Aldonza Lourenzo de Valadares
Biografía | |
---|---|
Morte | 1360 (Gregoriano) |
Familia | |
Parella | Pedro Fernández de Castro |
Fillos | Alvar Peres de Castro, Inés de Castro |
Pais | Lourenço Soares de Valadares e Sancha Nunes de Chacim |
Irmáns | Inês Lourenço de Valadares Berengária Lourenço de Valadares |
Aldonza Lourenzo de Valadares, finada despois de 1360, foi unha nobre portuguesa (galega para Eduardo Pardo de Guevara)[1], e nai de Alvar Peres de Castro e Inés de Castro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla do nobre portugués Lourenzo Soares de Valadares[2], ricohome, conselleiro dos reis Afonso III e Dinis de Portugal, tenente de Riba Fouga e de Riba Minho e señor de Tangil, e de Sancha Nunes de Chacim, filla de Nuno Martins de Chacim, ricohome, tenente de Braganza, meiriño maior de Afonso III e mordomo maior do rei Dinis I de Portugal, e da súa segunda esposa, Teresa Nunes Queixada. O pai de Aldonza foi aio de Pedro Fernández de Castro, quen lle foi entregado pola súa nai para a súa protección despois da morte do seu pai.
Tivo varias irmás de nai e pai, entre elas: Berenguela Lourenzo de Valadares, esposa de Afonso Téllez de Meneses O Raposo; Branca, que casou con Martín Eanes de Briteiros; Xoana, comendadora do Mosteiro de Santos até 1348; e Constanza e Beatriz Lourenzo de Valadares, ámbalas dúas monxas no Mosteiro de Arouca.
Aldonza, que nunca chegou a casar[3], mantivo unha relación con Pedro Fernández de Castro co que tivo dous fillos:
- Alvar Peres de Castro, (m. en xullo de 1384), conde de Arraiolos e primeiro Condestable de Portugal[4];
- Inés de Castro (m. en 1355), raíña a título póstumo de Portugal, polo seu matrimonio secreto con Pedro I de Portugal.
Francisco Fernández de Béthencourt mantén que Aldonza estivo lexitimamente casada con Pedro Fernández de Castro "aunque se anulara después por motivos que no ha logrado descubrir nuestra diligencia".[5]
A data de falecemento de Aldonza sería despois de 1360, ano no que figura unha doazón ao mosteiro de Ancede dos seus dereitos na igrexa de Leocadia de Lágea[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (2000). Los señores de Galicia: tenentes y condes de Lemos en la Edad Media. Galicia histórica (en castelán). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 157. ISBN 84-89748-72-1.
- ↑ De Sotto Mayor Pizarro, José Augusto (1997). Linhagens Medievais Portuguesas (en portugués). p. 793-795.
- ↑ 3,0 3,1 De Sotto Mayor Pizarro, José Augusto (1997). Linhagens Medievais Portuguesas (en pt). p. 796.
- ↑ De Sotto Mayor Pizarro, José Augusto (1987). Os patronos do Mosteiro de Grijo (en pt). Porto. p. 30.
- ↑ Fernández de Béthencourt, Francisco (1902). Historia genealógica y heráldica de la monarquía española, Casa Real y Grandes de España (en castelán). Tomo IV. Madrid: Establecimiento Tipográfico de Enrique Teodoro. p. 460.