Saltar ao contido

Batalla de Rabaul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Rabaul
Parte de Campaña de Nova Guinea na segunda guerra mundial

Avións xaponeses estacionados en Rabaul. Ao capturala, os xaponeses convertérona nunha importante base aérea e naval desde a cal lanzaron ataques contra Nova Guinea e as Illas Salomón.
Data 23 de xaneiro de 1942
Lugar Rabaul, Nova Bretaña
Resultado Vitoria xaponesa
Belixerantes
Australia Xapón
Líderes
Jack Scanlan Tomitarō Horii
Forzas en combate
1400 4886
Baixas
28 mortos
1040 prisioneiros de guerra[1]
400 evacuados
16 mortos
49 feridos

A batalla de Rabaul librouse na madrugada do 23 de xaneiro de 1942, cando as forzas australianas intentaron, sen éxito, deter o desembarco das forzas xaponesas. Os asiáticos lograron tomar o control do porto, converténdoo nunha importante base desde a cal lanzaron ataques aéreos e navais nas campañas de Nova Guinea e as Illas Salomón.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Despois da primeira guerra mundial, a illa de Nova Bretaña pasou para mans da administración australiana, dentro do chamado Territorio de Nova Guinea. Pouco antes de iniciarse a segunda guerra mundial, a illa contaba cunha poboación de ascendencia europea de mil persoas.[2] O Cuartel Xeral da administración australiana do Territorio de Nova Guinea atopábase en Rabaul, aínda que en setembro de 1941, foi trasladada a Lae.

Previndo un ataque xaponés, os australianos enviaron o 2/22º batallón, ao mando do Tenente Coronel Howard H. Carr, para reforzar a illa, entre marzo e abril de 1941. Esta unidade era a única forza protexendo a illa, a excepción da policía e un grupo de 80 voluntarios nativos. Debido á incapacidade de Carr para comandar o seu batallón, en segredo foi alcumado "o perdedor" polos seus homes.[3] Nos meses seguintes recibiron reforzos, especialmente artillaría. Aínda que se fixeron plans para reforzar Rabaul e convertela nunha base naval para frotas británicas e estadounidenses, estes non se chegaron a implementar. Mais ordenóuselle ás tropas en Rabaul defender a illa até a fin, e non retroceder a pesar da probable superioridade numérica xaponesa.[4] O 3 de outubro, o Coronel Jack Scanlan chegou á illa para asumir o mando da "Área de Nova Guinea". En total, Scanlan contaba con 1400 homes, sendo o 2/22º batallón a súa principal unidade.

Como parte da súa ofensiva de 1941-1942, os xaponeses planificaron realizar desembarcos en Rabaul e Kavieng, en Nova Bretaña e Nova Irlanda respectivamente. Este ataque realizaríase entre o 23 e 24 de xaneiro de 1942, e coincidiría con outros asaltos en Balikpapan (Borneo) e Kendari (Célebes).

A forza xaponesa encargada da conquista de Nova Bretaña e Nova Irlanda (Operación R) era o Destacamento dos Mares do Sur (Nankai Shitai), formada a partir de unidades da 55ª División. Estaba comandado polo Xeneral Maior Tomitarō Horii, que xa asaltara Guam, base estadounidense, o 10 de decembro. A 4ª Frota xaponesa proporcionaríalles detrás o apoio naval, que incluía dous portaavións. Os xaponeses agardaban maior resistencia en Nova Bretaña da que encontraran en Guam.

Unha vez iniciada a guerra mundial, avións xaponeses empezaron a sobrevoar Rabaul a grande altura. Os australianos contaban cunha forza de dez avións para facer fronte a un ataque aéreo. A mediados de decembro, iniciouse a evacuación de todos os civís de ascendencia europea,[4] que foron enviados a Australia. O Coronel Scanlan prohibiulle aos seus soldados pensar en abandonar a cidade, e el mesmo non deseñou un plan organizado de retirada, no caso de que fosen superados polos atacantes.[4] Un oficial suxeriu mover cantidades importantes de comida cara á montaña, para poder continuar a resistencia desde alí, pero o seu plan nunca foi posto en práctica.[5]

O 4 de xaneiro de 1942, os xaponeses realizaron o primeiro bombardeo de importancia sobre Nova Bretaña. Primeiro un grupo de 22 bombardeiros atacaron unha pista de aterraxe a grande altura, impactándoa tres veces e matando a unhas quince persoas. Os avións australianos non conseguiron interceptar aos nipóns e a artillaría antiaérea non tiña o alcance necesario para impactar nos bombardeiros.[5] Un segundo grupo de once hidroavións atacou outra pista de aterraxe, causando menos danos.

O 9 de xaneiro, un avión australiano sobrevoou Truk, e informou dunha gran concentración de avións e navíos xaponeses. Máis tarde determinouse que era o groso da 4ª Frota xaponesa a que se encontraba concentrada alí, e que os bombardeos, que continuaron durante todo o mes, se realizaban desde esa base.

