
Coordenadas | 43°22′09″N 8°24′57″O / 43.3692, -8.41583 |
Localización | A Coruña, Galiza |
Construción | |
Inauguración | 1 de agosto de 1970 |
Arquitecto | Santiago Rey Pedreira |
Estadio | |
Capacidade | 4.425 espectadores |
Propietario | A Coruña |
Localía | HC Liceo (hóckey a patíns) CB Coruña (baloncesto) |
Eventos | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Pazo dos Deportes de Riazor é un pavillón polideportivo situado na cidade da Coruña (Galiza), situado á beira do paseo marítimo da capital coruñesa, na Rúa de Manuel Murguía, xusto ao carón do Estadio Municipal de Riazor. O edificio, obra de Santiago Rey Pedreira, foi inaugurado o 1 de agosto de 1970 e ten capacidade para 5.000 espectadores. Está catalogado como elemento patrimonial.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Foi inaugurado o 1 de agosto de 1970, nun partido que enfrontou á Selección española de hóckey a patíns fronte a un combinado de xogadores do resto do mundo no que resultou vencedor o combinado español por 4-2[2]. Contou coa presenza do Xefe do Estado Español, Francisco Franco, e a súa esposa; o ministro do Exército, tenente coronel Castañón de Mena; o delegado nacional de Educación Física e Deportes, Juan Antonio Samaranch; o alcalde da Coruña, José Pérez-Ardá; máis outras autoridades locais e galegas.[3]
Desde a súa estrea o Pazo ten albergado en dúas ocasións o Mundial de hóckey a patíns: en 1972, cando gañou a selección de España, e en 1988, cando Italia gañou o seu terceiro título, revalidándoo. Tamén se disputaron nel outras grandes competicións deportivas.
O 25 e 26 de setembro de 1982 tivo lugar no Pazo dos Deportes de Riazor a fundación do BNG.[4]
Ademais de ser a sede habitual do HC Liceo, outros equipos como o Básquet Coruña xogan tamén os seus encontros como locais neste recinto. É ademais empregado como escenario para outras competicións deportivas, como boxeo (disputándose a final do campionato de Europa no 2011) ou esgrima.
Características e instalacións
[editar | editar a fonte]A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, sobre unha superficie de 5.840 m², baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira[5].
A pista polideportiva central do Pazo dos Deportes de Riazor é de parqué, e está preparada para disputar encontros de diversas disciplinas deportivas como hóckey a patíns, baloncesto, balonmán etc. Conta ademais cunha pista sintética de catro rúas para a práctica do atletismo, así como tres ximnasios, sala de judo, sala de musculación e sala de esgrima, así como nove vestiarios[6] e sala de prensa.
O pavillón foi remodelado no 2011 cun investimento de 2,4 millóns de euros[7]. A súa capacidade é de 4.425 espectadores, aínda que durante a época dourada do HC Liceo rexistraba entradas que podían achegarse aos 10.000 espectadores, se ben na actualidade unicamente rexistra grandes entradas nos partidos importantes do Liceo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Elementos patrimoniais
- ↑ "El Mundial de 1972, en La Coruña", artigo no ABC, 2 de xaneiro de 1972, páx. 59 (en castelán).
- ↑ "Inauguración de gala para el Palacio de los Deportes". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-08-02. Consultado o 2017-08-04.
- ↑ Beramendi, Justo: "Historia mínima de Galicia"
- ↑ "Franco inauguró un Palacio de los Deportes en La Coruña", artigo no ABC, 2 de agosto de 1970, páx. 66 (en castelán).
- ↑ Concello da Coruña (acceso o 16 de abril de 2012).
- ↑ "El Ayuntamiento ultima las obras del Palacio de Deportes de Riazor", artigo en La Opinión de A Coruña, 16 de marzo de 2011 (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Hóckey a patíns |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pazo dos Deportes de Riazor |
A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |