Saltar ao contido

Centrohélidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Centrohélidos

Raphidiophrys contractilis
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Hacrobia
Orde: Centrohelida
Kühn 1926
Familias

Raphidiophryidae
Acanthocystidae
Heterophryidae

Os centrohélidos (Centrohelida) ou centroheliozoos (Centroheliozoa) son un gran grupo de protistas do tipo dos heliozoos.[1] O grupo inclúe tanto formas móbiles coma sésiles, que se atopan en augas doces e mariñas, especialmente de certa profundidade. Actualmente clasifícanse dentro do grupo dos Hacrobia, aínda que a súa clasificación é discutida.

Características

[editar | editar a fonte]

Os individuos son unicelulares ou esféricos, xeralmente de arredor de 30-80 μm de diámetro, e cubertos con longos axopodios radiais, que son pseudópodos estreitos cos que capturan o alimento e que as formas móbiles utilizan para moverse.

Só uns poucos xéneros carecen de cuberta celular, xa que a maioría teñen unha cuberta xelatinosa con escamas e espiñas, producida en vesículas de deposición especiais. Estas poden ser orgánicas ou silíceas e poden ter varias formas e tamaños. Por exemplo, en Raphidiophrys a cuberta esténdese ao longo das bases dos axopodios, cubríndoos con espículas curvadas que lles dan un aspecto arbóreo de piñeiro, e en Raphidiocystis existen tanto espículas con forma de copa curtas coma espículas tubulares longas, que son só un pouco máis curtas cós axopodios. Algúns outros xéneros comúns son: Heterophrys, Actinocystis, e Oxnerella.

Os axopodios dos centrohélidos están sostidos por microtúbulos cunha disposición triangular-hexagonal, que xorde do seu gránulo tripartito chamado centroplasto situado no centro da célula. Axopodios cunha estrutura similar aparecen nos ximnosféridos, que foron tradicionalmente considerados centrohélidos (aínda que ás veces clasificados nunha orde separada). Esta relación cos centrohélidos foi cuestionada cando se descubriu que teñen mitocondrias con cristas tubulares, coma as dos outros heliozoos, entanto que nos centrohélidos as cristas son planas. Aínda que este xa non se considera un carácter moi fiable para a clasificación, en conxunto os ximnosféridos parecen hoxe ser un grupo separado.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A posición evolutiva dos centrohélidos non está clara. As comparacións estruturais con outros grupos son difíciles, en parte porque os centrohélidos non teñen flaxelos, e os estudos xenéticos foron máis ben pouco concluíntes. Cavalier-Smith suxeriu que poden estar relacionados cos Rhizaria,[2] pero a maior parte dos autores prefiren tratalos como un grupo con relacións inseguras con outros grupos. Unha publicación de 2009 suxire que poden estar relacionados coas criptófitas e haptófitas (ver Hacrobia).[3] Actualmente están clasificados como Hacrobia, no clado plantas+HC.

  1. Nikolaev SI; Berney C; Fahrni JF; et al. (2004). "The twilight of Heliozoa and rise of Rhizaria, an emerging supergroup of amoeboid eukaryotes". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 101 (21): 8066–8071. PMC 419558. PMID 15148395. doi:10.1073/pnas.0308602101. Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2020. Consultado o 27 de xuño de 2012. 
  2. Cavalier-Smith T, Chao EE (2003). "Molecular phylogeny of centrohelid heliozoa, a novel lineage of bikont eukaryotes that arose by ciliary loss". J. Mol. Evol. 56 (4): 387–396. PMID 12664159. doi:10.1007/s00239-002-2409-y. 
  3. Burki, F; Inagaki, Y; Bråte, J; Archibald, J.; Keeling, P.; Cavalier-Smith, T; Sakaguchi, M; Hashimoto, T; Horak, A; Kumar, S; Klaveness, D; Jakobsen, K.S; Pawlowski, J; Shalchian-Tabrizi, K (2009). "Large-scale phylogenomic analyses reveal that two enigmatic protist lineages, Telonemia and Centroheliozoa, are related to photosynthetic chromalveolates". Genome Biology and Evolution 1: 231–238. PMC 2817417. PMID 20333193. doi:10.1093/gbe/evp022. Arquivado dende o orixinal (Free full text) o 10 de xullo de 2012. Consultado o 27 de xuño de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]