Saltar ao contido

Capudre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sorbus aucuparia»)

O capudre[1][2] ou cancereixo[1][2][3] (Sorbus aucuparia) é unha árbore de tamaño mediano da familia das Rosáceas que raramente pasa dos 15 metros, a súa distribución cobre toda Europa, de Islandia a Rusia e a Península Ibérica, tolerante ao frío pódese atopar en altitudes altas. Os seus froitos, semellantes a cereixas, son doces e acedos a un tempo, cun alto contido en vitamina C.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A Real Academia Galega só recolle o nome de cancereixo. Porén, noutros dicionarios recóllese o termo "capudre", e variedades dialectais coma capudrio, vocábulo que parece derivar dunha raíz indoeuropea, posibelmente do celta: triu, treow (árbore). Nalgunhas zonas tamén recibe os nomes de canfreixo, escornabois e cornabude[2][4], pero hai que ter en conta que estes dous últimos son tamén nomes comúns doutras especies[5].

Descrición

[editar | editar a fonte]

Arboriña caducifolia que acada os 15 m ou 20 m de altura. O toro é recto coa cortiza pardo cinsenta, gretada nos adultos. A copa é ampla de forma trasovada ou ovoide. As xemas son moi aveludadas. As follas dispóñense alternas ao longo das pólas, compostas e imparipinnadas, oblongas e de bordos serrados, presenta de 9 a 15 folíolos, cunhas dimensións de 2,5 a 6 cm, até 9 cm. As inflorescencias son hermafroditas e se producen en grandes corimbos terminais de 8 a 15 cm de diámetro con máis de 250 flores, cada unha derredor de 1 cm de diámetro con cinco pétalo branco-cremosos, que polinizan os insectos.

O froito, que chega entre setembro e outubro, é un pomo miúdo de entre 4 a 8 mm de diámetro, carnoso e de forma globosa de cor alaranxada brillante ou vermello coral, moi semellante á sorba mais do talle dunha cereixa; fican deica o inverno na árbore. Porén, existen tamén algunhas variedades rosadas, amarelas e albas entre as especies asiáticas. O froito é doce e acedo ao mesmo tempo, cun alto contido en vitamina C. Ademais son moles e zumarentos o que os fai doada comida para os paxaros, principalmente, o picoteiro (Bombycilla garrulus) e os merlos (coma a especie asiática Turdus dissimilis), que espallan posteriormente as sementes do cancereixo coas excrecións.

Os froitos do cancereixo empregáronse para a elaboración de marmeladas para combater o escorbuto, grazas ao seu contido en vitamina C, tres veces maior co das laranxas. Asemade descubriuse no século XIX que contiñan o azucre sorbitol, o que deu pé a súa obtención a partir de glicosa e a súa utilización na industria química para a fabricación de ácido ascórbico (vitamina C) ou coma humectante, estabilizante e adozante (E-420) en alimentos, cosméticos, produtos para diabéticos e goma de mascar. A partir da fermentación dos froitos prodúcese unha augardente que é a base do vodka dos países nórdicos.

A madeira, de gran dureza serviu para a realización de pezas expostas a un forte rozamento coma puntas de muíños ou fusos. Hai séculos, noutras zonas de Europa incluso chegou a substituír o teixo na fabricación de arcos.

Tamén se emprega en xardinaría. Nalgúns países as follas eran empregadas para curtir. En Galicia e Asturias a madeira empregouse desde tempos ancestrais para protexerse dos feitizos das meigas.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Esténdese por toda Europa, dende Islandia até Rusia e a Península Ibérica. Atura ben o frío polo que adoita atoparse en altitude. En Galicia atópase nas montañas meridionais (Os Ancares, O Courel, Serra da Queixa, O Invernadeiro...), sendo máis escaso nas serras setentrionais.

Adoita aparecer illado nas carballeiras, bidueirais, faiais ou formando parte das fragas autóctonas europeas. Asóciase cos acivros e bidueiros. Normalmente medra nas abas frescas das montañas. Ascende até os 2000 m, preferindo os solos húmidos e con pouco cal.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

É unha especie de importancia vital no mantemento das poboacións de animais en inverno ao serviren os seus froitos de alimento aos osos, raposos e outros animais, especialmente as aves coma os paporrubios, os tordos ou as pegas.

Tamén é empregado o cancereixo coma sustento das larvas dunha ampla gama de especies de lepidópteros.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Froitos do capudre.

