Saltar ao contido

Alfredo Somoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAlfredo Somoza
Biografía
Nacemento8 de abril de 1892 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte29 de setembro de 1951 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Montevideo, Uruguai Editar o valor en Wikidata
Deputado nas Cortes republicanas

3 de marzo de 1936 – 2 de febreiro de 1939

Circunscrición electoral: A Coruña
Presidente da Deputación da Coruña
6 de maio de 1931 – 15 de xullo de 1932
← Ángel AperribayManuel Ínsua Sánchez → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico, comerciante Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Conflitoguerra civil española Editar o valor en Wikidata

BUSC: somoza-alfredo-1892-1951 Nomes e Voces: 5609

Alfredo Somoza Gutiérrez, nado na Coruña o 8 de abril de 1892 e finado en Montevideo o 29 de setembro de 1951, foi un político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu na rúa de Atocha, súa nai era Manuela Gutiérrez, natural da Coruña, e seu pai Manuel Somoza, nado en Rianxo e curmán de Castelao, capataz dunha fábrica de zapatos, ideoloxicamente mantiña posturas liberais e republicanas, destacou como un dos fundadores do Casino Republicano da Coruña.

Irmandades da Fala

[editar | editar a fonte]

Alfredo estudou contabilidade[1], traballou de viaxante na fábrica de calzados onde traballaba seu pai, chegando a ser o seu xerente ata 1934. Ligado á masonería, pertencía á loxa Suevia, tamén foi un destacado membro das Irmandades da Fala da Coruña, liderándoa xunto con Ánxel Casal[2] durante os anos de rivalidade coas teses de Vicente Risco, mantendo na rúa o voceiro A Nosa Terra durante a ditadura de Primo de Rivera. Somoza, amigo persoal de Santiago Casares Quiroga foi un dos membros fundadores da ORGA e da Federación Republicana Gallega, salientando dentro do sector máis galeguista.

República

[editar | editar a fonte]

Saíu elixido concelleiro da Coruña nas eleccións municipais de abril de 1931, logo da proclamación da república en España o grupo galeguista da sección coruñesa da ORGA, entre os que estaba o propio Somoza, fixo un chamado público para a convocatoria dunha asemblea de concellos que que redactase un estatuto de autonomía para Galicia dentro da República Federal Española[3]. O 6 de maio de 1931[4] a deputación da Coruña elixiu a Somoza como o seu novo presidente, a súa xestión foi fundamentalmente administrativa[5], centrándose na mellora das comunicacións no rural, a recuperación e rehabilitación das propiedades da deputación e dotar con máis medios ao Hospital Provincial.

Logo de realizar unha declaración pública de autonomismo, Somoza desgustado polas súas discrepancias no tema con Casares Quiroga deixou o seu posto de presidente da Deputación o 15 de xullo de 1932, mantendo a acta de deputado provincial, e con esa condición acudiu á xuntanza de concellos no que se aprobou un proxecto de estatuto de autonomía.

Nas eleccións de 1936 saíu elixido deputado nas Cortes nas listas da Frente Popular representando a Izquierda Republicana, forza na que se integrara a ORGA. Somoza formou parte da comisión de deputados que levou o Estatuto a Madrid tras a súa aprobación en referendo o 28 de xuño, volveu a Galicia uns días antes do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 contra a República.


Predecesor:
Ángel Aperribay
 
Presidente da deputación da Coruña
 
1931 - 1932
Sucesor:
Manuel Ínsua Sánchez

Anos de agocho e exilio

[editar | editar a fonte]

Tras a deposición dos xenerais leais na Coruña ao goberno constitucional o día 20 de xullo, Somoza tivo que permanecer agochado nas casas de amigos durante anos. O 24 de outubro de 1947 fuxiu nun barco británico que ía a Brest[6]. Estableceuse en París e logo das xestións de Castelao marchou cara a Montevideo, onde chegou o 13 de maio de 1948, pouco despois chegaban a súa muller e filla desde Galicia. Somoza integrouse no Consello de Galiza e a el débese[7] a iniciativa de realizar un programa de radio en galego, Sempre en Galicia, que comezou a emitir o 3 de setembro de 1950 por Radio Carve de Montevideo[8].

  1. Marc Baldó (ed.) L'exili cultural de 1939: seixanta anys després : actas del I Congreso Internacional. Universitat de València, 2001, páxina 305)
  2. Justo G. Beramendi O nacionalismo galego. Edicións A Nosa Terra, 2ª ed., 1996, páxina 347
  3. Carlos Sixirei. Alfredo Somoza. Encadramento histórico dunha figura esquecida do galeguismo. Ediciós do Castro, 1988, páxina 42
  4. Carlos Sixireri. Ob. cit., páxina 44
  5. Carlos Sixirei Ob. cit., páxina 51
  6. Carlos Sixirei Ob. cit., páxina 73
  7. Beatriz Graña Voces da memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista. Universidade de Santiago de Compostela, 2003, páxina 145
  8. Blanco Campana, Xosé Luís (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 332–336. ISBN 84-89947-73-2. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]