Hockey Clube Coruña Feminino
Hockey Clube Coruña Feminino | |
---|---|
Cidade | A Coruña, Galicia |
Historia | 2023- |
Fundado | 2023 |
Pavillón | Pazo dos Deportes de Riazor 4 400 persoas |
Presidente | Lucía Sanjurjo |
Adestrador | Stanis García |
Competición | OK Liga Feminina |
Cores | Azul e branco |
Na rede | |
https://www.hccorunafeminino.com | |
O Hockey Clube Coruña Feminino (abreviado HCCF)[a] é un club galego de hóckey a patíns, con sede na Coruña. Fundado en maio de 2023, durante a tempada 2023/24 compite na OK Liga Feminina. Xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor, un pavillón con capacidade para 4 400 persoas nas súas bancadas.
O club naceu logo de que o Hockey Club Liceo decidise suprimir o seu equipo feminino, que competía na máxima categoría do hóckey a patíns español, a OK Liga Feminina. O adestrador Stanis García e a maioría das xogadoras do Liceo continuaron no novo club. O HCCF debutou na tempada 2023-24, disputando a máxima categoría do hóckey a patíns feminino español, a OK Liga Feminina. Logo dunha boa primeira metade da liga o equipo conseguiu a clasificación para a Copa da Raíña ao finalizar entre os oito primeiros equipos da táboa. Logo da súa primeira tempada na elite o HCCF finalizou na sexta posición. Ademais, na súa primeira tempada o equipo coruñés conseguiu chegar á final a catro da máxima competición continental, a Liga de Campioas da WSE
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]O club naceu o 22 de maio de 2023, tralo colapso e desaparición do Hockey Club Liceo da Coruña Feminino.[2] A pesar de vivir os mellores momentos deportivos da súa historia, cun quinto posto na OK Liga Feminina e acadando os cuartos de final da Liga Europea, os problemas económicos do club provocaron que o 17 de maio de 2023 o HC Liceo comunicase a supresión da súa sección feminina. No mesmo comunicado, o club anunciou que a súa praza na máxima categoría se cedería a unha nova entidade que se faría cargo da xestión deportiva e económica do equipo.[3] O 22 de maio deuse a coñecer a creación do Hockey Club Coruña Feminino, entidade desvencellada totalmente do Liceo, aínda que mantendo a parte das xogadoras e do corpo técnico, e que pasou a ocupar a praza deste na máxima categoría.[2] Lucía Sanjurjo asumiu a presidencia do novo club e comezou o traballo a contra reloxo para crear un equipo competitivo nesta nova etapa,[4] que se iniciou cun orzamento de entre 120 000 e 150 000 euros segundo a estimación inicial de Sanjurjo.[5] A nova directiva axiña tivo que ocuparse de diversos aspectos, o primeiro deles, conseguir unha pista na que adestrar e xogar os seus partidos como local, mais tamén adquirir o material deportivo necesario e conseguir acordos con patrocinadores.[6]
A principios de agosto o HC Coruña deu por pechado o cadro de xogadoras para a súa primeira tempada. Finalmente o equipo estivo integrado por sete xogadoras que a tempada precedente xogaran no Liceo, e tres incorporacións máis: Anna Bulló procedente do CP Manlleu, Mar Franci do HC Alpicat, e a internacional chilena Fernanda Muñoz procedente do Independiente de la Florida do seu país pero con experiencia na OK Liga Feminina logo de ter disputado a tempada 2020-21 nas filas do HC Borbolla coruñés.[7] No banco tamén continuou o que fora adestrador do Liceo, Stanis García, e o preparador físico Carlos Alonso.[8] O HC Coruña comezou a súa andaina cun elenco de xogadoras semiprofesional.[9]
O axustado dos prazos fixo que o equipo tan só puidera disputar tres partidos amigables antes do inicio da competición, que se saldaron coa derrota nos penaltis contra o Bembibre (2-2) e as vitorias fronte o Escola Livre de Azeméis en Xixón (4-0) e fronte o Raxoi en Riazor (4-1).[8] Antes do inicio da tempada fixouse como primeiro obxectivo para o equipo finalizar a primeira volta entre os sete mellores equipos para así disputar a Copa da Raíña.[10]
Tempada debut
[editar | editar a fonte]O debut do equipo na OK Liga Feminina tivo lugar o 24 de setembro no Pazo dos Deportes de Riazor fronte o Cerdanyola CH, un partido no que o adestrador coruñés Stanis García puido contar con todas as súas xogadoras.[11] O debut do equipo saldouse cunha cómoda vitoria fronte ás catalás por 6-1 ante 150 persoas nas bancadas de Riazor. Bea Gaete sería a autora do primeiro gol en liga na historia do equipo herculino.[12] Logo de caer na segunda xornada en Manlleu[13] e derrotar ao Igualada en Riazor,[14] o Coruña conseguiu a súa primeira vitoria como visitante na súa visita ao Bembibre (1-2) logo de remontar o 1-0 inicial.[15]
