Coñecín a Constantino González, Tino, a finais do mes de outubro de 1985, ano no que comecei a cursar bacharelato no I. B. Sánchez Cantón de Pontevedra. Neste centro de ensino, o profesor Constantino, de 51 anos, impartía as materias de lingua e literatura castelás.
Apenas principiara o primeiro trimestre, cando o meu compañeiro de pupitre e mais eu lemos no taboleiro de anuncios que nas matinais dos sábados un grupo de amadores da natureza organizaba saídas para observar paxaros. O grupo ornitolóxico Moucho, integrado por alumnos do Sánchez, estaba promovido e coordinado por Constantino González, naquela altura profesor de COU.
Mozo de 14 anos, eu aínda non sandara das febres futboleiras, mais, malia a madruga, investir as mañás dos sábados na busca de plumíferos pareceume unha alternativa saudábel. Formalizamos a solicitude de ingreso. Aceptáronnos. Investín os aforros nos volumes "Aves terrestres" e "Aves acuáticas" da editorial Blume (Xerais aínda non editara a súa oferta de guías da natureza en galego), pedinlle emprestados os prismáticos á miña avoa Isolina (meu pai trouxérallos de Venezuela), provinme dun caderno de campo (que aínda conservo) e, deica xuño do ano 89 (descontando os períodos vacacionais), acudín puntual á miña cita coa avifauna. Ben, nos meus apuntamentos consta que faltei en tres ocasións.
A primeira saída na que participei aconteceu o sábado 2 de novembro de 1985. Oito persoas formabamos a expedición. Percorremos as marismas de Vilaboa. Segundo as miñas notas, recreámonos, entre outros exemplares, coa presenza de garzas reais (Ardea cinerea), garzotas (Egretta garzetta), alavancos (Anas platyrhynchos), culleretes (Anas clypeata), mergullóns (Tachybaptus ruficollis), mazaricos rabinegros (Limosa limosa), ferreiriños abelleiros (Parus major), un picapeixe (Alcedo atthis), un gabián (Accipiter nissus), un raro exemplar de píllara papuda (Charadrius alexandrinus)... A xeira rematou esculcando unhas pegadas de teixugo (Meles meles) e admirando a feitura dun niño abandonado de carrizo (Troglodytes troglodytes).
A cada avistamento, Constantino arrequecía a descrición da ave cun acaído adobío literario: a garza no "Libro de buen amor", a andoriña en "El Conde Lucanor" ou nas "Rimas" de Bécquer, o falcón en "La Celestina", a cegoña nas fábulas de Samaniego, o cuco, a gralla e a avelaiona en Delibes... A miña admiración polo profesor Tino aumentaba paxaro a paxaro.
Vinculado dende ben novo ao asociacionismo, fixen por conxugar o meu compromiso coa sociedade deportiva J. C. I. (fútbol afeccionado) e mais o voluntariado na Cruz Vermella Xuventude de Pontevedra coa militancia no grupo ornitolóxico Moucho.
Sábado a sábado, ás 9:30 horas, ficabamos no aparcadoiro da estación de autobuses de Pontevedra. Dende alí, ben a pé, en autobús, en auto-stop, ben no coche particular de Constantino (un Seat Panda), dirixiámonos a Vilaboa, ao Castrove, á Fracha, ao arboredo do pazo de Lourizán, á Xunqueira de Alba... A media mañá, faciamos un pouso. Tino aproveitaba para acugular de tabaco fragrante a súa cachimba, compartindo cos seus pupilos unha xícara de café morno, trasfegado do seu termo.
O meu colega e mais eu, tirando de poupanza, agasallámolo nunha ocasión cunha pipa de mazaroca de millo (marca "Missouri"). Non era gran cousa, porén, agradecéndonos o detalle e mentres lle durou, Tino sempre fixo que fumegase a cazoleta nas nosas saídas ao campo.
Durante as catro temporadas (ou cursos) que durou a gozosa experiencia (BUP e COU: do 85-86 ao 88-89), aprendín todo o que sei de ornitoloxía. En verdade, aquel alumno que deveu mestre aprendeu o xeito de transmitir nas aulas o respecto polo medio ambiente e, asemade, polas criaturas coas que o compartimos. Aprendín que o ben persoal máis prezado é o coñecemento, unha arca que nunca reborda e que non se enche sen esforzo. Aquela fugaz (mais estreita) convivencia veu corroborar que a sabedoría adoita facer niño na fronde da humildade, na enramada dos individuos que non se gaban dos seus méritos. Constantino e Milagrosa souberon inculcar nos seus fillos estas calidades.
A mañá do sábado 26 de abril de 1986, Tino apareceu acompañado de seu fillo Alfredo. Trinta anos despois, Alfredo González Ruibal, aquel esperto e rebuldeiro rapazolo de dez anos converteuse nun dos máis brillantes e prestixiosos investigadores no eido da arqueoloxía.
No curso 86-87, Constantino trasladou o exercicio da docencia ao I. B. A Xunqueira I de Pontevedra. A actividade non cesou, ende ben, o grupo Moucho acabou nutríndose do alumnado de ambas as dúas beiras do Lérez. A asociación chegou a acadar a cifra de catorce membros. Aos labores de identificación engadíronselles os de anelamento, rescate e cura de aves feridas.
Aquela mudanza deparoume botar unha man na xestión do correo postal do colectivo. O grupo ornitolóxico Moucho recibía con regularidade correspondencia da SEO, de WWWF/Adena, de Greenpeace..., entidades coas que se establecera algún tipo de relación ou colaboración. Lembro que dende o grupo Moucho apoiamos activamente o proceso que, en 1988, acabou declarando parque natural as illes Columbretes (Valencia), empregadas como campo de tiro pola armada española. Aínda conservo o modelo para a recollida de sinaturas e parte da correspondencia que mantivemos cos compañeiros do Grup d'Estudi i Defensa de la Natura AGRÓ (garza en catalán).
O financiamento do grupo (parcas eran as nosas necesidades) garantíase coa venda duns autocolantes nos que a protagonista era a rapaz nocturna que nos daba nome.
Continuará...