Saltar ao contido

Bandeira de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Galicia
Bandeira de Galicia
Características
Uso
Proporción2:3
Adopción29 de maio de 1984
Cores     Azul      Branco      Azul escuro      Vermello      Dourado
Bandeira civil de Galicia
Bandeira civil de Galicia
Características
Uso
Proporción2:3
Adopción6 de abril de 1981
Cores     Azul      Branco

A bandeira de Galicia actual é un dos símbolos de Galicia. Foi creada a finais do século XIX polos galeguistas históricos do Rexurdimento e sancionada polo consenso popular, durante a época da Xeración Nós, como insignia nacional.[1] Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo até o inferior dereito. A franxa azul posúe unha largura igual á terceira parte do alto da bandeira.

Historia

Anaco da obra Pompas fúnebres do emperador Carlos V no que se representan os estandartes do Reino de Galiza. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI).

Antigo estandarte real

Artigo principal: Bandeira do Reino de Galicia.
Artigo principal: Escudo do Reino de Galicia.

O antigo estandarte do reino de Galicia compoñíase principalmente por un cáliz dourado sobre fondo azul. Este aparece documentado como motivo principal do escudo de armas do Reino de Galicia dende finais do século XIII. Así aparece documentado como armas os reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano 1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galicia foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz pechado nun relicario (armoriales Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal cáliz en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. Equivocamente, moita xente pensa que as sete cruces corresponden ás cidades do antigo Reino de Galicia aínda que en realidade a súa orixe é soamente decorativa (Escudo de Galicia).

Na guerra contra a invasión napoleónica

Como recorda unha placa memorial na parede sur da Praza da Quintana, o Batallón Literario, fundado en 1808 durante a guerra contra os exércitos napoleónicos, combateu baixo a bandeira de Galicia, naquela altura de cor enteiramente branca.[1][2] Di en 1887 Manuel Murguía:[3]

La bandera de Galicia, es blanca. Tal al menos se dice y asegura generalmente, confirmando esta opinión el hecho de que, la del batallón de literarios llevó a campaña, es de este color (....).

Nalgunhas fontes[4] afírmase que foi tamén branca a bandeira que se arborou en Galicia durante a revolución de 1846, aínda que non se aclara se estaba asociada unicamente ao reconstituído Batallón Literario.

O deseño actual. Das prohibicións á oficialización

Cartón postal da Liga Gallega na Cruña coa bandeira de Galicia, a máis antiga conservada.[5]

O actual deseño da bandeira galega remóntase ao Rexurdimento na altura en que se comezan a reformular ou a recrear os símbolos de Galicia. A finais do século XIX comezáranse a empregar diferentes modelos de bandeiras coa idea de representaren graficamente unha Galicia que camiñe cara á liberdade. Neste contexto numerosos intelectuais defenderán a bandeira franca, a bandeira branca coa cruz vermella de Santiago, así como tamén a bandeira branca coa franxa azul, que será asumida axiña por boa parte do galeguismo e finalmente por toda Galicia. En 1898 aparece, tanto na prensa da Galicia interior coma da Galicia emigrante, o primeiro documento público que trata de fixar o que remataría sendo o actual deseño da bandeira[6]:

"A bandeira galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco, e dende o ángulo superior da esquerda ata o ángulo inferior da dereita, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter de ancho a terceira parte do alto ou ancho total da bandeira"

