Saltar ao contido

Cara oculta da Lúa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fotografía da cara oculta da Lúa.
Selo postal da URSS de 1959 conmemorando a primeira fotografía da cara oculta da Lúa.

A cara oculta da Lúa é o hemisferio da Lúa non observable desde a Terra. Iso ocorre debido a que a Lúa tarda en rotar sobre si mesma o mesmo que o seu movemento de translación ao redor da Terra, o que provoca que o satélite lle presente sempre a mesma cara. Adóitase chamar a esta parte da lúa o seu “Lado Escuro” pero isto é incorrecto xa que non hai ningunha sección da Lúa que non reciba luz solar. Debido ás libracións, desde a Terra só se nos oculta o 41 % da superficie lunar (é dicir uns 15,5 millóns de km²).

Este hemisferio estivo oculto á vista humana ata que a sonda automática soviética Luna 3 o fotografou por primeira vez o día 7 de outubro de 1959.[1] Como a Lúa tarda o mesmo tempo en dar unha volta sobre si mesma que ao redor da Terra, presenta sempre a mesma cara. Isto débese a que a Terra, por un efecto chamado gradiente gravitatorio, freou completamente a Lúa. A maioría dos satélites regulares presentan este fenómeno respecto dos seus planetas.

Nos programas de estabelecemento dunha base lunar estable planeouse empregar o hemisferio oculto para a instalación de instrumentos de observación destinados ao estudo do firmamento, xa que aquel está máis protexido da influencia da Terra que o hemisferio visible.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha zona moito máis accidentada que o hemisferio visible. Neste hemisferio non existen grandes mares, como sucede no visible; unicamente localízanse os mares Moscoviense, Orientale e Ingenii, compartindo así mesmo co hemisferio visible o Mare Australe, aínda que estas concas son de bastante menor tamaño que as da cara visible. Si existen, con todo, xigantescos cráteres ou circos lunares maiores que os do outro hemisferio, podéndose atopar algúns como Apolo, de até 520 km de diámetro. Debido a que foron as naves soviéticas as primeiras en fotografar esta cara lunar, a maioría dos accidentes teñen nomes de científicos e personaxes rusos.

  1. Encyclopedia Astronautica: Luna E-3 Arquivado 29 de novembro de 2010 en Wayback Machine. (http://www.astronautix.com/)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]