Saltar ao contido

Castelo de Vimianzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Vimianzo
ben de interese cultural
ConcelloVimianzo
ProvinciaA Coruña
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas43°06′40″N 9°01′54″O / 43.11114722, -9.03175833
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico (século XIII)
Estilo actualmestura (século XIV)
Estado actualMuseo etnográfico
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Vimianzo, tamén chamado torres de Martelo, é unha fortificación de orixe medieval situada na entrada da vila de Vimianzo, no concello coruñés do mesmo nome. Na actualidade acolle unha mostra permanente de artesanía popular.

Descrición e características

[editar | editar a fonte]

Atópase en moi bo estado de conservación. Conserva partes do século XIII, aínda que a maioría pertencen aos séculos XIV e XV. O edificio ten planta poligonal irregular adaptándose ao terreo. Componse de tres torres defensivas rectangulares ao redor dun patio de armas ademais da torre da homenaxe, coas súas voadas ameas.

As ameas en punta de diamante que antes rodeaban a totalidade do castelo só se conservan na Torre da Homenaxe e no paseo dun dos muros. O seu perímetro está rodeado na súa totalidade por un profundo foso. Tamén conserva o camiño de ronda e no portalón de entrada ao patio pódese velo escudo con cabeza de lobo dos Moscoso.

A proximidade da fortaleza á costa permitíalle controlar as rotas comerciais do mar do Norte, os negocios da sardiña e do sal e os botíns dos barcos que naufragaban nestas costas.

Época medieval e moderna

[editar | editar a fonte]

Construído entre finais do século XII e principios do XIII, posiblemente pola familia Mariño de Lobeira. Desta primeira construción apenas queda ningún vestixio, pese a que escavacións arqueolóxicas levadas a cabo na década dos oitenta descubriron os cimentos dunha gran torre no actual patio de armas.

No ano 1348 o rei Afonso XI confiscou esta fortaleza a Roi Soga Mariño de Lobeira, para venderlla ao arcebispo compostelán Xoán García Manrique. Pasou despois a mans do duque de Arjona, Fadrique Enriquez e calcúlase que entre 1425 e 1429 pasou por primeira vez a formar parte das propiedades dos Moscoso. A historia deste castelo vincúlase dende entón á nobre familia dos Moscoso de Altamira, emparentados coa familia dos Traba, familia a dos Moscoso que constituirán o Condado de Altamira na persoa de Lope Sánchez de Moscoso, primeiro conde de Altamira.

Neste lugar tivo Pedro Madruga preso ao bispo de Tui, Diego de Muros, que pagou polo seu rescate setecentos mil reais.

Durante a revolta irmandiña este castelo non foi unha excepción, asediado foi tomado polas armas e destruído en 1467. Pouco antes, en 1465, serviu de prisión para o Arcebispo de Compostela Alonso II de Fonseca, encarcerado nunha gaiola (que a lenda di de ouro), durante dous anos, por orde de Bernal Sánchez de Moscoso.

Ó rematar a revolta o castelo reconstrúese por orde de Fonseca II.

Época contemporánea

[editar | editar a fonte]

En 1472 regresara a mans dos Moscoso por obra do Conde de Altamira, Lope Sánchez de Moscoso. A partir deste momento será o centro da xurisdición señorial de Vimianzo, con dominio sobre Camariñas, Laxe, Zas e Muxía.

A partir do século XVI co traslado dos Altamira a corte administrarán as súas posesións os alcaides ou meriños.

Época contemporánea

[editar | editar a fonte]

En 1833 suprímense as xurisdicións señoriais e so Altamira venden o castelo en 1870 a Ramón Martelo Núñez.

A última gran reforma foi realizada no século XIX por Evaristo Martelo Paumán, Marqués de Almeiras, xa que nesta época o castelo estaba en bastante mal estado polo que acometeu obras para facelo habitable. Posteriormente a súa filla, Dolores Martelo de la Maza, solteira e sen descendencia, cedeu a fortaleza, ironías do destino ao Arcebispado de Santiago, que tanto poxara por el en tempos pretéritos.

En 1936, pouco antes do comezo da guerra civil española, iniciárase un expediente de expropiación do castelo que só se puido facer de xeito simbólico polo entón alcalde republicano Manuel Alborés e o secretario municipal Andrés García Ferreiro[1]. Finalmente en 1973 foi comprado pola Deputación da Coruña, que o acondicionou para a súa visita.

A entrada é de balde, e acolle unha mostra permanente de artesanía, incluíndo pezas de olería, encaixe, liño, cestería, cantería, maquetería de barcos e acibecharía.[2]

  1. "«García Ferreiro fue un hombre liberal y tolerante»". La Voz de Galicia. Consultado o 2016-08-10. 
  2. "Deputación de A Coruña :: Castelo de Vimianzo". www.dicoruna.es. Consultado o 2016-08-10. 

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]