Ton (cor)
O ton, matiz ou tonalidade (na literatura inglesa hue) é unha das propiedades ou cualidades fundamentais nunha cor, definido tecnicamente (no modelo CIECAM02), como «o grao no cal un estímulo pode ser descrito como similar ou diferente de estímulos como o vermello, amarelo e azul».[1] Refírese á propiedade da cor nos aspectos cualitativamente diferentes da experiencia de cor, que teñen relación con diferenzas de lonxitudes de onda ou con mesturas de diferentes lonxitudes de onda. É o estado puro da cor, sen mestura de branco ou negro[2] e, xunto á luminosidade e a saturación, unha das tres características psicofísicas da cor.[3]
Existe unha alta correlación entre lonxitude de onda e ton, tal como aparece no arco da vella. Estas cores forman parte do grupo de cores espectrais, os relacionados cunha lonxitude de onda determinada. Mentres que as cores non espectrais serían as non relacionadas cunha lonxitude de onda determinada (como os púrpuras e violetas). Só poden obterse por medio da mestura de dúas ou máis luces monocromáticas.
As cores cromáticas son as cores tanto espectrais coma non espectrais, pero o ton ten importancia para entendelas, mentres que nas cores acromáticas, a súa visualización ou percepción enténdese mellor en relación coa dimensión de luminosidade que coa de ton. As cores descenden do escuro á cor definida (por exemplo do negro ao azul).
Xeralmente, cores co mesmo ton diferéncianse con adxectivos que se refiren á súa luminosidade e/ou saturación: azul claro, azul pastel, azul vívido.
Nas artes
[editar | editar a fonte]Na pintura, un ton é unha cor pura; é dicir, unha cor sen pigmento branco ou negro engadidos. Un ton é un elemento da roda de cores. Os tons son os primeiros en ser procesados polo cerebro.
Nun cómic realizado con tinta e, por tanto, en branco e negro, a xustaposición regular de liñas máis ou menos próximas permite crear a ilusión de ton.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mark Fairchild, «Color Appearance Models: CIECAM02 and Beyond.» Tutorial slides for IS&T/SID 12th Color Imaging Conference.
- ↑ Valero Muñoz, Antonio (2011). Principios de color y holopintura. Editorial Club Universitario. p. 129. ISBN 9788499483481.
- ↑ Urtúbia Vicario, César (1999). Neurobiología de la visión. Universidad Politécnica de Cataluña. p. 230. ISBN 9788483013564.
- ↑ Lipszyc, Enrique en el primer capítulo de Técnica de la historieta (Buenos Aires, 1967), p. 23.