Saltar ao contido

Bula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bula do papa Urbano VIII co selo (bula) de chumbo.

Unha bula[1] é un documento selado con chumbo sobre asuntos políticos ou relixiosos. No segundo caso, se está autentificada co selo papal, recibe o nome de bula papal ou bula pontificia. O nome bula procede do latín bulla, á súa vez proveniente da raíz indoeuropea *beu- ('inchar', do que tamén derivan burbulla, boca etc.),[2] un termo que fai referencia a calquera obxecto redondo artificial, e nun principio utilizábase para referirse á medalla que portaban ó pescozo, na Roma Antiga, os fillos das familias nobres até o momento en que vestían a toga.[3]

Xeralmente chámase bulas ós documentos pontificios que son expedidos pola Chancelería Apostólica papal sobre determinados asuntos de importancia dentro da administración clerical e mesmo civil, constituíndose nun dos instrumentos máis estendidos nos que se fundamenta e expande a autoridade do pontífice.

Desde un punto de vista formal, a bula é solemne e moi característica. Levaba un selo de chumbo cunha cruz no centro e unha representación de San Pedro e San Pablo, mentres que no reverso incluíase o nome do Papa do momento da súa publicación e o ano do pontificado. Normalmente envíase ó arcebispo da diocese, quen á súa vez a fará chegar á parroquia. Está escrita en latín e se aparece en castelán ou noutra lingua é pola tradución feita desde o arcebispado; nese caso considérase unha copia.

En canto ó seu contido, as bulas expresan diversos mandatos en materia de ordenanzas e constitucións, condenacións doutrinais, concesión de beneficios, xuízos da Igrexa, decretos de indulxencias, de señoríos eclesiásticos etcétera.

Cando a bula é de extensión e/ou importancia menor denomínase breve.

Notas

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2024-08-30. 
  2. Pokorny, Julius (1959-1969). Indogermanisches etymologisches Wörterbuch. Bern : Francke. 
  3. "BULA". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-08-30. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]