Centro de Interpretación das Torres Arcebispais
Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) | |
---|---|
O museo na avenida de Santa María | |
Coordenadas | |
País | Galicia, España |
Cidade | Pontevedra |
Tipo | Museo de historia, Museo arqueolóxico |
Inauguración | 13 de agosto de 2010 |
Superficie | 715 m² |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) é un museo de Pontevedra, creado en 2010 no antigo foso das Torres Arcebispais do casco antigo. O museo céntrase na interpretación do que foi un dos monumentos e estruturas defensivas máis importantes da cidade, as Torres Arcebispais, que formaban parte das Murallas de Pontevedra.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Durante as escavacións arqueolóxicas previas á reurbanización da avenida de Santa María, iniciadas en 2008, descubríronse muros ben conservados que formaban o foso defensivo da antiga fortaleza medieval dos arcebispos de Santiago de Compostela na cidade, construída no século XII e demolida a finais do século XIX.[2]
O concello decidiu construír un museo subterráneo, xa que o achado estaba a uns 5 metros por baixo do nivel actual da rúa. O museo recibiu o nome de CITA e inaugurouse o 13 de agosto de 2010.[3] [4]
As Torres Arcebispais
[editar | editar a fonte]As primeiras construcións datan de 1180. Fernando II doou a cidade e a fortaleza ao Arcebispado de Santiago de Compostela. Durante a Idade Media, o número de edificios aumentou. Así, construíuse unha gran fortaleza fronte ao mar cun gran foso defensivo e a súa ponte levadiza no lado oposto.[5] En 1226 a edificación das Torres Arcebispais tivo como fin defender o porto mercador.[6]
Esta fortaleza era a residencia dos arcebispos de Santiago de Compostela cando visitaban Pontevedra e dos reis de Portugal. Constaba de dúas grandes torres, unha delas con ameas, e un terceiro corpo no que predominaban as grandes estancias. No seu soto atopábase a prisión arzobispal.[7]
A fortaleza sufriu os seus primeiros danos entre 1474 e 1477 como consecuencia da guerra entre Alonso II de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela, e Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga.[8]
En 1719, a fortaleza foi case destruída polos ingleses durante o seu ataque a Pontevedra, deixando só a gran Torre da Homenaxe, que posteriormente se converteu na prisión da cidade.[9]
En 1872 e 1873, nun consello celebrado para tratar de abrir novos espazos na cidade, as autoridades decidiron demoler as murallas e torres que aínda quedaban en pé.[10] Os restos do palacio arzobispal foron demolidos en 1873.[11]
Descrición
[editar | editar a fonte]O museo está xestionado polo concello e ocupa unha superficie de 715 metros cadrados.[12] Nos laterais do museo, os muros interiores e exteriores da fortaleza preséntanse en calculada escuridade. A estrutura inclúe os piares dunha ponte levadiza para acceder á fortaleza e aos restos arqueolóxicos. O CITA só ten un punto de acceso na superficie, en forma de entrada de metro acristalada.[13]
Exposicións
[editar | editar a fonte]O museo está divido en tres partes:
Na entrada, pantallas táctiles ofrecen información sobre a fortaleza medieval e da época moderna de Pontevedra, así como sobre a construción do palacio-fortaleza, que se reconstruíu nunha maqueta táctil.[14]
A parte central está dedicada á posta en valor da escarpa e a contraescarpa e os elementos defensivos do edificio. Nesta parte móstranse pantallas interactivas con mapas da cidade e da ponte levadiza e algunhas bólas de pedra de catapulta e pezas de cerámica atopadas nas escavacións.[15] Recréase un mapa da cidade no século XV tras o cal se pode ver o foso coa escarpa do palacio do século XVI e a contraescarpa exterior, así como os piares que sostiñan a ponte levadiza do século XII.[16]
Por último, no fondo do museo, proxéctase un audiovisual tridimensional.[17]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pontevedra escarba su pasado". El Mundo (en castelán). 13 de agosto de 2010.
- ↑ "Santa María tuvo su catapulta". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de novembro de 2008.
- ↑ "El CITA ocupará 715 metros cuadrados bajo la avenida de Santa María". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de abril de 2009.
- ↑ "Las Torres Arzobispais abren sus entrañas a la ciudad por primera vez". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de agosto de 2010.
- ↑ "Descender bajo tierra para conocer la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2019.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 536
- ↑ "Las Torres Arzobispales y el arzobispo Sanclemente". Faro (en castelán). 11 de agosto de 2012.
- ↑ "Ruta arqueológica por los tres grandes yacimientos de la ciudad". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de abril de 2009.
- ↑ "El CITA, ese gran desconocido". Diario de Pontevedra (en castelán). 30 de agosto de 2015.
- ↑ "Las Torres Arcebispais entran en el siglo XXI". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2014.
- ↑ Nadal, Paco, 2012, Rias Baixas. Escapadas, Madrid, El País Aguilar, p. 39
- ↑ "Un museo bajo tierra recupera las Torres Arzobispales de Pontevedra". El País (en castelán). 13 de agosto de 2010.
- ↑ "Descender bajo tierra para conocer la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2019.
- ↑ "Descender bajo tierra para conocer la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2019.
- ↑ "Un museo bajo tierra recupera las Torres Arzobispales de Pontevedra". El País (en castelán). 13 de agosto de 2010.
- ↑ Nadal, Paco, 2012, Rias Baixas. Escapadas, Madrid, El País Aguilar, p. 39
- ↑ "Descender bajo tierra para conocer la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Centro de Interpretación das Torres Arcebispais |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 536. ISBN 9788484573272.
- Nadal, Paco (2012). Rías Baixas. Escapadas (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 39. ISBN 978-8403501089.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web Oficial do museo
- O CITA na web de Turismo Rias Baixas
- O CITA na web Visit-Pontevedra Arquivado 27 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.