Saltar ao contido

Pato cristado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Aythya fuligula»)
Aythya fuligula

O pato cristado ou parrulo cristado[2] (Aythya fuligula) é un anátido mergullador de pequeno tamaño.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os machos adultos son negros, cos lados brancos e o peteiro de cor azul, cunha crista de plumas na cabeza que lle dá o nome á especie. Os ollos son amarelos brillantes.

As femias adultas son castañas cos lados máis pálidos, moi semellantes ás femias doutras especies próximas. Algunhas teñen unha marca branca ó redor do bico.

Femia de pato cristado

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Cría en zonas temperadas e do norte de Eurasia. Aparece como visitante ocasional nas costas dos Estados Unidos e o Canadá. Ocuparon Centroeuropa no século XVIII procedentes do oeste e do norte. A expansión que está a sufrir a súa area de distribución atribúese ao aumento das poboacións de mexillóns de auga doce e á aparición de superficies acuáticas novas como consecuencia da extracción de áridos. Os máis dos exemplares son migratorios e pasan os invernos nas zonas máis mornas do oeste e sur de Europa e sur de Asia. Nalgunhas zonas, coma nas illas británicas, as costas do mar do Norte, Alemaña, Francia, Polonia e o Benelux son sedentarios. No inverno forman grandes bandadas en augas abertas.

Vive a carón de lagos e pantanos, pero atópase tamén en ríos, lagoas costeiras, na beira do mar e en estanques urbanos.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Cría en áreas con moita vexetación preto de lagos e pantanos. Fai o niño no chan, agochado entre as plantas. A época reprodutora vai de xuño a xullo e crían os polos ata agosto.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O 60% da súa dieta componse de mexillóns e caracois, un 30% de artrópodos e outros animais pequenos, e o resto de vexetais. Cando busca comida pode mergullarse ata os dous metros de profundidade. En xeral, os pitos son alimentados exclusivamente de insectos.

En Europa crían entre 250.000 e 300.000 parellas. En Rusia entre 400.000 e 500.000.

Ave de adorno

[editar | editar a fonte]

O pato cristado, que é unha especie de parrulo atractiva, áxil e fácil de coidar, é unha ave decorativa en parques desde hai moito tempo. No século XVII estaba presentes nos xardíns de Versalles e Londres. En 1848 no zoo londiniense criáronse os primeiros polos nados en catividade.

Nome común noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán:Reiherente
  • Búlgaro: Kachulata potapnitsa (Качулата потапница)
  • Checo:Polák chocholačka
  • Danés:Troldand
  • Inglés: Tufted Duck
  • Español: Porrón moñudo
  • Estoniano: Tuttvart
  • Finés Tukkasotka
  • Francés: Fuligule morillon
  • Húngaro:Kontyos réce
  • Islandés: Skúfönd
  • Italiano:
  • Neerlandés: Kuifeend
  • Noruegués: Toppand
  • Sueco: Vigg
  1. BirdLife International (2012). "Aythya fuligula". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Forma preferida polo bUSCatermos, toma como referencias: "Zooloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000; VV. AA. (2012) Vocabulario forestal. Santiago de Compostela, Universidade / Deputación de Lugo

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]