A bandeira, que xa fora izada en Cuba polas sociedades de emigrantes no inicio do século XX[7] e viñera cubrindo o cadaleito do poeta Curros Enríquez chegado da illa,[8] comezaba a usarse nalgúns actos oficiais.[9][10] Foi prohibida na ditadura de Primo de Rivera de iure e na ditadura de Francisco Franco de facto.[11] En 1930 as leis volveron autorizala e mesmo algunha institución menor defendeu o seu izado público, en ocasión solemne, canda a española, aínda que continuaba habendo debate,[12] con indisimulado fondo político, acerca de cal dos deseños en contenda tiña que presentarse como bandeira galega. En 1931, durante os disturbios que deron lugar en Ourense á proclamación simbólica da República Galega, grupos de obreiros cortaron en tiras a bandeira española republicana e ergueron a bandeira de Galicia[13] xunto á vermella dos comunistas. Tratábase dun feito histórico en canto que xa non só o galeguismo ou os colectivos emigrantes, senón traballadoras e traballadores adscritos a movementos da esquerda revolucionaria, en Ourense ou en Santiago,[14] exhibían o distintivo nacional ao mesmo nivel que as bandeiras características da loita obreira. A instauración da II República significou un recoñecemento tácito da representatividade da bandeira galega -se ben a constitución republicana española non facía referencia explícita ao asunto[2]- en varias localidades[15][16][17] do país e o seu uso (nas diversas versións, incluída a proposta por Castelao e tamén a estreleira) aparece documentado amais nas columnas galegas que combateron contra o golpe de Estado fascista de 1936. A derrota implicou neste plano a persecución da bandeira, que se converteu desde o primeiro momento[18][19] en sinal de resistencia antifranquista.

A partir de 1939 a bandeira galega terá que ocultarse á vista das autoridades. Foron moitas as agrupacións patrióticas, de natureza política ou de orientación cultural, que as ocultaron por medo á represión. Pequenos obxectos que a incluían, coma cinseiros e impresos diversos, foron incautados[1]. As poucas veces en que a bandeira nacional burle a prohibición despois de 1939 será grazas á ignorancia dos propios censores, que non acababan de identificar as colgaduras brancas e azuis como representativas do país. A resistencia simbólica atinguiu tamén as colectividades galegas no estranxeiro,[1] cuxa práctica habitual de exhibición do noso distintivo patrio se viu acosada polo aparato internacional do poder franquista.

En 1971 un mozo que portaba unha bandeira galega durante unha manifestación no Paseo de Alfonso (Vigo) foi xulgado e condenado polo Tribunal de Orden Público a multa e máis de dous anos de prisión por "manifestación" e "propaganda ilegal", considerándose o estandarte que sostiña, por parte da Fiscalía,[20] unha das probas da súa condición de promotor dos delitos.

...arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira da Galiza,
cantémo-lo direito á libre nova vida!
Ramón Cabanillas ("En pé")

Coa II Restauración borbónica e a fin oficial da Ditadura franquista, a Lei 5/1984 de 29 de maio de 1984 da Xunta de Galicia regulou a actual bandeira galega. Nela lexíslase que a bandeira de Galicia ha de ter unha lonxitude igual a tres medios do seu ancho. É branca, cunha banda azul celeste dun ancho equivalente á cuarta parte do da bandeira, que a atravesa dende a parte superior á hasta, cara á parte inferior ao batente. Esta versión, sen escudo, denomínase en vexiloloxía -a ciencia que estuda as bandeiras-, "bandeira civil", e pode ser utilizada polos cidadáns, pero non pola administración pública, que debe, obrigatoriamente, utilizar a "bandeira institucional", con escudo. Esta versión, con escudo, tamén pode ser utilizada pola poboación civil.

A representación moderna e oficial do escudo galego foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega (RAG). A RAG propuxo á Xunta de Galicia conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro da moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira civil, formando o que en vexiloloxía se denomina "bandeira institucional". A bandeira "de estado", "institucional" ou "oficial" galega é a que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.

"A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma", Lei 5/1984 de Símbolos de Galicia, Artigo 2.2.

Aínda que a bandeira autonómica oficial de Galicia está plenamente asumida na actualidade, persisten esporadicamente actitudes de odio,[21] sobre todo fóra de Galicia, contra algunha das súas variantes[22][23] coma a estreleira.

