Donna Pope
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de outubro de 1931 Cleveland. Ohio. |
Morte | 23 de xuño de 2023 (91 anos) |
Ohio state representative (en) | |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Actividade | |
Lugar de traballo | Columbus |
Ocupación | Política e alta funcionaria. |
Partido político | Partido Republicano |
Directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1981-1991) |
Donna (Kolnik) Pope,[1] nada en Cleveland, Ohio, o 15 de outubro de 1931, é unha política e alta funcionaria estadounidense, que ocupou o posto de directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1981 e 1991, baixo a presidencia de Ronald Reagan.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Donna Pope naceu en Cleveland, Ohio, o 15 de outubro de 1931,[1][2] filla de Marie Josephine Thiel e de John Emil Kolnik.[3]
Actividade política
[editar | editar a fonte]A partir de 1972 foi membro da Cámara de Representantes de Ohio, polo Partido Republicano, e en 1978 foi elixida voceira da minoría. Nesta cámara mantívose durante seis períodos lexislativos[1] e formou parte das comisións xudicial, de normas, de ética e de servizos lexislativos.[2]
En 1979 e 1980 foi copresidenta da campaña electoral de Ronald Reagan en Ohio e tamén copresidiu a delegación deste Estado na Convención Nacional Republicana de 1980.[2]
Directora da Casa da Moeda dos EEUU
[editar | editar a fonte]En xullo de 1981 foi designada polo presidente Reagan para ser a cuarta muller consecutiva —e a quinta ata o momento— en ocupar a dirección da Casa da Moeda dos Estados Unidos, e en 1986 confirmouna no posto para un novo mandato, que concluíu en 1991.[4]
Durante o seu período na ceca pública emprendeu unha fonda renovación do programa de emisións conmemorativas. Entre os feitos máis destacables deste período están a cuñaxe das primeiras moedas conmemorativas desde 1954 —e en ouro, as primeiras desde 1933—[5] e o inicio do exitoso programa American Eagle; dirixiu os programas de moedas dun dólar conmemorativo e no seu derradeiro ano como directora lanzouse o dólar de prata conmemorativo da guerra de Corea.[4] Tamén foi a directora de márketing no seu país para o programa de moedas do centenario do Comité Olímpico Internacional.[1][6]
Outra das súas achegas foi a creación da Oficina do Historiador da Casa da Moeda dos Estados Unidos, para investigar sobre a historia desta institución.[4]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Entre os recoñecementos máis salientables pola súa carreira están a inclusión entre as lexisladoras máis influentes do país polo Instituto de Política da Universidade Rutgers e polo Instituto da Política da Muller do Mount Vernon Seminary and College, de Washington.[2]
No ámbito numismático, en 1991 Pope foi merecedora do Premio ao Servizo Público Destacado, da American Numismatic Society.[1][7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Donna Pope casou o 21 de outubro de 1951 con Raymond Pope, con quen tivo dúas fillas.[1][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Smith, P. (2012).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Nomination of Donna Pope To Be Director of the Mint". The American Presidency Project.
- ↑ 3,0 3,1 "Donna Pope". Prabook.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 McPike, S. (2015).
- ↑ "U.S. Mint again going for the gold". En Chicago Tribune. 9 de setembro de 1986.
- ↑ "U.S. Treasurer and ex-Mint Director comment on coins". Chicago Tribune. 8 de setembro de 1991.
- ↑ "ANA Past Award Recipients". Páxina 11. American Numismatic Association.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- McPike, S. (2015). "Six Women Who Have Led the United States Mint". United States Mint News. 18 de marzo.
- Smith, P. (2012). "Pope, Donna (Kolnik)". En American Numismatic Biographies. Páxina 296.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Retrato de Donna Pope (Ronald Reagan Presidential Library & Museum)
Predecesor: Stella Hackel Sims |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1981 - 1991 |
Sucesor: David J. Ryder |