Colexio de San Clemente
Colexio de San Clemente | |
---|---|
Colexio de San Clemente | |
Edificio | |
Localización | Santiago de Compostela |
Coordenadas | 42°52′40″N 8°32′48″O / 42.877777777778, -8.5466666666667 |
Uso(s) | IES Rosalía de Castro |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Colexio de San Clemente de Pasantes é un edificio civil de inicios do século XVII, localizado en Santiago de Compostela, nas inmediacións da Porta Faxeira e do lado norte do Parque da Ferradura. Actualmente acolle o IES Rosalía de Castro, e anteriormente foi o instituto feminino.
Historia
[editar | editar a fonte]Foi fundado polo arcebispo Juan de Sanclemente, en 1601, para Pasantes ou Graduados, a fin de que puidesen ampliar estudos aqueles que remataran a carreira; aínda que non iniciou as súas funcións até 1630. Desde os primeiros momentos, a aparición deste novo colexio, despertou a animadversión do de Fonseca. As disputas entre ambos polo título de único colexio maior de Santiago foron presentadas perante a xustiza real, e só, en 1730, un decreto do rei Filipe V coutou a desavinza ao conceder o título de "maior" exclusivamente a Fonseca. O Colexio de San Clemente desapareceu como tal en 1809.
A obra debeu ser encargada a Ginés Martínez, segundo aduciu Bonet Correa, e foi executada entre 1607 e 1609 por Xácome Fernández e mais Leonel de Avalle, estando Martínez xa ausente de Santiago, en estilo maneirista. O lugar onde se ergueu formaba parte naquela altura da carballeira de Santa Susana, estando por iso fóra do casco urbano compostelán. A porta máis próxima sería a devandita Faxeira.
Descrición
[editar | editar a fonte]Martínez adoptou un plano rectangular, con patio central, levantando unha edificación, de dous corpos en altura, sobria de liñas rectas, que só rompe na portada, artellada de xeito similar á do Colexio de Fonseca -o que debeu constituír un consello do comitente-, mais con menos elementos decorativos, seguido unha organización de tipo arco de triunfo, máis con uso de elementos clasicistas: nichos coroados por frontonciños, ou con semibóvedas; columnas clasicistas nos laterais; frontón triangular que remata o conxunto. Porén o uso de pedestais e zapatas, arquitrabes e cornixas salientes, outorga certa mobilidade e xogos de sombras, que son máis característicos do maneirismo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bonet Correa, Antonio (1965). La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid.
- Chamoso Lamas, Manuel (1980). Santiago de Compostela. A Coruña.
- González García-Paz, Sebastián (1993). O Colexio de San Clemente de Pasantes de Compostela. Santiago de Compostela.
- Xacobeo 2004, Compostela y el Colegio de san Clemente de pasantes. Santiago de Compostela. 2004