Variacións solares
As variacións solares son as variacións na cantidade de enerxía emitida por parte do Sol. Son flutuacións na luminosidade e no vento solar ou campo magnético do astro rei.
As variacións na luminosidade e as do campo magnético adoitan estar interrelacionadas e teñen efectos visibles como as manchas solares. Malia todo o valor medio da radiación solar, 1366 W/m², case non cambia (ver constante solar). De feito as oscilacións producidas polo ciclo das manchas solares non van máis aló de 1 W/m². A súa contribución no cambio climático actual e pasado é motivo de controversia.
Variación a longo prazo
[editar | editar a fonte]Máis información en: Evolución estelar
É evidente que a temperatura media da Terra depende, en gran medida do fluxo de radiación solar que chega. Poderíase pensar que o clima tamén pode verse influído polo sol na mesma medida, pero non é así. O sol é unha estrela de tipo G, en fase de secuencia principal, moi estable, polo que o seu fluxo mantense case constante no tempo. O fluxo de radiación é, ademais, o motor dos fenómenos atmosféricos xa que aporta a enerxía necesaria á atmosfera para que estes se produzan. Pero, debido a que esa achega de enerxía case non varía no tempo, non se considera que sexa unha contribución importante para a variabilidade climática.
Malia todo, o Sol si inflúe a moi longo prazo. Calculouse mediante modelos numéricos que un aumento dun 1% no seu brillo provocaría que a temperatura media atmosférica subise un ou dous graos, segundo o modelo. Sábese, ademais, que a luminosidade solar aumenta co tempo, un 10% cada 1.000 millóns de anos, debido a que a presión no interior do Sol tamén aumenta para compensar o paulatino esgotamento do hidróxeno (ver evolución estelar). Estes incrementos de luminosidade aínda que son desprezables a curto e medio prazo si son salientables a longo prazo. Inexorablemente, o Sol irá brillando cada vez máis ata que, aproximadamente dentro de 1.000 millóns de anos, os océanos empecen a evaporarse. De feito ese aumento de brillo persiste dende que se formou a estrela, pero o noso planeta foi capaz de adaptarse a eses cambios, ata agora, xa que son o suficientemente lentos como para que non desequilibren o sistema. Como se dixo, a moi longo prazo chegará un momento en que o brillo solar romperá o noso ciclo atmosférico e desencadeará un efecto invernadoiro descontrolado que quizabes converta ao planeta nun novo Venus.
Manchas solares e actividade solar
[editar | editar a fonte]Máis información en: Mancha solar
A variación solar máis coñecida é a dos ciclos das manchas solares, de 11 anos de duración. Sábese que existe un máximo do brillo cando o número de manchas é máximo e un mínimo cando case non hai. Esa variación de intensidade, así a todo, é de tan só un 0,1% (1365,5 - 1367,0 Wm-2) polo que os seus efectos son case insignificantes. Doutra banda o período desas variacións é tan curto que os factores moderadores terrestres, como os océanos ou as nubes, impedirían que fixesen un efecto sensible por simple inercia térmica.
Existen outros ciclos de maior duración e, por iso, de maior influencia no clima. Trátase sobre todo do ciclo de Gleissberg, de 80 anos, causante do famoso Mínimo de Maunder que, segundo parece, orixinou a pequena idade de xeo. A variación de intensidade destes ciclos é, máis ou menos, da mesma orde cá dos ciclos de 11 anos pero coa diferenza de que se produce nun período máis dilatado de tempo, suficiente para ocasionar algúns cambios climáticos apreciables.
Fixéronse varios estudos tendo en consideración o número de manchas solares (das cales se teñen rexistros de varios séculos) usando estes datos como patrón da irradiancia solar (da cal só se teñen datos precisos de fai unhas poucas décadas).
Vento solar
[editar | editar a fonte]Máis información en: Vento solar