Asemblea Xeral de Indiana
Asemblea Xeral de Indiana | |
---|---|
Tipo | bicameralismo e parlamento de estado dos Estados Unidos de América |
Sede | Capitólio Estadual de Indiana |
En | Indiana |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
http://iga.in.gov | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Asemblea Xeral de Indiana (en inglés, Indiana General Assembly) é o parlamento do estado de Indiana nos Estados Unidos. Composto por un total de 120 lexisladores electos por sufraxio universal, a Asemblea conta cunha estrutura bicameral: Senado e Cámara de Representantes. A súa orixe remóntase á Constitución de 1816 cando naceu como institución que exercería o poder lexislativo do estado. O Capitolio Estatal de Indiana, na cidade de Indianapolis, acolle a súa sede.
Composición
[editar | editar a fonte]A Constitución de Indiana recoñece a separación de poderes e confire o lexislativo á Asemblea Xeral. As súas facultades veñen determinadas polo artigo 4º da carta magna que tamén establece a súa organización:[1]
- Senado: a cámara alta conta con 50 membros electos polo mesmo número de distritos uninominais. O tenente gobernador do estado actúa como presidente da cámara aínda que só vota para desfacer empates. Ademais, os senadores votan entre eles a un presidente que asuma a dirección do Senado en caso de ausencia do anterior. O mandato dos senadores é por un período de catros, renovándose a metade cada dous. Non existen límites de madato. Os senadores deben contar con 25 anos para asumir o escano e o cargo é incompatible con outros cargos federais ou estatais.[1]
- A Cámara de Representantes: ten un total de cen deputados escollidos por distritos uninominais cada dous anos. Para poder ser electo membro desta cámara débese contar con cidadanía estadounidense, dous anos de residencia no estado e un no distrito polo que se presenta, así como ter 21 anos no intre de asumir o cargo.[2]
Competencias
[editar | editar a fonte]A principal facultade da Asemblea Xeral de Indiana é a de elaborar, debater e aprobar as leis do estado. Un lexislador, sexa senador ou representante, pode iniciar o proceso mediante a elaboración dunha proposta. Antes de rexistrala na cámara á cal pertenza, debe redactala coa axuda da Axencia de Servizos Lexislativos da Asemblea Xeral para garantir que conta cos requisitos técnicos precisos. Logo procédese á primeira lectura na cámara, a iniciativa é presentada e derivada a unha a comisión parlamentaria segundo a súa temática. Nesa fase, a comisión valora e debate a proposta, de non ser rexeitada, o proceso lexislativo prosegue e chega ao pleno da cámara. Alí é de novo lida, a segunda lectura, e debátense as emendas, antes de votala. No caso de ser aprobada, envíase á cámara restante, onde o proxecto seguirá o mesmo procedemento, podendo ser modificada. En tal caso, unha vez remata o proceso na segunda cámara, volverá a ser votada na cámara orixinal. Se a cámara orixinal rexeita as mudanzas, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.[3]
Historicamente, a Asemblea Xeral tivo a primacía dentro do sistema político de Indiana, pero as emendas constitucionais de 1970 reforzaron a autoridade do gobernador.[4] Con todo, a Asemblea Xeral aínda poder revogar o veto ás leis do gobernador sen necesidade dunha maioría cualificada, basta que voten a prol diso unha maioría absoluta de ambas as dúas cámaras.
Aínda que a Constitución de Indiana fai ás dúas cámaras colexisladoras, resérvalle á Cámara de Representantes a iniciativa de elaborar leis que impliquen aumento de impostos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Constitution of Indiana". Indiana General Assembly.
- ↑ "Indiana Code 5003 - Indiana General Assembly, 5011 Session". Indiana General Assembly.
- ↑ GCPD (2020-11-20). "The Legislative Process". GCPD (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-28.
- ↑ Gugin, Linda C.; St. Clair, James E. (2006). The governors of Indiana. Indianapolis : Indiana Historical Society Press in cooperation with the Indiana Historical Bureau. ISBN 978-0-87195-196-0.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Asemblea Xeral de Indiana (en inglés)