Saltar ao contido

Coregonus clupeaformis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coregonus clupeaformis

Coregonus clupeaformis nunha lámina da primeira metade do séuculo XX
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Protacanthopterygii
Orde: Salmoniformes
Familia: Salmonidae
Subfamilia: Coregoninae
Xénero: Coregonus
Especie: C. clupeaformis
Nome binomial
Coregonus clupeaformis
(Mitchill, 1818)
Área de distribución de C. clupeaformis
Área de distribución de C. clupeaformis

Área de distribución de C. clupeaformis
Sinonimia
Véxase o texto
C. clupeaformis nunha lámina de 1897
Detalle da cabeza. Lám. de 1918

Coregonus clupeaformis é unha especie de peixe osteíctio da orde dos salmoniformes, familia dos salmónidos, subfamilia dos coregoninos, unha das integradas no xénero Coregonus.[1][2][3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1818 polo médico e naturalista estadounidense Samuel Latham Mitchill, baixo o nome de Salmo clupeaformis.[1][2][3]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Coregonus.

O epíteto específico, clupeaformis, significa "en forma de arenque".[4]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[1][2][3]

  • Coregonus albus Lesueur, 1818
  • Coregonus atikameg Bajkov, 1933
  • Coregonus clupeiformis (Mitchill, 1818) (erro gramatical)
  • Coregonus labradoricus (Richardson, 1836)
  • Coregonus latior Agassiz, 1850
  • Coregonus sapidissimus Agassiz, 1850
  • Salmo clupeaformis Mitchill, 1818 (protónimo)
  • Salmo labradoricus Richardson, 1836

Características

[editar | editar a fonte]

Coregonus clupeaformis ten o corpo alongado e lateralmente deprimido, dun tamaño máximo de 100 cm,[5] aínda que o tamaño máximo normal é duns 54 cm,[6] e o medio é duns 38 cm, cunha masa corporal de 1 kg. A súa coloración vai da verdosa á marrón escura ou case negra nas partes superiores (varía segundo o hábitat) e os flancos a as partes inferiores son de cor prateada.[7][8].

Non presenta espiñas nas aletas (os seua raios son brandos), e a aleta adiposa está moi ben desenvolvida, e normalmente é máis grande nos machos.[8].

A boca é pequena, claramente adiantada polo fociño. As escamas son grandes. A aleta adiposa, típica dos salmónidos, está situada moi por detrás da aleta dorsal. As aletas dorsais e as pelvianas situánse no centro do corpo. A aleta caudal está claramente bifurcada.[7]

Diferénciase de Alosa sapidissima en que:[7]

  • O corpo está menos comprimido lateralmente;
  • As escamas están firmemente unidas;
  • Ausencia de escamas irregulares ao longo do ventre;
  • Na liña lateral;
  • Na presenza da aleta adiposa (Alosa sapidissima é un clupeido).

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Coregonus clupeaformis é un peixe de augas doces e salobres, eurihalino, bentopeláxico e anádromo,[9][8] que vive en augas mornas, de 8 a 14 °C,[10] nun rango de profundidades de 8 a 128 m.[11]

Distribución

[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución esténdese desde os 72° e os 41° N, e entre os 149° e os 61° W.[11] en América do Norte, nas concas do Atlántico, o Ártico e do Pacífico en Alasca, gran parte do Canadá e polo sur chega até Nova Inglaterra, as concas dos Grandes Lagos e o centro de Minnesota, nos Estados Unidos. Foi introducido no noroeste dos Estados Unidos,[11] e en lagos altoandinos en dous países do sur da América Latina.[12]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Coregonus clupeaformis vive en grandes lagos e grandes ríos, e entra en augas salobres,[13] aínda que principalmente é habitante dos lagos (de aí o seu nome en inglés, Lake whitefish, "peixe branco do lago"). Parece que é máis ben sedentario, polo menos nos Grandes Lagos. Os seus movementos nos grandes lagos constan xeralmente de 4 etapas: movemento de augas profundas a augas pouco profundas na primavera; o movemento de volta a augas profundas no verán mentres a auga quenta; migración a zonas de desova en augas pouco profundas no outono e principios do inverno; e o movemento posterior á desova de volta a augas máis profundas. Forma poboacións separadas nos Grandes Lagos.[14]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

