Bandeira LGTB
A bandeira LGTB ou bandeira do arco da vella —ás veces denominada bandeira da liberdade— é unha bandeira multicor que foi utilizada como símbolo do orgullo gai e lésbico dende fins dos anos 1970. As diferentes cores simbolizan a diversidade na comunidade LGTB e as súas cores son utilizados a miúdo en marchas por reclamos. Aínda que naceu en California, actualmente é utilizada en todo o mundo.
A bandeira do arco da vella foi popularizada en 1978 como símbolo do orgullo gai polo seu creador, Gilbert Baker, artista nado en Kansas.[1] A versión actual consiste en seis franxas de cores vermella, laranxa, amarela, verde, azul e violeta, que reproducen a orde das cores do contrasol.
Historia
[editar | editar a fonte]Había bandeiras semellantes nos Estados Unidos nos primeiros anos da década de 1970, usadas como símbolo de unidade internacional de toda a xente do planeta, porén, a finais desa década, a relación popular desas cores co orgullo LGTB comezou a dominar. A bandeira orixinal foi deseñada por Gilbert Baker. Ondulou por vez primeira no Festival do orgullo de San Francisco, o 25 de xuño de 1978. Disque Baker inspirouse na canción «Over the Rainbow», interpretada por Judy Garland.[2] Consistía de oito cores, cada unha cos seus significados:
Rosa: sexualidade |
Vermello: vida |
Laranxa: saúde |
Amarelo: luz do Sol |
Verde: natureza |
Turquesa: maxia/arte |
Anil/azul: serenidade |
Violeta: espírito |
Despois do 27 de novembro de 1978, tras o asasinato de Harvey Milk, Membro da Xunta de Supervisores de San Francisco, a demanda da bandeira do arco da vella acrecentouse. Para fomentar a demanda, a Paramount Flag Company comezou a vender unha nova versión da bandeira, de sete cores, en detrimento da cor rosa. Baker adheriuse á nova bandeira debido á pouca ou nula dispoñibilidade de fábricas que utilizasen a cor faltante.
En 1979, a bandeira foi modificada de novo. Cando as bandeiras eran instaladas nos postes de luz de San Francisco, as cores centrais camuflábanse cos mesmos postes. Desa forma, a mellor maneira de solucionar ese problema era reducindo a cantidade de cores da bandeira. Desta forma, formouse o deseño actual de seis franxas.
Durante os anos 1980, medrou a popularidade da bandeira a nivel nacional nos Estados Unidos e posteriormente foi facendo aparicións no ámbito internacional.
En 2003, no vixésimo quinto aniversario da súa creación, o seu creador, Gilbert Baker, tentou volver popularizar a bandeira de oito franxas orixinal, sen demasiado éxito, xa que a maioría da comunidade LGTB inclinouse pola máis coñecida bandeira de seis franxas.
O 14 de xuño de 2004, uns activistas gais viaxaron a unhas deshabitadas illas australianas nos mares de coral e izaron a bandeira LGTB, proclamando ese territorio libre de Australia.
Hoxe moitos LGTB, así como defensores dos dereitos LGTB, utilizan a bandeira nas portas das súas casas, locais, vehículos, así como en pulseiras ou calcomanías coas cores do arco da vella como unha maneira de exteriorizar o seu apoio ao colectivo LGTB.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Diversidade sexual |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Orgullo - O arco da vella real (en inglés)
- O reino gai e lésbicoArquivado 27 de xuño de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)