O 14 de xaneiro, as forzas de Horii partiron desde Guam, reuníndose coa 4ª Frota o 17. O convoi, con máis de 30 navíos, dirixiuse logo cara a Rabaul, lanzando ataques aéreos contra a base, co obxectivo de garantir a superioridade aérea nipoa.

O 20 de xaneiro, os xaponeses lanzaron o seu principal bombardeo. Tres formacións xaponesas, uns 120 avións en total, converxeron en Rabaul desde tres distintas direccións, aínda que foron detectados antes, encontrándose nese instante sete avións australianos no aire. Rapidamente, esta débil forza australiana foi destruída e, a excepción da artillaría antiaérea, os nipóns non encontraron resistencia ningunha no seu ataque, que durou 45 minutos. Ao finalizar, só ficaron tres avións australianos, e un bombardeiro pesado xaponés foi derribado pola artillaría australiana.

O desembarco

[editar | editar a fonte]

Na mañá do 21 de xaneiro, detectouse unha forza de catro cruceiros con dirección a Rabaul. Scanlan ordenoulle aos seus homes tomar posicións de combate, aínda que aclarando que "só era un exercicio", polo que moitas tropas non levaron as súas racións de comida nin outros útiles.[6] Na madrugada do 22, a base aérea foi destruída polo seu propio persoal. Pola mañá, bombardeiros en picado xaponeses pasaron sobre a costa, destruíndo as defensas costeiras. Pola tarde, os enxeñeiros detonaron un depósito de bombas localizado en Rabaul, mais danaron o transmisor do Cuartel Xeral, deixando Nova Bretaña incomunicada co exterior.[7] Nese momento, a frota xaponesa xa fora visualizada desde a costa, aínda que despois perdeuse de vista.

Na madrugada do 23 de xaneiro, os xaponeses comezaron a desembarcar na baía. A superioridade numérica nipoa permitiulles desembarcar sen problemas en varios puntos, xa que as tropas australianas eran incapaces de cubrir todas as praias. A cidade de Rabaul foi tomada moi rapidamente, e a principal loita levouse a cabo nas praias e na selva. Nalgúns casos, os xaponeses contaron con apoio dos nativos, quen lles serviron de guías. A comunicación entre as forzas na fronte e os cuarteis foi cortada, o que xerou confusión no movemento das tropas. Ao amencer, logrouse establecer contacto con Port Moresby, por medio da teleradio, mais a mensaxe chegou corrupta, e os receptores non entenderon que se estaba realizando un desembarco en Nova Bretaña.

Ás 9 da mañá, ordenouse a retirada xeral cara a unha nova liña defensiva, pero pronto se estendeu o ruxe-ruxe de que miles de xaponeses estaban avanzando, e moitos camións, que transportaban tropas cara aos novos puntos de defensa, pasaron de longo estas liñas. Varios avións xaponeses empezaron a voar baixo, ametrallando aos vehículos e tropas que encontraban nos camiños, sumando aínda máis temor ás tropas que se retiraban. Incapaz de facerlle fronte á batalla, debido en parte á ausencia de comunicacións, Scalan ordenou unha retirada maior, dicindo que agora "cada home era dono da súa sorte".

A loita organizada rematou ao chegar a noite. Logo, as unidades dividíronse en pequenos grupos e retiráronse ao suroeste.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

No primeiro día da batalla, morreron uns 28 soldados australianos, dos cales dous eran oficiais. Só 400 soldados deron chegado a Australia, mentres que outros 160 foron asasinados polos xaponeses durante o seu cativerio.[1] Pola outra parte, os xaponeses perderon 16 soldados, e reportaron 49 feridos. O Coronel Scanlan foi capturado e xunto con outros 60 oficiais foi enviado para Xapón en xuño. O Coronel Scanlan pasou o resto da guerra traballando nunha mina de carbón.[1] Uns 1050 prisioneiros de guerra non compartiron a mesma sorte que o seu comandante, xa que o 1 de xullo de 1942, cando estaban sendo transportados a Hainan no transporte Montevideo Maru, foron torpedeados polo submarino estadounidense USS Sturgeon.[8] Ningún dos prisioneiros, dos cales 200 eran civís, logrou sobrevivir.

Rabaul converteuse nunha importante base naval e aérea xaponesa. Para protexela, invadiuse Lae e Bougainville, ao sur, e as illas do Almirantado, ao norte. Unha vez iniciada a campaña das illas Salomón, o obxectivo final Aliado no Suroeste do Pacífico consistiu na neutralización de Rabaul. Eventualmente, Rabaul converteuse no Cuartel Xeral da 8ª Frota xaponesa, organizada para relevar a 4ª Frota.

  1. 1,0 1,1 1,2 Australian War Memorial. "General information about Australian prisoners of the Japanese" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2011. Consultado o 7 de decembro de 2011. 
  2. Wigmore, 1957:395
  3. Gamble, 2006:51
  4. 4,0 4,1 4,2 Wigmore, 1957:397
  5. 5,0 5,1 Wigmore, 1957:398
  6. Wigmore, 1957:399
  7. Wigmore, 1957:400
  8. Gamble, 2006:10

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]