Saltar ao contido

Herba mate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A herba mate[1] (Ilex paraguariensis), tamén chamada mate, é unha planta arbórea ou arbustiva da familia das aquifoliáceas, propia da rexión subtropical de América do Sur (Paraguai), que ten unhas follas coas que se prepara, por infusión, unha bebida estimulante. Consómese nos estados de Paraná, Río de Xaneiro,Minas Gerais e São Paulo, no Brasil, na Arxentina e no Paraguai[2]; como mate nos estados do Paraná, Rio Grande do Sul e Santa Catarina, no Brasil, no Paraguai, no Uruguai, na Arxentina e nalgunhas rexións da Bolivia e do Chile; con auga xeada, como tereré nos estados do Mato Grosso, Mato Grosso do Sul, Paraná, Acre, Rondônia e interior de São Paulo, no Brasil e en todo Paraguai.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

"Mate" deriva do termo quechua mati, que designa o recipiente onde se bebe o mate.[3] No Brasil tamén se coñece do nome de congonha, que deriva do tupí kõ'gõi, que significa "o que mantén o ser".[4]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Pode atinxir doce metros de altura. Ten talos cinsentos, follas ovais e froitos pequenos e verde ou vermello arroxados. As follas da herba mate aprovéitanse en gastronomía.

Reprodúcese por medio dos paxaros da rexión, que inxiren o pequeno froito e defecan a semente xa escarificada. A plántula é moi sensíbel ao sol, tanto que, mesmo no plantío moderno, a técnica esixe sombreamento até que a planta atinxa certa madureza.

Chegou a ser prohibida no sur do Brasil durante o século XVI, considerándose "herba do diaño" polos xesuítas das misións do Guairá. A partir do século XVII, os mesmos pasaron a incentivar o seu uso co obxectivo de afastar as persoas do alcol.[5]

Actualmente, existen viveiros que producen mudas de variedades seleccionadas, cuxo plantío faise con técnicas especiais en grandes hortas. Para facilitar a colleita anual dos ramos, pódanse severamente as árbore para mantelas a non máis de tres metros de altura. Deste xeito, evítanse plantas altas que dificulten a colla das follas novas, consideradas nobres na infusión do té mate.

Outra práctica bastante popular no planalto curitibano, hábitat orixinal da herba mate, é conciliar o plantío da araucaria co da herba mate. Técnicas como esta son comúns para un control ambiental máis rexo e para evitar o desgaste do solo.

Existe a errónea afirmación de que a herba mate posúen un efecto negativo na actividade sexual masculina, aínda que Ilex paraguariensis posúe un forte poder afrodisíaco, sendo este tamén inxerido contra a infertilidade e a impotencia.[6]

Ciclo da herba mate no Brasil

[editar | editar a fonte]
Chamuscado da herba mate: pintura de Alfredo Andersen do século XIX.

No século XIX, Paraguai illouse doutros países, prohibindo a exportación de herba mate fóra do país. Isto fixo a Arxentina e o Uruguai substituíren a herba mate paraguaia pola brasileira, desenvolvendo o seu cultivo no Paraná[7] e en Santa Catarina, rexións outrora despoboadas. Foi o chamado Ciclo da Erva-Mate.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Estudos detectaron a presenza de moitas vitaminas, como as do complexo B, a vitamina C e a vitamina D e sales minerais, como calcio, manganeso e potasio. Combate os radicais libres. Auxilia na dixestión e produce efectos antirreumáticos, diuréticos, estimulantes e laxante. Non é indicado para persoas que sofren de insomnio e nerviosismo, pois é estimulante natural. Contén saponina, que é un dos compoñentes da testosterona, razón pola cal mellora a libido. Pode usarse verde ou torrada na preparación de infusións e mates. Mesturada con extracto de maracuxá, pódese usar coma bebida quente ou xeada.

Mesturada con zume de limón natural e ben xeada, tórnase unha bebida moi refrescante para os días quentes.

Análises e estudos sobre a herba mate revelaron unha composición que identifica diversas propiedades benéficas ao ser humano, pois están contidos nas follas da herba mate alcaloides (cafeína, teofilina, teobromina etc.), ácidos fólicos e cafeico (taninos), vitaminas (A, B1, B2, C, e E), sales minerais (aluminio, ferro, fósforo, calcio, magnesio, manganeso e potasio), proteínas (aminoácidos esenciais), glícidos (frutosa, glicosa, sacarosa etc.), lípidos (aceites esenciais e substancias ceráceas), alén de celulosa, dextrina, sacarina e gomas.

O consumo da herba mate está relacionado tamén ao poder que ten de estimular a actividade física e mental, actuando beneficamente sobre os nervios e músculos, combatendo a fatiga, proporcionando a sensación de saciedade, sen provocar efectos colaterais como insomnio e irritabilidade (só persoas sensíbeis aos estimulantes contidos na herba mate poden sufrir algún efecto colateral). A herba tamén actúa sobre a circulación, acelerando o ritmo cardíaco e harmonizando o funcionamento bulbo medular. Actúa sobre o tubo dixestivo, facilitando a dixestión sendo diurética e laxativa. É considerada tamén un óptimo remedio para a pel e reguladora das funcións cardíacas e respiratorias, alén de exercer un importante papel na rexeneración celular.

Lenda da herba mate

[editar | editar a fonte]

Unha tribo indíxena nómade detívose nas ladeiras das serras onde nace o Río Tabay. Cando retomou o seu camiño, un dos membros da tribo, un indio vello e canso polos anos, ficou refuxiado na selva, na compaña da súa filla Yaríi, que era moi bonita. Un día, chegou, ao acocho do vello, un home que posuía unha pel de cor estraña e que se vestía con roupas exquisitas, a quen recibiron con xenerosidade.

O vello ofreceu ao visitante unha carne asada de acutí (Dasyprocta), un roedor da rexión e un prato de tambú, que se prepara cunha larva de carne branca e abundante que os Guaranís crían nos troncos de pindó (palmeira sagrada).

Conta a lenda que o visitante era un enviado do deus do ben, que quixo recompensar tanta xenerosidade proporcionándolles algo que puidesen ofrecer sempre aos seus visitantes e que podería encurtar as horas de soidade ás marxes dos regatos onde descansaban. Para eles, fixo agromar unha nova planta no medio da selva, que chamou de yaríi, deusa que a protexía, e confiou os seus coidados ao seu pai, Cáa Yaráa, ensinándolle a secar os seus ramos ao lume e a preparar unha bebida que poderían ofrecer a todos os que os visitasen. Desde entón, a nova planta crece, ofrecendo follas e pólas para preparar o mate.[8]

  1. Nome vulgar en galego en Portal das Palabras - http://www.portaldaspalabras.org/buscador?palabra=mate&sinom=0&homonimo=2 Arquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
  2. Cocina Rica Bebidas de la Gastronomía Paraguaya Arquivado 09 de xuño de 2013 en Wayback Machine.
  3. FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edición. Río de Xaneiro: Nova Fronteira, 1986. p.1 102
  4. FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edición. Río de Xaneiro: Nova Fronteira, 1986. p.453
  5. Schmidt, Maria Auxiliadora in: Histórias do Cotidiano Paranaense 2º Ed. - Letraviva Editora, pax 48
  6. GIL, Felipe. No rastro de Afrodite: plantas afrodisíacas e culinária. São Paulo: Ateliê Editorial, 2004. ISBN 85-7480-232-8.
  7. A planta que fez um estado prosperar Arquivado 05 de marzo de 2014 en Wayback Machine. Gazeta do Povo
  8. A Lenda da Herba Mate Arquivado 18 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. Erva-Mate.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]