Ruta das Pedras (Redondela)
A ruta das Pedras é unha ruta de sendeirismo sito na parroquia redondelá de San Martiño de Ventosela. O seu nome provén das múltiples formacións rochosas que se atopan ao longo do camiño. Ten un percorrido circular e conta cunha lonxitude de 10 km.
Características
[editar | editar a fonte]O itinerario, que ten unha duración aproximada de tres horas e unha lonxitude de 10 km, é un sendeiro circular que comeza na Casa Cultural de Ventosela e remata no mesmo punto. A ruta ascende pola montaña até chegar ao punto máis alto, lugar onde se atopa a pedra Taió. Dende o cumio da montaña pódese observar a ría de Vigo e a enseada de San Simón.[1]
Patrimonio arqueolóxico
[editar | editar a fonte]O patrimonio arqueolóxico da ruta das Pedras conta cos seguintes elementos de interese:[2]
- Conxunto rupestre da Pedreira: está formado por varios petróglifos con figuras ecuestres e figuras circulares concéntricas.
- A Pedra que Fala: trátase dunha formación pétrea en forma de cova que permite entrar no seu interior. Ao se producir un son, a estrutura da construción fai que se produza unha reverberación acústica que semella a unha persoa a falar.
- Pedra Taió: constitúe o punto máis alto do percorrido. A súa estrutura simula un pequeno refuxio.
- Laxe das Abellas: tamén coñecida coma Pedra das Abellas por existiren panais de abellas para a produción de mel no seu interior. Trátase dun conxunto de grandes formacións rochosas compostas de granito das que na actualidade saen pequenos regatos procedentes de mananciais da montaña.
- Pedras Agudas
- Pedra Erosionada
Patrimonio arquitectónico
[editar | editar a fonte]No seu percorrido tamén pasa pola igrexa parroquial de Ventosela.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ruta das Pedras". Páxina Oficial de Turismo de Redondela. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2014. Consultado o 4 de xaneiro de 2014.
- ↑ Faro de Vigo (ed.). "El encanto de las piedras". Consultado o 4 de xaneiro de 2014.