Bertram Mackennal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xuño de 1863 Melbourne, Australia |
Morte | 10 de outubro de 1931 (68 anos) Torquay, Reino Unido (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Lugar de traballo | Londres |
Ocupación | artista, escultor, deseñador de selos, medallista |
Período de actividade | 1882 - 1931 |
Membro de | |
Influencias | |
Compañeiro profesional | John Pinches (en) : John Pinches Ltd. (en) Erik Lindberg (pt) : Lindeberg en (en) |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Edgar Bertram Mackennal nado en Melbourne, Australia, o 12 de xuño de 1863 e finado en Torquay, Devon, Inglaterra, foi un escultor e medallista australiano coñecido polos seus deseños de moedas e selos postais británicos e dos seus territorios coa efixie do rei Xurxo V.
Mackennal foi o artista australiano de maior recoñecemento internacional do século XIX e de principios do século XX.[1]
Foi un artista próximo á casa real británica e realizou estatuas de Vitoria, Eduardo VII e Xurxo V, tanto en Inglaterra como en Australia e na India Británica. Foi condecorado por Xurxo V como cabaleiro da Real Orde Vitoriana.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Bertram Mackennal naceu o 12 de xuño de 1863[2] en Fitzroy, un suburbio de Melbourne, Victoria, o segundo fillo dunha familia orixinaria de Escocia. A súa nai era Annabella Hyde e o seu pai John Simpson Mackennal (1832-1901), un destacado artista e escultor de Melbourne.[3][4] O irmán de Bertram, Horace John Mackennal, chegou a ser un destacado arquitecto, responsable do deseño de moitos grandes proxectos en Victoria, como director de obras nese estado.[5]
O seu pai, John Mackennal, proporcionoulle a Bertram a súa formación inicial, á que seguiron os estudos na Melbourne Model School,[2] no King's College e na escola de deseño da Galería Nacional de Melbourne —a actual Galería Nacional de Victoria—, baixo a dirección de O. R. Campbell, á que asistiu entre 1878 e 1882.[3][4]
Marshall Wood, un escultor inglés de visita en Australia en 1880, aconselloulle que viaxase a Europa e prometeulle un emprego. Daquela, Mackennal marchou a Londres en 1882, e ao chegar descubriu que Wood falecera; alí estudou nas escolas da Royal Academy,[2] onde compartiu estudos con Charles Douglas Richardson e Tom Roberts. Logo desprazouse a París para recibir clases e asistir aos estudios de varios escultores. En 1884, ao recibir unha encarga para realizar unha escultura dun membro do exército británico, regresou a Londres, onde casou cunha compañeira de estudos, Agnes Spooner.[3][4]
Carreira artística
[editar | editar a fonte]Logo do seu matrimonio, visitou Italia e novamente París,[2] xunto coa súa esposa. Cando estaba nunha situación económica delicada, Mackennal foi nomeado xefe de modelaxe e deseño na compañía de porcelanas Coalport Potteries, no condado de Shropshire, a principios de 1886. Ese mesmo ano gañou un concurso para esculpir os relevos da fachada da Sede do Parlamento de Victoria en Melbourne, polo que regresou a Australia en 1887 para os executar,[4] e instalou un estudio nesa cidade, en Swanson Street.[3]
Durante a súa estadía en Australia, Mackennal acadou outras encargas, entre elas a figura sobre a porta da Cámara de Comercio de Melbourne. Mackennal tamén coñeceu a actriz teatral Sarah Bernhardt, quen lle aconsellou encarecidamente que abandonase Australia e regresase a París. Seguindo os seus consellos, Mackennal pediulle prestado diñeiro ao parlamentario Frank Stuart e chegou a París en 1891.[3][4]
La Tete d'une Saint ("Cabeza dun santo") foi esculpida en 1892, pouco despois do seu regreso a París. A versión en mármore desta escultura, que representa unha muller contemporánea, exhibiuse no Salón de París de 1892, e coñécese tamén a existencia dunha única versión en bronce. En 1892, o xornal Argus informaba de que "o relevo en mármore, polo seu tamaño, é o mellor do seu xénero no Salón". En 1893 acadou o seu primeiro éxito cando a súa figura de corpo enteiro Circe, actualmente na Galería Nacional de Victoria, mereceu unha "mención" no Salón Antigo e suscitou un grande atención. Posteriormente expúxose na Royal Academy de Londres,[2] en 1894, onde tamén espertou interese,[4] o que confirmou a Mackennal como un dos escultores máis importantes do momento.[3]
