Saltar ao contido

Mimosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A mimosa[1] ou acacia de Australia (Acacia dealbata) é unha árbore de entre 10-12 metros de altura, perenne, usada en xardinaría como ornamental, de crecemento rápido se ben é raro que exceden dos 30 anos de idade.

Considérase unha especie altamente invasora en terreos degradados. Aparece en Cantabria, Cataluña, oeste de Castela e León, Estremadura, Andalucía occidental, Valencia e as Canarias orientais. Porén é en Galiza onde está máis estendida, considerándose invasora[2].

Características

[editar | editar a fonte]

Posúe unha cortiza agrisada ou branca, moi ramificada. Ramas angulosas, pubescentes. Follas bipinnadas de 8-20, cada unha delas con 25-40 pares de folíolos, coa cara superior glabro (sen pelos) e o envés tomentoso. Inflorescencias en glomerúlo globoso con máis de 25 flores, de moito arrecendo. Pedúnculos pubescentes. Florece de xaneiro a marzo. Multiplícase por sementes.

Procedencia

[editar | editar a fonte]

A meirande parte das especies son orixinarias de Australia e Tasmania, localizándose en zonas de até mil metros sobre o nivel do mar.

Problemática ecolóxica en Galicia

[editar | editar a fonte]

Sábese da súa introdución en España desde 1824. A especie plantouse como ornamental e para fixar taludes do camiño de ferro de Galicia ao longo do século XX. Axiña se espallou polo territorio, especialmente en zonas degradadas, montes queimados, na costa e nas zonas máis cálidas do país (O Ribeiro...); tornándose unha especie moi invasiva e que supón un gran problema ecolóxico para a biodiversidade destes montes monoespecíficos. Actualmente atópase amplamente naturalizada, invadindo as partes baixas e medias de Galiza até unha altitude de 600 m formando xa parte da actual paisaxe galega. Impide a rexeneración da vexetación natural alterada debido principalmente á súa facilidade para xerminar e regromar despois dos lumes e o seu rápido crecemento. A súa erradicación é difícil e custosa.[2].

Detalle da folla dunha mimosa.

Plántase en parques, rúas e paseos, aínda que o uso máis estendido é a xardinaría, pola cor das súas flores e o número delas, ofrecendo conxuntos de gran beleza. Cultívase como fixador de terreos e pola goma que se obtén do seu tronco de alto contido en taninos.

Na zona do Ribeiro, as varas empréganse para atar as viñas.

Encontráronse sarcófagos exipcios da súa madeira, seguramente debido á resistencia á putrefacción desta.

Algunhas das variedades máis cultivadas :

  • Acacia armata, utilizada para sebes, folíolos de cor verde escura, con espiñas, flores solitarias amarelas. Non máis de 4 metros.
  • Acacia baileya, de crecemento rápido, aínda que de vida curta. Ramas colgantes, inflorescencias en acios. Non máis de 6 metros.
  • Acacia armata variedade purpurea, igual que a anterior mais coas follas de cor azulada.
  • Acacia lonxifolia, de crecemento rápido, até 7 metros, moi tolerante ao cal. Filodios coriáceos.
  • Acacia mucronata, moi resistente, filodios moi estreitos.
  • Acacia verticillata, arbusto denso, até 6 metros, con filodios punzantes, en verticilos.

Denominacións

[editar | editar a fonte]
  1. Nome común galego da planta en Diccionario Cumio da lingua galega, Vigo, Edicións do Cumio, 1999 e VV. AA. (2012) Vocabulario forestal, Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo
  2. 2,0 2,1 Catálogo español de especies exóticas invasoras (faise referencia ao carácter invasivo en Galiza e catalogada en Galiza coma "Flora invasora de Galicia")
  3. Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Vocabulario ortográfico da lingua galega A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  4. GARCÍA, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Secretariado de Publicacións da Universidade, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela 1985.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ceballos Jiménez, A. (1986). Diccionario ilustrado de los nombres vernáculos de las plantas en España. Madrid: Instituto para la Conservación de la Naturaleza.