Club Amigos del Rugby
Nome | Club Amigos del Rugby | |
---|---|---|
Fundación | 1977 | |
Sede | Sevilla, España | |
Estadio(s) | Campo de San Pablo | |
Presidente | Alfonso Rodríguez Chacón | |
Liga(s) | Liga Andaluza | |
2015-16 | 1/4s de final na 1ª División | |
| ||
Na rede | ||
http://www.clubamigosrugby.com/ |
O Club Amigos del Rugby é unha entidade deportiva da cidade de Sevilla que se adica ó rugby, e que compite actualmente na Primeira División Territorial de Andalucía. Dende a súa fundación en 1977 o club militou 4 tempadas na máxima categoría do rugby nacional, a División de Honra, acadando o título de liga en 1979.
Historia
[editar | editar a fonte]Nos anos 70 un equipo de rugby sevillano que competiu dende 1975 ata 1977 na División de Honra do rugby nacional, o RACA Sevilla, desapareceu. Nese intre os afeccionados ó rugby da cidade e a maior parte dos xogadores do RACA decidiron fundar un novo club dándolle continuidade á estrutura e ás categorías inferiores do vello club desaparecido. O Club Amigos del Rugby naceu pois en 1978. Nese primeiro ano o equipo tivo que competir na Primeira Nacional (que por entón era a segunda categoría do rugby español) acadando xa nesa primeira tempada o ascenso á División de Honra.
Entre a tempada 1978-79 e 1981-82 a Liga estivo composta por 4 grupos, competindo o CAR no Grupo Sur fronte ós demais equipos andaluces. Na tempada 1978-79, o Club Amigos del Rugby rematou primeiro no Grupo Sur, o que lle daba o dereito para loitar polo título de campión nacional fronte ós outros 3 campións de grupos, pero esa loita polo campionato non se chegou a realizar, de xeito que a Federación Española de Rugby decidiu que os 4 equipos eran campións.
Na tempada 1979-80 o CAR acadou de novo o primeiro posto no Grupo Sur, pero nesta ocasión si que se levou a cabo a disputa polo campionato, rematando o equipo 4º. Nas seguintes 2 tempadas o equipo rematou 6º e 2º no Grupo Sur, co cal non puido loitar de novo polo título nacional. Na tempada 1982-83 o sistema de liga volveu ser o tradicional dun só grupo no que se enfrontan todos entre si, e o CAR non formou parte do campionato.
Nos seguintes anos o club asinou un acordo cunha escola da cidade, chamada Portaceli, que lle deu o nome ó equipo nos seguintes 10 anos, ata 1995. Nesa época o club militou 3 tempadas na 2ª categoría nacional, a 1ª Nacional, na 1984-85, 1990-91 e 1994-95. En 1995 o CAR cambiou de nome outra vez por mor dun novo patrocinador, Inés Rosales, que mantivo ata o ano 2006. Nesa etapa o club militou no segundo nivel do rugby nacional 9 tempadas (3 na 1ª Nacional entre as tempadas 1995-96 e 1997-98, e 6 na nova División de Honra B entre as tempadas 1999-2000 e 2000-01 e de novo entre 2002-03 e 2005-06.
En 2007 o Amigos del Rugby uniu as súas forzas con outro club importante da cidade, o C.D. Mairena, competindo xuntos na segunda división española baixo a denominación do seu patrocinador principal, a empresa de seguros Helvetia. Ese equipo froito da unión dos dous clubs converteuse en 2014 nun novo club, o Alqatara Rugby Club Andalucía, cedendo o Amigos del Rugby a súa licenza para competir na División de Honra B á nova entidade, respecto á que comezou a manter unha relación de equipo filial, do mesmo xeito que o seu socio o Club Deportivo Mairena.