Foi o primeiro australiano que expuxo na Academia Real de Londres. A partir de aí comezaron a chegarlle as encargas privadas, entre elas as figuras Oceana e Grief para o Union Club de Sydney. Dúas encargas de Melbourne levárono novamente a Australia en 1901: o monumento ao baronete William Clarke nos Xardíns do Tesouro de Melbourne e as esculturas para o Springthorpe Memorial en Kew.[4]
Mackennal regresou despois a Londres e comezou a recibir encargas de organismos públicos, entre elas varias estatuas da raíña Vitoria para Inglaterra, a India e Australia.[3] Entre as súas obras dese período están o fermoso frontón para a oficina da xunta do Goberno local en Westminster, un monumento conmemorativo da Guerra dos Bóers para Islington, Londres, e estatuas da raíña Vitoria para Ballarat, Lahore e Blackburn. En 1907 o seu grupo de mármore The Earth and the Elements ("A Terra e os elementos") foi adquirido para a Tate Gallery, de Londres, en virtude do legado Chantrey, e en 1908 a súa Diana Wounded ("Diana ferida") tamén foi comprada para os fondos nacionais. Grazas a este duplo éxito, Mackennal adquiriu unha gran notoriedade e en 1909 foi elixido membro asociado da Royal Academy de Londres, converténdose no primeiro australiano en recibir esta honra.[4] Tamén deseñou as medallas dos Xogos Olímpicos de Londres de 1908.[3][7]
En 1910, Mackennal deseñou a medalla da coroación do rei Xurxo V e tamén obtivo a importante encarga do deseño da cabeza do monarca para o anverso das novas moedas para o seu reinado de Xurxo V,[7] a partir de 1911, sobre a base do cal do cal desenvolveu o novo deseño tamén para os selos postais británicos e doutros territorios de soberanía británica, que se converteron nos seus deseños máis perdurables.[3][4]
A súa seguinte obra importante foi o monumento ao pintor Thomas Gainsborough en Sudbury, Suffolk, e posteriormente a tumba conmemorativa do rei Eduardo VII na capela de San Xurxo, no castelo de Windsor. Mackennal tamén esculpiu estatuas dos reis Xurxo V e Eduardo VII para Londres, Melbourne, Calcuta e Adelaida.[3][4]
Mackennal foi nomeado membro da Real Orde Vitoriana en 1912, e en 1921 Xurxo V concedeulle o título de cabaleiro desa mesma orde, con motivo da inauguración da estatua euestre de Eduardo VII en Londres,[7] o que o converteu no primeiro artista australiano en recibir o título de cabaleiro no Reino Unido. Tamén foi elixido membro de pleno dereito da Royal Academy en 1922.[3][4]
En 1923 erixiuse en Londres o seu grupo pedimental de bronce titulado Phoebus Driving the Horses of the Sun ("Febo conducindo os cabalos do sol"), na Australia House, a misión diplomática de Australia na cidade.[3]
Derradeiros anos
[editar | editar a fonte]En 1926 visitou Australia e Nova Zelandia, e en outubro dese mesmo ano expuxo nas Macquarie Galleries de Sydney, e logo volveu definitivamente a Inglaterra, onde continuou cunha abundante produción escultórica.[3]
Entre as obras posteriores de Mackennal destacan a figura masculina espida Here I Am ("Aquí estou"), para o monumento de guerra do Eton College; o monumento de guerra a aos membros de ambas as cámaras do Parlamento do Reino Unidoo, en Londres; as figuras do soldado e o mariñeiro para o cenotafio de Martin Place, en Sydney; a estatua de bronce do rei Xurxo V na antiga sede do Parlamento, en Camberra, e a cabeza da Vitoria, regalada ao Goberno australiano polo artista, tamén en Camberra. Pouco antes da súa morte, completou o monumento conmemorativo do Corpo Montado do Deserto no Canal de Suez a partir dos deseños de Charles Web Gilbert.[4]
Bertram Mackennal morreu repentinamente por mor dunha ruptura de aneurisma abdominal na súa casa, Watcombe Hall, preto de Torquay, en Devon, o 10 de outubro de 1931,[4][8] e foi soterrado no cemiterio de Torquay.[3][9]
Os arquivos de Bertram Mackennal están conservados na Galería de Arte de Nova Gales do Sur.[10]
Escolma de obras
[editar | editar a fonte]Moedas
[editar | editar a fonte]Selos postais
[editar | editar a fonte]Escultura
[editar | editar a fonte]- Five Foolish Virgins, relevo (exposta en 1886).
- Relevos escultóricos no Parlamento de Melbourne (1887).
