Saltar ao contido

Pato mandarín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Aix galericulata»)
Pato mandarín
Aix galericulata

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Aix
Especie: A. galericulata
Nome binomial
Aix galericulata
(Linnaeus, 1758) [1]
Sinonimia
  • Anas galericulata Linnaeus, 1758 [2]

O pato mandarín,[3] Aix galericulata (L.), é unha especie de ave da orde dos anseriformes e familia dos anátidos oriúnda da China, o Xapón e Siberia que, polas fermosas cores dos machos, foi introducida en diversos puntos de Europa, sendo moi apreciada pola súa beleza, polo que está presente en numerosos parques de todo o mundo.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Elegantes e de constitución repoluda, son parrulos relativamente pequenos, que miden entre 41 e 49 cm de lonxitude e teñen unha envergadura alar que vai dos 65 aos 75 cm. Os machos adultos en plumaxe reprodutora son aves de aspecto rechamante e inconfundible. Teñen o bico vermello, a cabeza verde metálica, un debuxo branco en forma de media lúa sobre dos ollos e a cara vermella con "patillas" castañas. O papo é púrpura con dúas liñas verticais brancas e os flancos avermellados, con dúas “velas” alaranxadas no lombo, formadas polas plumas da ás. A plumaxe ten reflexos metálicos.[4]

As femias teñen unha coloración moito máis discreta, castaña agrisada, manchada na parte inferior. Teñen un anel ocular branco e unha liña que parte do ollo, ademais dunha pequena parte branca nos flancos. A punta do seu bico é pálida. En xeral soi moi semellantes ás femias do chamado pato da Carolina ou pato da Florida (Aix sponsa, a outra especie do xénero).[5]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Orixinalmente a área de distribución da especie comprendía toda a Asia oriental, pero as exportacións masivas (para parques e coleccións) e a destrución do seu hábitat reduciron fortemente as súas poboacións no nordeste da China e a rexión rusa do Amur a un número por debaixo das 1 000 parellas en cada unha das zonas; no Xapón, porén, estímase que existen unhas 5 000 parellas.[6]

Actualmente a especie está moi ameazada nestas áreas.

Área de distribución orixinal do pato mandarín e zonas onde se introduciu e cría de forma natural.
      Cría         Residente nativo         Migrante         Visitante invernal         Residente introducido

Como ave de parques e zoos espallouse case por todo o mundo, sendo moi común que algúns espécimes escapen de coleccións, e durante o século XX asilvestráronse algunhas poboacións, con máis ou menos éxito, nalgunhas zonas coma Alemaña, Austria, Suíza, os Países Baixos e o sur de Inglaterra, que conta co censo máis importante cunhas 1 000 parellas.

A poboación salvaxe europea, que conta cunhas 7 000 parellas, e sería hoxe superior á asiática.

As poboacións salvaxes asiáticas son migratorias, e pasan o inverno nas terras baixas do sur da China e do Xapón.

Malia que os seus efectivos mundiais estímanse entre 60 000 e 65 000 individuos, a IUCN non considera o pato mandarín especie ameazada.[7]

En estado salvaxe os patos mandaríns crían en zonas de bosque mesto preto de lagos pouco fondos, pantanos ou estanques.

A súa presenza como visitante na Península Ibérica é excepcional,[8] pero existen rexistros de capturas en diversos lugares.[9] En Galicia é accidental.[9]

Na natureza son aves tímidas que se moven entre a vexetación mesta, voando con habilidade entre as pólas e agatuñando polas árbores. Son pouco sensibles ao frío, o que lles permite sobrevivir no inverno centroeuropeo. Buscan comida (sobre todo plantas e sementes) tanto en terra como na auga, pero principalmente no chan, apañando mesmo sementes grandes, como as das faias e as landras dos carballos. Aliméntanse principalmente ao amencer ou cando empeza a anoitecer, e pasan o día pousados nunha pola ou agachados na vexetación.

En inverno poden formar pequenos grupos, pero raramente se asocian con outros patos.

Aniñan en buratos de árbores próximos á auga. Ao pouco tempo de naceren os parruliños, a súa nai voa ao solo, animándoos a saltar do niño.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Fan os niños en buratos das árbores próximas á auga. Poñen de 6 a 10 ovos brancos, duns 5 cm de longo, que chocan uns 31 días. Cando os polos saen do ovo, a nai salta ao solo e chámaos inmediatamente para salten tamén eles. Os parruliños móvense xa de pequenos con facilidade polas pólas, grazas ás unllas aguzadas e a cola longa.

Crenzas e simbolismo

[editar | editar a fonte]

En Asia oriental os patos mandaríns foron considerados animais portadores de boa fortuna, e de amor e afecto conxugal.

Na China o pato mandarín segue a ser un símbolo de fidelidade dentro do matrimonio, malia que as parellas de mandaríns non duran máis ca unha estación, de tal forma que neste país adoita agasallarse cunha parella destes patos, como regalo principal, nas vodas máis importantes.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Aix galericulata (Linnaeus, 1758) en ITIS. (en inglés)
  2. "Protónimo de Aix galericulata" en AviBase.
  3. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 
  4. Shurtleff, Lawton; Savage, Christopher (1996). The Wood Duck and the Mandarin: The Northern Wood Ducks. University of California Press. ISBN 0-520-20812-9. 
  5. Mullarney,K.; Svensson, L.; Zetterström, D; e Grant, P.J. (2003). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa. Editorial Omega. ISBN 84-282-1218-X. 
  6. Madge, Steve; Burn, Hilary (1987). Wildfowl: An identification guide to the ducks, geese and swans of the world. Christopher Helm. London. pp. 188–189. ISBN 0-7470-2201-1. 
  7. Aix galericulata Arquivado 11 de abril de 2009 en Wayback Machine. na Lista Vermella da IUCN. (en inglés)
  8. Área de dispersión en Oiseaux.net.
  9. 9,0 9,1 Penas Patiño, Xosé M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (1991): Guía das aves de Galicia. A Coruña: Bahia Edicións. ISBN 84-87674-06-2, pp. 54-55.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]