Saltar ao contido

Fragmento de unión ao antíxeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rexión Fab»)
Anticorpo dixerido con papaína que orixina tres fragmentos: dous fragmentos Fab e un fragmento Fc.
Anticorpo dixerido con pepsina que orixina dous fragmentos: un fragmento F(ab')2 e un fragmento pFc'.

O fragmento de unión ao antíxeno ou fragmento Fab (do inglés fragment antigen-binding) é unha rexión dun anticorpo que se une aos antíxenos. Como os anticorpos teñen forma de Y, o Fab corresponde á zona dos brazos do Y. Está composto pola cadea lixeira e parte da cadea pesada do anticorpo, e comprende un dominio constante e un variable (este no extremo) de cada unha das cadeas lixeira e pesada. O dominio variable contén o parátopo (sitio de unión ao antíxeno), formado por un conxunto de rexións determinantes da coplementariedade, no extremo N-terminal do monómero. Deste modo, cada brazo do Y únese a un epítopo do antíxeno. Os dous parátopos, un en cada brazo, son iguais.

No laboratorio, pode dixerirse un anticorpo con encimas e xerar os fragmentos Fc e Fab. Utilizando o encima papaína escíndese o monómero de inmunoglobulina (anticorpo) en dous fragmentos Fab (separados) e un fragmento Fc. Pero usando o encima pepsina, esta corta a rexión bisagra do anticorpo e orixina un fragmento F(ab')2 (formado polos dous brazos Fab unidos) e un fragmento pFc'. Recentemente disponse doutro encima para xerar fragmentos F(ab')2 chamado IdeS (encima degradador da inmunoglobulina de Streptococcus pyogenes, co nome comercial FabRICATOR), o cal corta a IgG de maneira específica de secuencia a pH neutro. O fragmento F(ab')2 pode ser despois separado en dous fragmentos Fab por redución suave.[1]

As rexións variables das cadeas lixeira e variable poden ser fusionadas para formar un fragmento variable de cadea sinxela (scFv), que só ten a metade do tamaño do fragmento Fab, aínda que mantén a especificidade orixinal da inmunoglobulina parental.[2]

Cadeas lixeiras e pesadas, e rexións variables e constantes dun anticorpo.
  1. Larsson, Lars-Inge (setembro de 1988). Immunocytochemistry: Theory and practice. Crc Press. p. 1. ISBN 0-8493-6078-1. 
  2. Janeway, CA, Jr.; et al. (2001). Immunobiology (5th ed.). Garland Publishing. ISBN 0-8153-3642-X. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]