- Lyric poetry, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (1888).[17]
- Busto de Louis Buvelot, Galería Nacional de Victoria (1892).[18]
- La Tete d'une Saint, busto en mármore e relevo en bronce (1892).
- Circe, figura en bronce, Galaría Nacional de Victoria (exposta en 1893).[16]
- Plaqueta co busto de Sarah Bernhardt, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (1893).[19]
- Truth, estatuíña de bronce, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (1894).[20]
- Salome, estatuíña en bronce, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (ca. 1895).[21]
- For She Sitteth on a Seat in the High Places of the City (Rahab), Localización descoñecida (exposta en 1895).
- Figura sobre a porta da Cámara de Comercio de Melbourne, en Collins Street.
- Frontón do novo edificio gobernamental en Whitehall, Westminster, Londres (1898).[22]
- Busto de Nellie Melba, Galaría Nacional de Victoria (1899).[23]
- Figura sedente da Raíña Vitoria, Bronce, xardíns da embaixada británica en Bangkok (1900).
- Estatuas da raíña Vitoria en Ballarat, Lahore e Blackburn (ca.1901).
- Oceania, en University & Schools Club, Sydney
- Esculturas no monumento a John Springthorpe, cemiterio xeral de Boroondara, Kew, Melbourne (1901).
- Estatua de William John Clarke, Xardíns do Tesouro, Melbourne (1901).
- Victory, monumento á Guerra dos Bóer, entrada a Highbury Fields, Islington, Londres (1903).[24]
- The Dancer, estatua de bronce de tamaño real, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (1904).[25]
- War (Bellona ou Victory), escultura no xardín do Monumento de Guerra Australiano, Camberra (1906).
- Madonna, Mármore, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (ca. 1906).[26]
- Monumento a Peter Nicol Russell no cemiterio East Finchley, Londres e Universidade de Sydney (1906-1909).
- The Earth and the Elements, grupo de mármmore, Tate Gallery (exposta en 1907).[27]
- Busto de William Howard Russell na cripta da Catedral de San Paulo de Londres (1907).[28]
- Diana Wounded, bronce, Tate Gallery (adquirida en 1908).[29]
- Sappho, estatuña en bronce, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (ca. 1909).[30]
- Lady Diana Duff Cooper, estatuíña en bronce, Galería de Arte de Nova Gales do Sur (ca. 1909-1918).[31]
- Tumba de Eduardo VII (con Edward Lutyens), capela de San Xurxo, Castelo de Windsor (encargada en 1910).
- Monumento nacional a Thomas Gainsborough, Sudbury, Suffolk.
- Apollo, no edificio Taplow Court, Buckinghamshire.
- Estatua de Xurxo V, mármore, situada na residencia do presidente da India (Rashtrapati Bhavan), Nova Deli (1916).
- Estatua ecuestre de Eduardo VII, bronce, no Victoria Memorial de Calcuta (1916).
- Estatua ecuestre de Eduardo VII, bronce, nos xardíns da Raíña Vitoria, Melbourne (inaugurada en 1920).
- Estatua de Eduardo VII e figuras adxacentes, bronce, Adelaida (inaugurada en 1920).
- Estatua ecuestre de Eduardo VII, bronce, en Waterloo Place, Londres (1921).[32]
- Monumento de guerra, escultura en pedra, Westminster Hall, Londres (inaugurado en 1922).
- Monumento de guerra, en Corporation Park, Blackburn, Lancashire, Inglaterra (1922).[33]
- Phoebus Driving the Horses of the Sun, na misión diplomática de Australia en Londres (instalada en 1923).
- Here I Am, estatua de bronce a tamaño real, Galería Nacional de Victoria (1923).[34]
- Mother Courage, monumento á 1ª guerra mundial, no Caledonian Club, Belgravia, Londres (inaugurado en 1923).
- Monumento de guerra, en Cliveden House, Buckinghamshire, Inglaterra.[35]
- Estatuas do cardeal Moran e do arcebispo Kelly na catedral de Santa María de Sydney.
- Down of a New Age, bronce, Royal Academy de Londres.[36]
- Monumento a Shakespeare, en Shakespeare Place, Sydney (1926).
- Estatua a Lord Forrest, en Kings Park, Australia Occidental (inaugurada en 1927).[37]
- The Cenotaph, monumento á 1ª guerra mundial en Martin Place, Sydney (1929).
- Efixie sepulcral de Mary Curzon, baronesa Curzon de Kedleston, na igrexa de Todos os Santos, Kedleston, Derbyshire (1913).