Contexto político. Orixe e simboloxía da bandeira

Cómpre situar o imperativo da proclamación da bandeira de Galicia no contexto político resultante das revolucións francesa e americana, que afirma novas comunidades nacionais e cidadás soberanas e propón, fronte ás tradicións iconográficas da aristocracia, novos universos simbólicos[2] nos que bandeira, escudo e himno han cobrar o maior protagonismo. Como recorda o historiador Ramón Villares[1] a través da tese de Eric Hobsbawn:

(...) o período de 1870 a 1914 caracterizouse pola produción masiva de tradicións e símbolos de carácter nacional, como unha forma de construír unha «relixión civil alternativa que permitise gobernar o proceso de incorporación das masas á vida política e substituír deste modo o papel que exercían anteriormente a igrexa ou as propias monarquías tradicionais, na consecución da necesaria cohesión social dentro das súas comunidades políticas. Era preciso fundamentar sobre novos piares as lealdades sociais e políticas de sociedades que, como as europeas occidentais, se atopaban nun proceso de profunda remodelación social, despois das revolucións que tiveran lugar en Inglaterra no século XVII e en Francia a finais do século XVIII.

A partir dese contexto, o labor de deseñar e asumir colectivamente unha insignia sumarase a outros do mesmo tipo (consensuar un escudo e un himno e fundar unha Academia da Lingua, entre outros);[24] serán os proto-nacionalistas de finais do XIX quen traballen nesa dirección.

Continúase descoñecendo o significado último[1][24] da simboloxía da bandeira galega actual. Desde os primeiros anos ata hai relativamente pouco déronse lecturas inxenuas (coma a crenza de que a franxa azul representaba o río Miño, o que motivou versións nas que a franxa transversal partía da esquina superior dereita e non desde a esquerda), pero máis alá delas existiron esforzos premeditados para desacreditar a actualización do símbolo que propoñía o grupo soberanista de Murguía. Chegouse a atribuír o novo deseño a unha confusión dos emigrantes, quen tomarían como bandeira galega o distintivo branco con banda azul da provincia marítima da Coruña ao véreno ondear no porto e nos transatlánticos. O que pretendían en realidade tanto a dereita españolista[24] coma a liña académica tradicionalista, con representantes coma Couceiro Freijomil ou César Vaamonde Lores, era oficializar como estandarte o pendón branco coa cruz de Santiago.[1]

Hoxe hai constancia, ben documentada[1][24][25], de que a bandeira da comandancia coruñesa se estableceu con posterioridade ás primeiras exhibicións do futuro símbolo nacional, pero algunhas páxinas mesmo institucionais[26] continúan avalando a grave inexactitude histórica.

Unha bandeira de raso azul e branca xa fora empregada durante unha recepción de peregrinos que tivo lugar en Santiago de Compostela os días 22 e 23 de agosto de 1881.[25] Aínda que non existen probas suficientes para relacionar esa bandeira mostrada en 1881 coa que se describirá por primeira vez nun periódico compostelán[6] (nova reproducida pouco despois polo bonaerense El Eco de Galicia no mesmo ano de 1898), hai fundadas razóns para crer que a actual bandeira de Galicia foi creación de Manuel Murguía[27] (probablemente coa axuda no deseño da súa filla Alexandra Murguía Castro) e sábese que a Sociedade Económica de Amigos do País a exhibiu publicamente[24] durante o traslado dos restos de Rosalía de Castro desde o cemiterio de Adina, en Iria, ata San Domingos de Bonaval, celebrado os días 25, 26 e 27 de maio de 1891.[28]

A bandeira, grazas sobre todo ao activismo dalgúns intelectuais e das organizacións culturais e políticas (resultou decisiva a identificación con ela das comunidades da diáspora: recordemos que emigrantes do Centro Galego da Habana desfilan con ela en outubro do 1892[29]) foi afianzándose no século XX como símbolo unánime da nación galega e así foi asumido xa desde os anos finais da ditadura.