O Hockey Club Coruña Feminino herdou o dereito a disputar a Liga de Campioas da WSE. En outubro de 2023 definíronse os catro grupos da fase de grupos, integrados cada un deles por tres equipos. O HCCF encadrouse no grupo C xunto co US Coutras e o CP Manlleu.[16] O debut do equipo na máxima competición de clubs de Europa tivo lugar o 11 de novembro e saldouse cunha vitoria por 4-2 en Riazor fronte ao Coutras francés e, como ocorrera co debut do equipo na competición doméstica, foi novamente Bea Gaete quen se encargou de abrir o marcador.[17][18] Finalmente o cadro coruñés rematou a fase de grupos cunha nova vitoria fronte o equipo francés, asegurando a primeira posición e evitando o Hoquei Club Palau de Plegamans nos cuartos, onde se enfrontou ao HC Massamá portugués.[19] Logo de vencer na ida (0-2),[20] as coruñesas non deron opción ás portuguesas e impuxéronse novamente (8-0) en Riazor para certificar a súa clasificación para a final a catro.[21] Unha vez acadada a clasificación para a final a catro o cadro coruñés solicitou organizar o evento á World Skate Europe, que aceptou a proposta, polo que seleccionouse como sede o Pazo dos Deportes de Riazor.[22][23] Nas semifinais o equipo herculino enfrontouse ao Club Patín Fraga, ao que derrotara dúas semanas antes no mesmo escenario por 2-1,[24] aínda que acabou perdendo por 0-2 con dous goles da coruñesa María Sanjurjo, que deixara o Liceo antes de que se convertera no HC Coruña, nun partido de ritmo baixo e moi táctico.[25]
O Coruña clasificouse para a Copa da Raíña ao finalizar a primeira volta entre os oito mellores equipos da competición. O equipo asegurou a súa presenza na Copa a falta dunha xornada para finalizar a primeira volta e no sorteo conseguiu evitar a dous dos favoritos ao título, o Telecable Gijón (vixente campión) e o Palau Plegamans (finalista das tres edicións anteriores). O rival das herculinas nos cuartos foi o Club Patí Vila-sana, ao cal se enfrontara na 10ª xornada da liga, caendo por 6-1.[26][27] Finalmente as xogadoras de Stanis García caeron pola mínima (1-0), nun partido igualado que non se decidiu ata dous minutos antes de finalizar a prórroga, cando Flor Felamini anotou o único gol do encontro.[28]
Ao final da tempada o equipo finalizou na sexta posición logo de ter realizado unha moi boa primeira volta que permitía ao equipo pensar en clasificarse entre os catro primeiros e disputar os play-offs, mais os resultados non o acompañaron na segunda volta e acabou cedendo a quinta posición. A pesar de todo, o equipo herculino conseguiu unha das prazas para disputar competicións europeas.[29] Con todo, a reestruturación da Liga de Campioas da WSE que se fixo no verán de 2024 deixou o número de participantes na máxima competición europea de hóckey a patíns feminino en tan só oito participantes na fase de grupos, dos que cinco serían equipos españois na tempada 2024-25. O HCCF tampouco conseguiu unha praza na segunda competición continental, a WSE Cup, que se estrearía esa tempada sen a presenza de ningún equipo español.[30]
Tempada 2024-25
[editar | editar a fonte]O bo papel do equipo na tempada 2023-24 levou á directiva a manter o equipo, renovando ás dez xogadoras que participaran na tempada debut do equipo xa no mes de xullo.[31] Con todo, o HCCF reforzouse coas fichaxes xa promesa do hóckey a patíns portugués Inês Severino, de 18 anos e procedente do Benfica, así como de Laia Juan, procedente do campión da OK Liga Iberdrola na tempada precedente co Palau de Plegamans, completando así un equipo con dez xogadoras de campo e dúas porteiras, facendo que o adestrador do equipo Stanis García teña que descartar a dúas xogadoras en cada xornada.[32]
A pretemporada foi complicada para o equipo coruñés, que non puido contar con boa parte das súas xogadoras a causa da disputa dos World Skate Games, entre elas as súas dúas porteiras, Viky Caretta e Ariadna Escalas, convocadas cos combinados de Italia e Colombia respectivamente, o que fixo asinar un convenio co HC Cambre da OK Liga Feminina Prata. O mesmo pasou coas xogadoras chilenas Bea Gaete e Fernanda Muñoz, e Inês Severino, convocada por Portugal, o que dificultaría o seu acoplamento ao equipo. A cita internacional condicionou tamén o calendario da OK Liga Feminina, acurtando a competición e suprimindo os play-offs. Antes do inicio da liga o equipo marcouse como obxectivo a clasificación para disputar a Copa da Raíña, para logo ir marcándose novos obxectivos dependendo da posición que ocupe o equipo.[33]
Pavillón
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pazo dos Deportes de Riazor.