Sorbus aucuparia foi descrita por Carl von Linné e publicouse en Species Plantarum 1: 477, no ano 1753.[6]

Sinonimia
  • Aucuparia sylvestris Medik.
  • Mespilus aucuparia (L.) Scop.
  • Pyrenia aucuparia Clairv.
  • Pyrus aucuparia (L.) Gaertn.
  • Pyrus aucuparia var. typica (C.K.Schneid.) Asch. & Graebn.
  • Sorbus aucuparia var. typica C.K.Schneid.
  • Pyrus rossica A.D.Danilov
  • Sorbus altaica Koehne
  • Sorbus amurensis Koehne
  • Sorbus anadyrensis Kom.
  • Sorbus aucuparia var. typica C.K.Schneid.
  • Sorbus camschatcensis Kom.
  • Sorbus glabrata (Wimm. & Grab.) Hedl.
  • Sorbus moravica (Dippel) McAll., comb. inval.
  • Sorbus pohuashanensis (Hance) Hedl.
  • Sorbus pohuashanensis var. amurensis (Koehne) Y.L.Chou & S.L.Tung
  • Sorbus polaris Koehne[7]
  • Sorbus adsharica Gatsch.
  • Sorbus bachmarensis Gatsch.
  • Sorbus boissieri C.K. Schneid.
  • Sorbus boissieri var. adsharica Sosn.
  • Sorbus boissieri var. bachmarensis Sosn.
  • Sorbus caucasigena Kom. ex Gatsch.[8]
  1. 1,0 1,1 Termos esenciais de botánica, páx. 28, Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2004.
  2. 2,0 2,1 2,2 Vocabulario forestal, páx. 52, Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cancereixo.
  4. Nome vulgar da Sorbus aucuparia e tamén da Pistacia terebinthus ou terebinto no Termos esenciais de botánica, páx. 36, Universidade de Santiago de Compostela, 2004.
  5. Resultado da busca "capudre" no Dicionario de dicionarios
  6. Capudre en Trópicos
  7. "Sorbus aucuparia subsp. glabrata (Wimm. & Grab.) Hedl". www.catalogueoflife.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2022. Consultado o 2022-03-22. 
  8. Capudre en PlantList Arquivado 23 de xuño de 2012 en Wayback Machine./

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cronquist, A. J., N. H. Holmgren & P. K. Holmgren. 1997. Vascular Plants of the Intermountain West, U.S.A., subclass Rosidae (except Fabales). 3A: 1–446. In A. J. Cronquist, A. H. Holmgren, N. H. Holmgren, J. L. Reveal & P. K. Holmgren (eds.) Intermount. Fl.. Hafner Pub. Co., Nova York.
  • Gleason, H. A. 1968. The Choripetalous Dicotyledoneae. vol. 2. 655 pp. In H. A. Gleason Ill. Fl. N. U.S. (ed. 3). New York Botanical Garden, Nova York.
  • Gleason, H. A. & A. Cronquist. 1991. Man. Vasc. Pl. N.E. U.S. (ed. 2) i–lxxv, 1–910. New York Botanical Garden, Bronx.
  • Hickman, J. C. 1993. Jepson Man.: Higher Pl. Calif. i–xvii, 1–1400. University of California Press, Berkeley.
  • Hitchcock, C. L., A. Cronquist, M. Ownbey & J. W. Thompson. 1961. Saxifragaceae to Ericaceae. Part III. 614 pp. In Vasc. Pl. Pacific N.W.. University of Washington Press, Seattle.
  • Hultén, E. 1968. Fl. Alaska i–xxi, 1–1008. Stanford University Press, Stanford.
  • Moss, E. H. 1983. Fl. Alberta (ed. 2) i–xii, 1–687. University of Toronto Press, Toronto.
  • Munz, P. A. & D. D. Keck. 1959. Cal. Fl. 1–1681. University of California Press, Berkeley.
  • Scoggan, H. J. 1978. Dicotyledoneae (Saururaceae to Violaceae). 3: 547–1115. In Fl. Canada. National Museums of Canada, Ottawa.
  • Voss, E. G. 1985. Michigan Flora. Part II Dicots (Saururaceae-Cornaceae). Bull. Cranbrook Inst. Sci. 59. xix + 724.
  • Welsh, S. L. 1974. Anderson's Fl. Alaska Adj. Parts Canada i–xvi, 1–724. Brigham Young University Press, Provo.
  • Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur do Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.