Saltar ao contido

Elantris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Elantris
Título orixinalElantris
Autor/aBrandon Sanderson
OrixeEstados Unidos de América
Lingualingua inglesa
Xénero(s)Fantasía
EditorialTor Books
Data de pub.21 de abril de 2005
editar datos en Wikidata ]

Elantris é unha novela de fantasía escrita polo autor de fantasía e ciencia ficción estadounidense Brandon Sanderson. O libro foi publicado o 21 de abril de 2005 por Tor Books e foi o primeiro libro de Sanderson publicado. O libro recibiu críticas positivas en xeral e foi traducido a varias linguas. Dúas obras relacionadas, Hope of Elantris e The Emperor's Soul, foron lanzadas e dúas novelas adicionais da mesma serie foron anunciadas. A historia segue tres personaxes principais: o príncipe Raoden de Arelon, a princesa Sarene de Teod e o sacerdote Hrathen de Fjordell. Ao comezo da historia, Raoden é maldecido cunha antiga transformación coñecida como a Shaod e é exiliado en segredo á cidade de Elantris días antes de que a súa prometida, a princesa Sarene de Teod, chegue para a súa voda. Mentres Raoden intenta evitar as bandas, manter a súa cordura e unir a xente de Elantris, Sarene debe lidar coa perda do seu futuro esposo e tratar de salvar Arelon de Hrathen, un sacerdote enviado para converter toda Arelon á relixión de Fjordell ou condenala á destrución.

Elantris foi unha vez un lugar de maxia e os inmortais elantrinos eran deuses aos ollos da xente, coa habilidade divina de crear e curar cun simple xesto da man. Calquera persoa en Arelon tiña o potencial de se converter nun elantrino a través dunha transformación máxica coñecida como a Shaod. Porén, hai dez anos, un cataclismo coñecido como a Reod destruíu a maxia de Elantris dalgunha maneira, os habitantes da cidade comezaron a estaren "malditos" e esta foi illada da sociedade. Calquera persoa afectada pola Shaod agora é obrigada a entrar en Elantris para permanecer alí para sempre, inmortal, mais maldita con fame insaciábel e dor incurábel.

O libro céntrase en tres personaxes principais cuxas historias entrelázanse. Boa parte da obra ocorre en grupos de tres capítulos, un por cada un dos tres personaxes principais. A maioría da historia ten lugar no país de Arelon.

Personaxes principais

[editar | editar a fonte]

Hai tres personaxes principais cos seus puntos de vista na historia:

  • O príncipe Raoden, o príncipe de Arelon, é transformado nun elantrino ao comezo do libro. Após a Reod, os elantrinos eran maldecidos con manchas escuras na súa pel e o seu cabelo caía. Os malditos non podían morrer ou seren matados excepto con medidas drásticas como seren queimados ou decapitados. Unha parte importante da maldición é que os seus corpos non poden ser curarse, polo que continúan a sentir a dor dunha deda golpeada ou negróns perpetuos. Co tempo, as lesións menores acumúlanse, volvéndoos a todos tolos ao final. Os elantrinos non necesitan comer, mais senten unha fame atroz cando non o fan. Unha vez que Raoden é transformado, é enviado inmediatamente a Elantris en segredo mentres o seu pai finxe que morreu de súpeto. A historia de Raoden céntrase nos seus esforzos para manter a cordura e mellorar o modo de vida dos elantrinos máis alá da anarquía estabelecida coa caída de Elantris. Mediante a mostra de incríbeis habilidades como líder consegue que os elantrinos se centren no traballo como oposición ao seu sufrimento. Tamén consegue calmar ou unir as bandas que aterrorizaban os novos elantrinos antes da súa chegada.
  • A princesa Sarene é a princesa de Teod e tería sido a prometida política de Raoden de non ter sido maldito. Raoden non chega a coñecela persoalmente, polo cal é unha sorpresa para ela cando ao chegar a Arelon descobre que se lles considera casados se algún deles morrese antes da voda. Viúva dun príncipe supostamente morto e nova membro da inadecuada nobreza de Arelon, Sarene loita que está a pasar exactamente nos asuntos da aristocracia de Arelon, o pobo oprimido de Arelon e Elantris, e que lle pasou exactamente ao seu marido falecido. A súa historia segue os seus intentos de estabilizar e mellorar a monarquía e o sistema político, o cal incentivaba os nobres a maltrataren os campesiños. Na súa estancia en Arelon entérase do gyorn Hrathen e confía no seu coñecemento e as súas habilidades para previr a súa revolución relixiosa.
  • Gyorn Hrathen, un gyorn derethi, tamén coñecido como un sacerdote de alto rango, chega a Arelon co mandato de converter o país á relixión derethi en tres meses, ou os supostos exércitos da súa relixión virán para destruíren a totalidade da nación de Arelon. Así, desfila polo país para difundir propaganda coa intención de facer que os arelenos odien Elantris e o Shu-Korath e, despois, convertelos ao Shu-Dereth. Aprovéitase da corrupta aristocracia da rexión para alcanzar o seu obxectivo final, normalmente reuníndose en segredo con eles para os subornar. A historia de Hrathen céntrase nos seus esforzos para manipular politicamente a nobreza arelena, coa intención final de estabelecer un derethi converso no trono. A novela céntrase por veces nas súas loitas internas, xa que sente que ten que poñerse de acordo coa relixión na cal se supón que cre, aínda que ás veces se cuestiona a ética das súas accións.