O Hockey Club Coruña Feminino xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor, un pavillón con capacidade para 4 400 persoas.[34] O equipo comparte as instalacións co equipo masculino de hóckey a patíns do Hockey Club Liceo e co equipo de baloncesto masculino do Club Básquet Coruña.[35]
A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, sobre unha superficie de 5.840 m², baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira,[36] e foi inaugurado o 1 de agosto de 1970.[37] Dende a súa inauguración o pavillón foi o escenario de numerosos eventos relacionados co hóckey a patíns, acollendo Campionatos do Mundo, de Europa, así como numerosas competicións entre clubs na modalidade.[38]
Personalidades
[editar | editar a fonte]Xogadoras
[editar | editar a fonte]Equipo 2024-25
[editar | editar a fonte]Fonte: hoqueipatins.pt[39]
Nº | Nome | Idade |
---|---|---|
3 | Mar Franci | (25 anos) |
4 | Alejandra Martín | (24 anos) |
7 | Bea Gaete | (28 anos) |
9 | Alba Garrote | (25 anos) |
10 | Ariadna Escalas (p) | (25 anos) |
16 | Luchy Paz | (25 anos) |
21 | Viki Caretta (p) | (23 anos) |
23 | Fernanda Muñoz | (23 anos) |
25 | Anna Bulló | (23 anos) |
43 | Laia Juan | (20 anos) |
44 | Inês Severino | (18 anos) |
87 | Cristina Diz | (20 anos) |
- Adestrador: Stanis García
Capitás
[editar | editar a fonte]A primeira capitá do equipo é Luchy Paz, que xa formara parte do equipo feminino do Liceo e que formou parte tamén da directiva do club.[40]
Nome | Período |
---|---|
Luchy Paz | 2023- |
Adestradores
[editar | editar a fonte]O técnico asturiano Stanis García é o encargado de dirixir o equipo dende a súa fundación. García xa fora adestrador do Liceo femininio na derradeira tempada do equipo verde, ao que levou á quinta posición da liga (a mellor da súa historia) e a debutar na máxima categoría do hóckey a patíns feminino continental, a Liga de Campioas da WSE.[40] No mes de novembro de 2023, Stanis García recibiu o recoñecemento como mellor adestrador da OK Liga Iberdrola nos meses de setembro e outubro.[41]
Nome | Período |
---|---|
Stanis García | 2023- |
Presidencia
[editar | editar a fonte]A primeira presidenta do club é Lucía Sanjurjo, que encabezou unha directiva formada por cinco mulleres, a propia Sanjurjo e Montse Vale, Bea Lema, Mar Barcón e Luchy Paz, esta última tamén xogadora do equipo.[5]
Categorías inferiores
[editar | editar a fonte]En 2024 o Hockey Clube Coruña Feminino comezou a súa actividade nas categorías inferiores recrutando xogadoras para a súa escola de hóckey a patíns nos grupos de idade de tres a seis anos, de sete a nove anos, así como xogadoras adultas.[42]
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para club.
- ↑ 2,0 2,1 "El Hockey Club Coruña Femenino se convierte en realidad". DxT Campeón (en castelán). 22 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "O Liceo feminino colapsa e nace "unha nova entidade"". Nós Diario. 17 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Hockey Club Coruña sigue buscando los 40.000 € que cuesta traer a Riazor la Final Four europea". Onda Cero (en castelán). 9 de abril de 2024. Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ 5,0 5,1 "Presentado en sociedad el nuevo HC Coruña Femenino" (en castelán). hockeyasturias.com. 24 de maio de 2023. Consultado o 22 de maio de 2024.
