Aleida March
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Aleida March Torres 19 de outubro de 1936 (88 anos) Santa Clara, Cuba |
Actividade | |
Ocupación | política |
Partido político | Movemento do 26 de xullo |
Familia | |
Cónxuxe | Che Guevara (1959–1967) |
Fillos | Aleida Guevara March |
Aleida March, nada en Santa Clara (Cuba) o 19 de outubro de 1936, é unha muller cubana coñecida principalmente por ser a segunda muller de Ernesto Che Guevara. Preside o Centro de Estudos Che Guevara e é titular dos dereitos de autor dos escritos deste, entre eles varios textos aínda inéditos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aleida March naceu e medrou nunha leira de 20 hectáreas, propiedade do seu pai, na zona rural de Santa Clara. Integraba unha familia de campesiños brancos pobres, levemente diferenciados no social dos guajiros, ou campesiños negros, máis pobres aínda.
De nova estudou Pedagoxía na Universidade de Santa Clara. Comezou a interesarse pola política cando Fidel Castro levou adiante o ataque ó Cuartel Moncada en 1953. Vinculouse ó Movemento 26 de xullo, e ingresou oficialmente nel en 1956.
Iniciada a guerra civil en 1957, Aleida militou de xeito activo na clandestinidade para o M-26-7 como mensaxeira do responsable de Villa Clara, con fama de audaz e valente. Lolita Rossell, a súa amiga íntima, tamén militante do M-26-7 naquela época dixo dela: "Non tiña medo a nada. Era moi abnegada, seria, solteira e non tiña afección ás festas e esa clase de cousas".
As ideas de Aleida, coma moitos dos militantes do M-26-7 "del llano", estaban marcadas pola súa oposición frontal á ditadura de Fulgencio Batista e o desexo de establecer unha democracia liberal.
Coñeceu ó Che en plena guerra civil, cando este chegou coa Columna Oito a combater á rexión en outubro de 1958. Namoráronse nese momento e comezaron a convivir, malia que el estaba casado con Hilda Gadea e tiña unha filla.
Unha vez caída a ditadura de Batista o 1 de xaneiro de 1959 e tomado o poder o novo goberno, Hilda Gadea e a súa filla trasladáronse a Cuba, onde se divorciaron. March e Guevara casaron o 9 de xuño de 1959 na Habana.
Xuntos tiveron catro fillos:
- Aleida Guevara March, nada o 17 de novembro de 1960
- Camilo Guevara March, nado o 20 de maio de 1962
- Celia Guevara March, nada o 14 de xuño de 1963
- Ernesto Guevara March, nado o 24 de febreiro de 1965
Aleida March preside o Centro de Estudos Che Guevara, situado na casa que compartiron na Habana.[1]
En agosto de 1961, Ernesto Guevara viaxou a Punta do Leste, Uruguai para representar a Cuba nunha reunión da OEA. Aproveitando a proximidade coa Arxentina, a súa familia e amizades foron visitalo. Nesas circunstancias, Jon Lee Anderson relata na súa biografía de Guevara un diálogo entre este e a súa querida "tía Beatriz".
"Nun determinado momento, dixo Figueroa, a tía Beatriz preguntoulle ó Che sobre a súa nova muller, Aleida. "É unha moza de campo -dixo o Che-. Unha guajira". "E iso que é?-preguntou Beatriz, perplexa- unha facendada?" O Che riuse a gargalladas: evidentemente a súa recoleta tía pensaba que casara coa filla da aristocracia terratenente cubana".[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Anderson, Jon Lee (1997). Barcelona: Anagrama., ed. Che Guevara. Una vida revolucionaria. pp. 341–346. ISBN 8478882960.
- ↑ Anderson, Jon Lee (1997). Barcelona: Anagrama., ed. Che Guevara. Una vida revolucionaria. p. 487. ISBN 8478882960.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aleida March |