Saltar ao contido

Ano Santo Xacobeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ano Xacobeo»)

O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.

Contador xacobeo 2010, Santiago de Compostela.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Para conseguir a bula xubilar ou xubileu o católico ten que visitar a catedral de Santiago de Compostela, onde segundo a tradición está o sartego do apóstolo Santiago o Maior, rezar algunha oración, cando menos o credo, o nosopai e pedir polas intencións do papa. Tamén debe recibir os sacramentos da comuñón e da penitencia. A graza que o peregrino obtén en ano santo é a indulxencia plenaria dos seus pecados.

O primeiro ano santo compostelán do que se ten noticia é o do ano 1428, convocado polo arcebispo Lope de Mendoza, aínda que a historiografía tradicional afirmaba que se debía a unha bula do papa Calisto II no ano 1122 grazas a unha falsificación feita a fins do século XV da bula de Alexandre III, Regis Aeterni, que o establecía así.

Táboa dos anos Santo Xacobeos [1]
Os 28 anos Santo Xacobeos dos séculos XX e XXI
+6 +5 +6 +11
+28 1909 1915 1920 1926
+28 1937 1943 1948 1954
+28 1965 1971 1976 1982
+28 1993 1999 2004 2010
+28 2021 2027 2032 2038
+28 2049 2055 2060 2066
+28 2077 2083 2088 2094

A bula Deus Omnipotens, promulgada polo papa León XIII en 1884, con ocasión do redescubrimento dos restos do Apóstolo no chan da Capela Maior que foran escondidos polo arcebispo Juan de Sanclemente tres séculos antes (en 1589), ademais de autenticar as reliquias atopadas, ratifica o privilexio de celebrar o ano santo naqueles anos nos que a festividade do Apóstolo coincida en domingo.

Houbo só tres excepcións neste calendario, cos anos santos extraordinarios celebrados en 1885, pola proclamación da bula antedita; en 1938, porque se prorrogou o de 1937, por mor da guerra civil e en 2022, que se prorrogou o de 2021 pola pandemia de Covid19.

  1. Fonte: Calendario perpetuo Arquivado 04 de marzo de 2010 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]