Cores

As cores específicas da bandeira oficial de Galicia son:[30]

Esquema Azul Branco Azul escuro Vermello Dourado
Pantone 801 C N. A. 300 C 186 C 3975 C
RGB
(Hex)
0-153-204
(#0099CC)
255–255–255
(#FFFFFF)
0-91-191
(#005BBF)
216-17-38
(#D81126)
188-172-11
(#BCAC0B)
CMYK 100%–25%–0%–20% 0%–0%–0%–0% 100%–52%–0%–25% 0%–92%–82%–15% 0%–9%–94%–26%

Outras bandeiras e símbolos históricos

Estreleira, bandeira nacionalista de esquerdas.
Bandeira do movemento Nunca Máis.
  • A figura dun cáliz, copa ou relicario dourado é o símbolo histórico que máis longo tempo vén representando a Galiza como entidade xeográfica e política. Tres cálices dourados aparecen documentados por primeira vez como armas dos reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano c.1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galiza foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz dourado evolucionou cara a unha copa dourada (armoriais Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) cara ao século XV, ao que se lle sumaron un número dispar de cruces no século XVI. Xa no século XVII, no contexto da Contrarreforma, este pasou a ser representado como relicario; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal Graal en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. A estandarización gráfica moderna das armas ou escudo de Galiza foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.
  • Baseándose na alusión dun documento datado en 1669[31] algúns grupos independentistas galegos e rexionalistas portugueses exhiben en actos públicos unha bandeira que se pretende histórica e derivada da simboloxía do Reino suevo con fondo en ouro, dragón en sinople á esquerda e un león rampante en goles ou en púrpura á dereita (faltaría, no centro das dúas figuras, o cálice, de seguirmos tanto o razoamento do documento citado coma as versións do escudo de Coímbra que desde o século XVII[32] semellan reproducir idéntico motivo).
  • No século XVIII, os buques do Reino de Galicia empregaban como pavillón nacional unha bandeira branca cun cáliz dourado e dous grupos de tres cruces vermellas cada un situados en ambas as dúas beiras,[33] tal e como se recolle na obra Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer, publicada en Ámsterdan en 1718.
  • O nacionalismo de esquerdas adopta a estreleira (bandeira galega coa estrela vermella) como símbolo de liberación nacional e social. Este símbolo é o máis usado en manifestacións nacionalistas ou acontecementos deportivos locais. É a bandeira da principal Central Sindical (CIG: Confederación Intersindical Galega) e dos partidos de esquerda nacionalista.
  • O deseño do escudo de Castelao co texto "Denantes mortos que escravos" (1937). Consistía na serea sostendo o escudo cunha fouce e unha estrela.[34]
  • Durante a marea negra do Prestige tamén se usou a bandeira galega, con fondo negro e co texto de Nunca Máis.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Villares, Xosé Luís Axeitos, Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (2007). Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, ed. "Os Símbolos de Galicia" (PDF). pp. 87–88. ISBN 978-84-96530-46-1. 
  2. 2,0 2,1 2,2 F. Martínez, Francisco (2013). Os símbolos de Galicia. Parlamento de Galicia - obra non venal. ISBN 978-84-7836-101-4. 
  3. Murguía, Manuel (1887). ""Armas y bandera de Galicia"". Revista Regional (1): 7–12. 
  4. "A bandeira | Institucións Galegas | Instituciones Gallegas". institucions.galiciadigital.com. Consultado o 2022-08-31. 
  5. VVAA (2006). Galicia, a forza da palabra. Centenario da Real Academia Galega. Fundación Caixa Galicia. p. 119. ISBN 84-96494-82-9. 
  6. 6,0 6,1 "A primeira descrición da nosa bandeira". Real Academia Galega. Consultado o 2022-08-30. 
  7. "Cuba y Galicia: décadas de simbiosis". emigracion.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2022-08-31. 
  8. "Neiras Vilas: «A Academia, o himno e a bandeira galega naceron na emigración»". La Voz de Galicia (en castelán). 2001-11-10. Consultado o 2022-08-31. 