Os aons son primordiais na trama do libro. Eles son o motivo polo cal os elantrinos podían realizar maxia. Moitos dos nomes das personaxes son variacións dos aons, como é costume neste mundo de fantasía; as imaxes dos aons poden ser encontradas ao final do libro. Raoden redescobre moitos dos aons na súa estadía en Elantris, preservados en rolos que non foron consumidos pola deterioración da cidade. Raoden aprende a invocar os aons, mais descobre que perderon o seu poder, motivo do colapso de Elantris. Preto do final do libro, Sarene axuda a Raoden a descubrir que as formas dos aons coinciden con puntos de referencia e patróns naturais localizados polo país. Unha enorme fenda na terra que corta o territorio alterou estas referencias, o cal provocou que os aons perderan o seu poder. Ao reconstruír os aons coa adición da greta no seu deseño, Raoden restaura o poder dos aons. Tras darse de conta de que Elantris e as cidades do redor son agora un grande aon, Raoden debuxa unha liña xigante para representar a fisura, o cal restaura Elantris e os elantrinos á súa gloria pasada.

O Cosmere

[editar | editar a fonte]

Como moitas outras novelas e coleccións de Sanderson, incluíndo Mistborn, The Stormlight Archive, Warbreaker e Arcanum Unbounded: The Cosmere Collection, Elantris ten lugar nun universo coñecido como o Cosmere. A pesar de que as distintas novelas, relatos e series dentro do Cosmere son narrativas separadas, todas están conectadas, e as referencias a outras obras do Cosmere son comúns. Unha figura misteriosa chamada Hoid aparece nalgún momento en todas as novelas e series de Sanderson, incluíndo o último capítulo de Elantris. A súa orixe e os seus obxectivos aínda son descoñecidos.

Lanzamentos

[editar | editar a fonte]

Elantris foi publicado por Tor Books en tapa dura o 21 de abril de 2005 e foi o primeiro libro de Sanderson publicado. Coincidindo co lanzamento xeral, o Science Fiction Book Club lanzou unha edición en tapa dura en maio de 2005. A edición en tapa branda de Tor foi publicada o 30 de maio de 2006, seguida da edición electrónica en abril de 2007. En outubro de 2015, unha edición definitiva do autor co gallo do décimo aniversario foi lanzada en tapa dura e branda, con dez mil palabras adicionais de contido adicional.[1] En decembro de 2015, a Elantris Tenth Anniversary Dragonsteel Leather Edition foi publicada, a cal incluíu páxinas a cor de arte relacionada con Elantris, novos mapas e equipos de composición de dous tons.[2]

Foi traducida ao alemán, búlgaro, chinés, checo, español, francés, hebreo, húngaro, italiano, neerlandés, polaco, romanés, ruso, turco e xaponés.[3]

Audiolibros

[editar | editar a fonte]

GraphicAudio lanzou Elantris como unha produción de son actuada o 1 de abril de 2009. Foi adaptado e producido con elenco completo, narrador, efectos sonoros e música. Recorded Books publicou un audiolibro dixital de Elantris: Tenth Anniversary Author's Definitive Edition o 7 de outubro de 2015, narrado por Jack Garrett.

Recepción

[editar | editar a fonte]

Elantris obtivo maiormente críticas positivas.[4] O novelista, crítico, orador, ensaísta e columnista estadounidense Orson Scott Card comentou na súa páxina web que Elantris é a mellor novela de fantasía escrita en moitos anos. Brandon Sanderson creou un mundo verdadeiramente orixinal de maxia e intriga e, co rigor dos mellores escritores de ciencia ficción, fíxoo real a todos os niveis.[5]

Kirkus Reviews gabou o libro porque non era o primeiro libro dunha serie: "Unha novela de fantasía épica que non é (sorprendentemente) o primeiro tomo dunha secuencia infinita... [con] un sistema de maxia inusualmente ben concibido... a historia ten sentido e é un tremendo alivio ter resolución no primeiro tomo... Por enriba do de sempre".[6] Publishers Weekly eloxiou a estrea de Sanderson na fantasía como espectacular e libre dos clichés habituais do xénero, resaltando que ofrece algo a todo o mundo, incluído misterio, maxia, romance, política, conflito relixioso e personaxes robustas.[7]

Sanderson confirmou unha secuela oficial de Elantris, aínda que non está seguro cando pode ser escrita.[8] Anunciou que tería lugar dez anos despois dos eventos xa contados e estaría centrada arredor dalgunhas personaxes menores.[9] Máis tarde anunciou plans para dous libros máis tras Elantris, sendo os fillos de Kiin os protagonistas de Elantris II.[10]

The Hope of Elantris

[editar | editar a fonte]

Un relato curto en formato electrónico foi lanzado en 2007 titulado The Hope of Elantris. Inicialmente estaba á venda en Amazon, mais Sanderson publicouno na súa propia páxina cando o contrato con Amazon expirou.

Sanderson describe na súa páxina web que os eventos acontecidos no relato ocorren simultaneamente con eventos de Elantris, de aí que suxira ler Elantris primeiro polo risco de destripar certos aspectos da historia. A inspiración vén a través dunha historia que lle contou a súa muller Emily cando estaban facendo as beiras en 2006.

The Emperor's Soul

[editar | editar a fonte]

En 2013, Sanderson escribiu a novela curta titulada The Emperor's Soul que ten lugar no mundo de Elantris, mais nunha rexión moi diferente. Shai é unha ladroa e practicante de falsificación máxica que foi arrestada e sentenciada a morte. Danlle cen días para falsificar unha nova alma para o emperador, quen está en coma após un intento de asasinato.

Sanderson comenta que o lector non necesita ler Elantris para entender a trama.

  1. Sanderson, Brandon (2015-10-05). "Elantris Tenth Anniversary Edition". Brandon Sanderson (en inglés). Consultado o 2022-02-04. 
  2. Sanderson, Brandon (2016-12-07). "Elantris Leatherbound (Official)". Brandon Sanderson (en inglés). Consultado o 2022-02-04. 
  3. "Title: Elantris". www.isfdb.org. Consultado o 2022-02-04. 
  4. Sanderson (2009-11-21). "STANDALONES". Brandon Sanderson (en inglés). Consultado o 2022-02-04. 
  5. "Leaves, Lost, Halloween, Elantris - Uncle Orson Reviews Everything". www.hatrack.com. Consultado o 2022-02-04. 
  6. "Elantris". Kirkus Reviews. Consultado o 05-02-2022. 
  7. "Elantris". Publishers Weekly. Consultado o 05-02-2022. 
  8. "Mistborn: FAQ: Will There Be an Elantris Sequel" (en inglés). Consultado o 2022-02-05. 
  9. "BrandonSanderson.com". web.archive.org. 2006-03-23. Archived from the original on 23 de marzo de 2006. Consultado o 2022-02-05. 
  10. "Brandon Sanderson Blog: Another Long and Rambling Post on Future Books". web.archive.org. 2010-10-17. Archived from the original on 17 de outubro de 2010. Consultado o 2022-02-05.