- ↑ "El Hockey Club Coruña Femenino se convierte en realidad". El Ideal Gallego (en castelán). 22 de maio de 2023. Consultado o 22 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (8 de agosto de 2023). "El HC Coruña cierra su plantilla con la internacional chilena Fernanda Muñoz". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ 8,0 8,1 Zaballa, Pablo (21 de setembro de 2023). "HC Coruña femenino: ilusión y ambición sobre ruedas". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (26 de abril de 2024). "El partido más importante en la breve pero intensa historia del HC Coruña". DxT (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Centeno, Alexandre (6 de setembro de 2023). "El Hockey Clube Coruña Feminino llega para quedarse". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (23 de setembro de 2023). "El Palacio de Riazor aguarda el estreno oficial del HC Coruña". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (24 de setembro de 2023). "Estreno inmejorable del HC Coruña (6-1)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ "El HC Coruña cae en Manlleu con dos goles en los minutos finales (3-1)". DxT (en castelán). 30 de setembro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (7 de outubro de 2023). "El HC Coruña gana con su segundo ‘set’ de la temporada (6-1)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (14 de outubro de 2023). "Remontada y primera victoria visitante del HC Coruña en Bembibre (1-2)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ "Grupos da Liga dos Campeões Feminina sorteados". hoqueipet.com (en portugués). 23 de outubro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ "Cita histórica para el Hockey Club Coruña". DxT (en castelán). 10 de novembro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (11 de novembro de 2023). "Un debut para la historia del HC Coruña (4-2)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (9 de marzo de 2024). "El HC Coruña cumple en Coutras, evita al Palau y sueña con la Final Four europea (0-4)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Novo, Charly (23 de marzo de 2024). "El HC Coruña pone pie y medio en la Final Four". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (6 de abril de 2024). "El HC Coruña se mete en la Final Four por la vía rápida (8-0)". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "A Coruña, sede de la Final Four de la Liga de Campeonas". DxT (en castelán). 16 de abril de 2024. Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "EL PALACIO DE LOS DEPORTES DE RIAZOR ACOGERÁ LA FINAL FOUR DE LA WSE CHAMPIONS LEAGUE WOMEN". Real Federación Española de Patinaxe. 16 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (26 de abril de 2024). "Unión, motivación e ilusión: tres palabras que definen al HC Coruña". DxT (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (26 de abril de 2024). "La coruñesa María Sanjurjo acaba con el sueño europeo del HC Coruña (2-0)". DxT (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (16 de xaneiro de 2024). "Stanis García: "Hay que valorar lo que ha hecho el equipo"". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (13 de marzo de 2024). "El Vila-sana, rival del HC Coruña en cuartos de final de la Copa de la Reina". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (18 de abril de 2024). "Cruel desenlace para un HC Coruña que rozó la proeza (1-0)". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "0-4. El HC Coruña termina sexto y se clasifica para Europa". La Opinión A Coruña (en castelán). 18 de maio de 2024. Consultado o 22 de maio de 2024.
- ↑ Varela, María (8 de agosto de 2024). "El HC Coruña se queda fuera de Europa". DxT (en castelán). Consultado o 7 de outubro de 2024.
- ↑ "El HC Coruña apuesta por la continuidad de su plantilla". DxT (en castelán). 2 de xullo de 2024. Consultado o 7 de outubro de 2024.
- ↑ "El HC Coruña confirma el fichaje de Inês Severino para cerrar su plantilla". DxT (en castelán). 20 de xullo de 2024. Consultado o 7 de outubro de 2024.
- ↑ "El HC Coruña echa a rodar con dos perlas para un grupo consolidado". DxT (en castelán). 11 de setembro de 2024. Consultado o 7 de outubro de 2024.
- ↑ "El Palacio de los Deportes de Riazor, una pista con sabor a hockey sobre patines" (en castelán). Federación Galega de Patinaxe. 12 de xullo de 2018. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Varela, María (28 de xaneiro de 2023). "El Palacio se queda viejo y Leyma y Liceo estallan: "Entrenamos en la peor instalación, no es propia de equipos profesionales"". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ "Franco inauguró un Palacio de los Deportes en La Coruña", artigo no ABC, 2 de agosto de 1970, páx. 66 (en castelán).
- ↑ "El Mundial de 1972, en La Coruña", artigo no ABC, 2 de xaneiro de 1972, páx. 59 (en castelán).
- ↑ "El Palacio de los Deportes de Riazor, una pista con sabor a hockey sobre patines" (en castelán). Federación Galega de Patinaxe. 12 de xullo de 2018. Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ "CORUÑA FEM" (en portugués). hoqueipatins.pt. Consultado o 11 de novembro de 2024.
- ↑ 40,0 40,1 "El HC Coruña Feminino ficha a una capitana: Luchy Paz". DxT (en castelán). 7 de xullo de 2023. Consultado o 10 de outubro de 2024.
- ↑ "Stanis García, entrenador de septiembre y octubre en la OK Liga Iberdrola". DxT (en castelán). 14 de novembro de 2023. Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "El HC Coruña recluta jugadoras para su escuela de hockey". La Opinión (en castelán). 9 de agosto de 2024. Consultado o 10 de outubro de 2024.