  9. Fernández González, Manuel (2005). La dinámica sociopolítica en Vigo durante la Segunda República. USC - Facultade de Xeografía e Historia (Tese doutoral). 
  10. Diario, Nós (2022-01-05). "A bandeira galega, no centro do universo artístico". Nós Diario. Consultado o 2022-08-31. 
  11. Parlamento de Galicia: os símbolos de Galicia
  12. Martínez Rodríguez, Ana Cruz (2015). As Comisións Provinciais de Monumentos Históricos e Artísticos de Galicia. (1836-1936). Departamento de Historia - USC (Tese de Doutoramento). 
  13. "A República Galega: A historia non oficial". Galicia Confidencial. Consultado o 2022-08-31. 
  14. "Documento inédito sobre a proclamaçom da República Galega em 1931". www.diarioliberdade.org. Consultado o 2022-08-31. 
  15. Lombao, David (2014-06-03). "La Galicia republicana". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-08-31. 
  16. "Abril en Santiago". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-04-17. Consultado o 2022-08-31. 
  17. "As primeiras horas da II República en Galicia: música e bandeiras entre chamadas á orde e á esperanza". Praza Pública. 2021-04-14. Consultado o 2022-08-31. 
  18. Jabois, Manuel (2022-08-28). "Amalia Álvarez y Alexandre Bóveda: no enterraron cadáveres, enterraron semillas". El País (en castelán). Consultado o 2022-08-31. 
  19. Callón, Carlos (2022). O libro negro da lingua galega : quiñentos anos de represión e silenciamento. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-1110-119-6. OCLC 1333188937. 
  20. Méndez Ferrín, X.L. (2 de xuño de 2012). "Arredor da bandeira azul e branca" - No fondo dos espellos". El Sábado - Faro de Vigo (759). 
  21. Diario, Nós (2013-05-14). "“O me das la puta bandera o te la tragas. Tú eliges, follavacas”". Nós Diario. Consultado o 2022-08-31. 
  22. ""É unha bandeira galega con estrela unha ameaza para a seguridade?"". Praza Pública. 2013-05-14. Consultado o 2022-08-31. 
  23. Pontevedra, Diario de (2019-09-04). "La oposición condena que se prohíba la 'estreleira' en estadios como Pasarón". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2022-08-31. 
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Méndez Ferrín, X. L. (26 de maio de 2012). "A nosa bandeira" - No fondo dos espellos". El sábado - Faro de Vigo (758). 
  25. 25,0 25,1 Costa, Xoán (2022-08-08). "A bandeira galega, romeira en Compostela". Nós Diario. Consultado o 2022-08-29. 
  26. Galicia, Xunta de (2009-09-30). "A bandeira". Xunta de Galicia. Consultado o 2022-08-30. 
  27. "OS SÍMBOLOS DE GALICIA" (PDF). consellodacultura.gal. Consultado o 31/08/22. 
  28. Lorenzo Gil, Cesar (2018-10-18). "O misterio da bandeira galega". BiosBardia. Consultado o 2022-08-30. 
  29. Barro, Pepe (2018). Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Xerais. p. 59. 
  30. "Galicia flag color codes". flagcolorcodes.com. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  31. "Dinastía Real Sueva do Reino de Gallaecia". www.bandeiragalega.com. Consultado o 2022-08-31. 
  32. "O primeiro congreso sobre o Reino dos Dragóns – Capítulo 0". Consultado o 2022-08-31. 
  33. Nicolaas Witsen, Cornelis van Eyk, Carel Allard (1718). chez David Mortier, Libraire, ed. "Des pavillons. Planche LVI.". Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer. Ámsterdan. p. 17. (en francés)
  34. "Non-nos quedaba máis que a fouce de ouro sobor dun fondo azul e a estrela vermella, como emblema do Traballo e da Liberdade. Ourelando o escudo cumpría deixar patente o martirio de Galiza. E a serea, que pertence á heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras" ("Os novos símbolos da Nova Galiza" en Nova Galiza (Barcelona), 6, 1 de xullo, px. 2).
  35. Denis Landry (5 de novembro de 1701). "La ceremonie du mariage du roy d'Espagne avec la Princesse Marie Louise Gabrielle de Savoye seconde fille du Duc de Savoye". Figueres, Cataluña. (en francés)
  36. Nicolaas Witsen, Cornelis van Eyk, Carel Allard (1718). chez David Mortier, Libraire, ed. "Pavillon de Galice". Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer. Ámsterdan. p. 56. (en francés)

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas