Estroma (tecidos)
En histoloxía animal, denomínase estroma (do grego stor-/ster: estenderse, e strôma: tapiz) ao armazón ou entramado dun órgano, é dicir, a súa matriz extracelular (cos seus compoñentes fibrilares e substancia fundamental) xunto coas células conectivas que sintetizan dita matriz [1][2]. Por tanto, o estroma está formado por tecido conxuntivo reticular.
O concepto histolóxico de estroma
[editar | editar a fonte]O concepto de estroma en histoloxía fai referencia ao tecido (células e elementos extracelulares) que cumpre función cohesiva unindo outros tipos de tecidos nun organismo pluricelular. É parte importante da histoarquitectura dun órgano. Clasicamente, considerábase ao estroma como o tecido de sostén ou soporte do outro tecido do órgano, e era este último o que cumpría a función específica dese órgano. O órgano tamén está está formado por células que forman o tecido denominado "parénquima", polo que se contrapón estroma a parénquima [3].
Estes conceptos están baseados nas ideas de épocas pretéritas da Histoloxía, e teñen unha visión morfolóxica máis que funcional, cando ao tecido conectivo se lle asignaba soamente as funcións de sostén e cohesividade, debido ao descoñecemento "doutras funcións" do tecido conectivo. Actualmente as interaccións estroma-parénquima están sendo investigadas, e enténdese que sen ditas interaccións (colaboración morfofisiolóxica) tanto o parénquima coma o estroma perden a súa específicidade. Illados un do outro, en medios de cultivo celular, perden as súas características típicas e sobreviven pouco tempo. Xa que logo, hoxe enténdese que o estroma é tan funcional coma o parénquima e non só un compoñente de sostén.
En xeral, podemos dicir que o estroma é tecido conectivo de tipo laxo; e parénquima refírese aos tecidos epiteliais e á súa función endócrina ou exócrina. O estroma é un compoñente distribuído de forma xeneralizada en órganos e sistemas corporais.
Ás veces o concepto de estroma utilízase cun significado amplo. Por exemplo, o compoñente estromático ou estromal no sistema nervioso coñécese como glía. Hoxe sabemos que a glía cumpre importantísimas funcións, pero inicialmente pesábase que era un compoñente cohesivo que "pegaba" os compoñentes do sistema nervioso. A glía cumpría unha "función conectiva" para as neuronas (parénquima) e considerouse como un estroma a pesar da súa orixe epitelial ectodérmica. Esta concepción da glía é unha aplicación excesivamente ampla dos conceptos de parénquima e estroma. Son aplicacións case metafóricas do termo, porque os conceptos mencionados foron acuñados especificamente para aqueles órganos que posúen un tecido de sostén ou conectivo de orixe mesodérmica e un parénquima consituído por un tecido epitelial habitualmente de orixe embrionaria ectodérmica ou endodérmica. De todos modos, este concepto ten excepcións nalgúns órganos que posúen un parénquima epitelial de orixe mesodérmica (como o ril). No caso do tecido nervioso do sistema nervioso central tanto as neuronas coma a maior parte das células gliais teñen unha orixe embrionaria ectodérmica, e só por extensión se pode considerar que a glía constitúe ou é similar a un estroma.
Nos tumores denomínase estroma ás células non tumorais do tecido, que rodean ás tumorais.
Exemplos de tecidos estromáticos de distintos órganos son:
- Estroma do iris
- Estroma da córnea
- Estroma do ovario
- Estroma da glándula tiroide
- Estroma do timo
- Estroma da medula ósea
Outros usos do termo estroma
[editar | editar a fonte]O termo estroma utilízase tamén en citoloxía vexetal para referirse ao fluído que enche o interior do cloroplasto, no cal ten lugar a fase escura da fotosíntese, entre outras cousas [4].
- Artigo principal: Estroma.
En Micoloxía (estudo dos fungos) o termo estroma significa estrutura fúnxica somática formada por hifas na que se forman frutificacións.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Medicopedia. Diccionario médico interactivo [1] (en castelán)
- ↑ "Stroma" Arquivado 20 de novembro de 2018 en Wayback Machine. en eMedicineDictionary (en inglés)
- ↑ Parénquima e estroma, con imaxes (en castelán) [2] Arquivado 14 de xullo de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. 1986. Páxina 547. ISBN 84-282-0752-6
- ↑ Plantas y hongos. Glosario. [3] (en castelán)