Constitución francesa de 1958
A Constitución francesa de 1958, de 4 de outubro, é o texto fundador da V República, vixente na actualidade. Foi adoptada por referendo o 28 de setembro de 1958 e é o décimo quinto texto fundamental (ou o vixésimo segundo se se contan os textos que non se aplicaron) de Francia dende a Revolución Francesa.
A Constitución é a norma suprema do sistema xurídico francés e organiza as autoridades públicas, define o seu papel e as súas relacións. Modificouse en dezanove ocasións dende a súa publicación, ben polo Parlamento reunido en Congreso ou directamente polo pobo a través de referendo: as normas relativas á revisión da Constitución están previstas pola propia Constitución.
Está estruturada nun Preámbulo e dezaseis títulos que recollen cento tres artigos, dous dos cales son disposicións transitorias. O Preámbulo fai referencia directa e explicitamente a outros tres textos fundamentais: a Declaración dos dereitos do home e do cidadán do 26 de agosto de 1789, o Preámbulo da Constitución francesa de 1946, do 27 de outubro (a Constitución da IV República), e a Carta do medio ambiente de 2004. Estas normas enténdense incluídas no bloque de constitucionalidade, polo que os xuíces aplícanas directamente e o lexislador debe respectalas, baixo o control do xuíz constitucional.