Áster (bioloxía celular)
- Para o xénero de plantas ver Aster.
O áster en bioloxía celular é unha estrutura formada por microtúbulos, chamados microtúbulos astrais, que se dispoñen radialmente lembrando a forma dunha estrela, que se orixina arredor do centrosoma durante a mitose das células animais.[1] Os raios astrais irradian da zona do material pericentriolar (centrosfera) do centrosoma. Son un dos tipos de microtúbulos, xunto cos microtúbulos cinetocóricos e os polares.
O áster ancora o fuso á membrana plasmática, e nalgunhas células a posición dos microtúbulos dos ásteres determina o punto da división celular[2]. Os microtúbulos do fuso ancoran e arrastran os cromosomas durante a mitose.
O centro organizador de microtúbulos da célula vexetal, equivalente ao centrosoma, non ten ásteres, polo que se di que a mitose vexetal é anastral.
Microtúbulos astrais
[editar | editar a fonte]O áster está formado por microtúbulos astrais, que son unha subpoboación de microtúbulos, que só existe durante e inmediatamente antes da mitose. Están definidos como microtúbulos que se orixinan no centrosoma e que non están conectados aos cinetocoros dos cromosomas.[2] Algúns deles son curtos e conectan coa membrana plasmática, e outros crecerán cara ao outro polo da célula orixinando os microtúbulos polares. Os microtúbulos astrais (feitos de tubulina) desenvólvense en medio do esqueleto de actina e interaccionan co córtex celular para axudar á orientación do fuso acromático. Están organizados en forma radial arredor dos centrosomas. O grao de reciclaxe desta poboación de microtúbulos é maior ca a de calquera outra poboación. Os microtúbulos do fuso son pois: os do áster, curtos que conectan coa zona cortical da célula, os polares longos, e os cinetocóricos, que conectan cos cromosomas.
A función dos microtúbulos astrais é axudada por proteínas dineínas específicas. Estas dineínas teñen as súas cadeas lixeiras (porción estática) unidas á membrana celular, e as súas partes globulares (porcións dinámicas) unidas aos microtúbulos. As cadeas globulares intentan moverse cara ao centrosoma, pero, como están unidas á membrana celular, isto ten como resultado que empurran os centrosomas cara á membrana, axudando así á citocinese.[2]
Os microtúbulos astrais non se requiren para a progresión da mitose, pero son necesarios para asegurar a fidelidade do proceso. A función dos microtúbulos astrais pode en xeral ser considerada como a determinación da xeometría celular. Requírense para o correcto posicionamento e orientación do aparato do fuso mitótico. Tamén están implicados na determinación do sitio da división celular baseado na xeometría e polaridade da célula.
O mantemento dos microtúbulos astrais depende da integridade do centrosoma. Tamén depende de varias proteínas asociadas aos microtúbulos como EB1 e APC.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Campbell, Neil A,; Reece, Jane B. (2005). Biology (7th ed.). San Francisco, CA: Benjamin Cummings. ISBN 0-8053-7171-0.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Alberts et al. Mitosis Citocinesis, Molecular Biology of the Cell, 4th Edition.