Risoterapia
A risoterapia é unha técnica psicoterapéutica que pretende producir beneficios mentais e emocionais por medio da risa. Non pode ser considerada unha terapia xa que non cura enfermidades en por si, pero nalgúns casos reforza positivamente o efecto dos tratamentos médicos aplicados para a curación. Xeralmente, as sesións de risoterapia lévanse a cabo en grupos aproveitando o contaxio entre persoas: o efecto grupal estimula aos que teñen dificultades para rir.
A risoterapia comparte principios coas técnicas de vida sa, segundo a cal é importante rirse dun mesmo. Así, axuda a desdramatizar as situacións da vida, desenvolvendo o espírito competitivo e optimista. De feito, as persoas que utilizan esta técnica aprenden a ter unha mellor visión de si mesmos, do seu contorno e das súas posibilidades. A risa axuda a ter unha mellor calidade de vida, sendo recomendable rirse durante un minuto tres veces ao día.
Historia
[editar | editar a fonte]Esta técnica é empregada dende moito tempo atrás coma un complemento non só en terapias mentais, senón tamén na curación de enfermidades corporais. Ao comezo, críase que a risoterapia tiña o poder de influír no corpo, especialmente nos bos estados de ánimo, os cales crean unha predisposición favorable para a curación corporal. Así, son moitos os casos nos que se atopa a risoterapia ao longo da historia:
- Na China os taoístas ensinaban que un simple sorriso aseguraba a saúde, a felicidade e a lonxevidade; pensaban que a saúde dunha persoa era proporcional ás veces que se ría durante o día.
- Na Idade Media un dos intres máis importantes era a actuación dos bufóns durante as comidas coa fin de producir hilaridade entre os comensais, co que se acadaba unha mellor dixestión.
- Richard Mulcaster (1530-1611) recomendaba a risa moderada coma exercicio.
- Robert Burton (1577-1640), erudito inglés, propoñía a risa coma método terapéutico.
- O filósofo alemán Kant (1724-1804) definía a risa coma ‘’un fenómeno psicosomático’’.
- O médico inglés William Battie (1703-1776), realizaba tratamentos aos enfermos mentais complementándoos co uso da risa.
- Sigmund Freud atribuíulle ás gargalladas o poder de liberar do organismo a enerxía negativa.
- William McDougall, profesor de psicoloxía na Harvard, afirma que a función biolóxica da risa é axudar a manter o benestar e a saúde psicolóxica [1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ http://www.pep-web.org/document.php?id=ijp.004.0495a William McDougall. "A new theory of laughter. Psyche, 1922, vol. II, p. 292."
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Freud, Sigmund (1928). "CLV". En Biblioteca nueva. El humor. Obras completas. tomo II. ISBN 9505185979.
- Burton, Robert (1612). New York Review Books Classics, ed. The Anatomy of Melancholy. ISBN 0940322668.
- Kant, Immanuel (1790). Critique of Judgement. ISBN 0872200256.
- McDougall, William (1922). A new theory of laughter. Psyche II.