- Monumento a George Curzon, marqués Curzon de Kedleston, na igrexa de Todos os Santos, Kedleston, Derbyshire (1931).[38]
- Estatua ao marqués Curzon, statue, en Carlton House Terrace, Londres (1931).[39]
- Monumento ao Corpo Montado do Deserto, en Mount Clarence, Albany, Australia Occidental (1931).
-
Estatua de William John Clarke, Melbourne (1901).
-
Monumento a John Springthorpe, Kew, Melbourne (1901).
-
Diana Wounded (1908).
-
Estatua ecuestre de Eduardo VII, Melbourne (1920).
-
Detalles do monumento á guerra ne Blackburn, Lancashire (1922).
-
Estatua a Lord Forrest, en Kings Park, Australia Occidental (1927).
-
The Cenotaph, Martin Place, Sydney (1929).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bertram Mackennal. The Fifth Balnaves Foundation Sculpture Project. Art Gallery of New South Wales. Páxina 2.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Forrer, L. (1930). Páxina 2.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 Hutchison. N. (1986).
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 Serle, P. (1949).
- ↑ "Obituary: Mr H. J. Mackennal". En The Argus. Melbourne, 1 de xullo de 1949. Páxina 9.
- ↑ Fourth Olympiad 1908 London Official Report. British Olympic Association. 1909.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Forrer, L. (1930). Páxina 3.
- ↑ "Sir Bertram Mackennal. Sudden Death". En The Argus. Melbourne, 13 de outubro de 1931. Páxina 7.
- ↑ "Sir Bertram Mackennal. Buried at Torquay". En The Argus. Melbourne, 16 de outubro de 1931. Páxina 7.
- ↑ "Bertram Mackennal archive". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "1 Shilling - George V". Numista.com
- ↑ "1 Penny - George V". Numista.com
- ↑ "½ Sovereign - George V". Numista.com
- ↑ "1 Cent - George V". Numista.com
- ↑ "1 Cent - George V". Numista.com
- ↑ 16,0 16,1 "Circe 1893". National Gallery of Victoria (NGV.vic.gov.au).
- ↑ "Lyric poetry 1888". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Louis Buvelot 1892". National Gallery of Victoria (NGV.vic.gov.au).
- ↑ "Sara Bernhardt (circa 1892-1893)". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Truth 1894". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Salome (circa 1895)". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Pediment Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "Melba 1899". National Gallery of Victoria (NGV.vic.gov.au).
- ↑ "Boer War memorial, Gloria Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "The dancer (1904)". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Madonna (circa 1906)". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "The Earth and the Elements". Tate Gallery (Tate.org.uk/).
- ↑ "Monument to Sir William Howard Russell Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "Diana Wounded c.1907". Tate Gallery (Tate.org.uk/).
- ↑ "Sappho (ca. 1909)". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Lady Diana Duff Cooper (1909-circa 1918)". Art Gallery of NSW (Artgallery.nsw.gov.au).
- ↑ "Statue of Edward VII Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "War Memorial. Lancashire Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "War Memorial for Eton College (1923)". National Gallery of Victoria (NGV.vic.gov.au).
- ↑ "War Memorial". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "Down of a New Age 1924". Royal Academy (Royalacademy.org.uk).
- ↑ "Lord Forrest (Sir John Forrest)". Monument Australia (Monumentaustralia.org.au).
- ↑ "Monument to Lord Curzon of Kedleston Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
- ↑ "Statue of Lord Curzon Arquivado 30 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Art and Arquitecture. The Courtauld Institute of Art (Artandarchitecture.org.uk).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bertram Mackennal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Forrer, L. (1930). "Mackennal, Sir Edgar Bertrand". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol. 8. Spink & Son, Londres. Páxinas 2-3.
- Hutchison. N. (1973). Bertram Mackennal. Oxford University Press, Melbourne.
- Hutchison. N. (1986). "Mackennal, Sir Edgar Bertram (1863-1931)". En Nairn, B.; Serle, G. Australian Dictionary of Biography. Vol. 10. Melbourne University Press. ISBN 0 522 84236 4
- Serle, P. (1949). "Mackennal, Edgar Bertram (1863-1931)". En Ditionary of Australian Biography. Angus & Robertson, Sydney.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Bertram Mackennal. The Fifth Balnaves Foundation Sculpture Project (Art Gallery of New South Wales)
- Obras de Bertram Mackennal na Art Gallery of New South Wales
Predecesor: George William de Saulles |
Moedas da libra esterlina Autores dos anversos 1910 - 1936 |
Sucesor: Humphrey Paget |