Aliméntase principalmente do fondo. A súa alimentación é variada e a súa dieta está formada principalmente por larvas de insectos acuáticos, moluscos e anfípodos,[15][16] e ás veces por plancto e insectos terrestres (capturados na superficie),[7] aínda que tamén consomen outros peixes e ovos de peixe, incluídos os propios.[7][8]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A reprodución realízase en outono, de setembro a decembro segundo a latitude. A desova faise en augas pouco profundas (a menos de 7,6 m) en fondos duros ou rochosos, ás veces areoso, nas costas dos lagos, ás veces en ríos tributarios. A madurez sexual alcánzase a unha idade e tamaño variábeis entre as distintas poboacións (máis cedo nos machos), normalmente entre os 5 e os 7 anos, cando teñen un tamaño de 32 a 38 cm. A desova ten lugar principalmente pola noite. Non constrúen niños e os ovos son depositados aleatoriamente nos lugares de desova. As femias poñen uns 20 000 ovos por quilo de masa corporal. Os ovos teñen un diámetro de 2,3 mm no momento da posta, e de 3,0 a 3,2 mm despois de 24 horas de estar na auga. A eclosión ocorre na primavera, en abril ou maio.[7]

Relación cos humanos

[editar | editar a fonte]
Espécimes criados en acuicultura
Tres Coregonus clupeaformis no escudo da cidade canadense de Trois-Rivières

Desde hai anos lévanse a cabo amplos programas de criadeiro para a súa propagación nos Grandes Lagos e outras zonas.[17][10]. É valorado tanto pola súa carne como polas súas míllaras, que producen nun excelente caviar. Consómese fresco, afumado e conxelado, e prepárase ao vapor, fritido, asado e cocido, no microondas e no forno.[5]

Pesca comercial

[editar | editar a fonte]

Coregonus clupeaformis é unha das especies máis importantes para a pesca comercial nas augas interiores de América do Norte. A captura anual total en 1999 do Canadá foi de 8 328 t, e nos EUA de 5 353 t, segundo datos da FAO.[12]

É a principal especie comercial porque este peixe fresco de sabor delicado ten unha grande aceptación polos consumidores locais. Entre 1981 e 1999 recolléronse unha media de 11 millóns de libras dos Grandes Lagos ao ano. Aínda que a colleita baixou de 9,5 a 8 millóns de libras nos últimos anos, os prezos non aumentaron. Pola contra, o prezo, que antes alcanzou os 1,04 USD/lb, actualmente é dunha media de 0,75 USD/lb, e baixou até 0,40 $/lb durante períodos de alta produción.[12]

Pesca deportiva

[editar | editar a fonte]

A moitos pescadores afeccionados tamén lles gusta enganchar este peixe nos meses de xuño, xullo e principios de agosto. Un simple aparello de liña é suficiente para capturar os peixes, mentres se dan un festín de moscas e mosquitos. Nos meses de inverno, a súa captura a través do xeo é moi popular, especialmente no norte de Wisconsin. As técnicas exitosas de pesca no xeo inclúen o uso dunha culler, con polo menos un "gancho deslizante" arriba e separado da culler por unha peza xiratoria de barril, e os anzois con vermes de cera. A pesca comercial permitiu a propagación deste peixe en moitos mercados, restaurantes e estantes de supermercados.[18]

Unha ameaza importante para Coregonus clupeaformis é unha especie parasita invasora, a lamprea (Petromyzon marinus). É unha das numerosas especies atacadas agresivamente por esta lamprea, que pode que entrara na rexión dos Grandes Lagos a través do Canal do Eire, que se abriu en 1825, e estendeuse aínda máis en 1919 coas melloras na Canle Welland desde o lago Ontario até os lagos Eire, Michigan, Huron e Superior.[19]

Evolución

[editar | editar a fonte]

Desde o final da última glaciación (hai uns 12 000 anos) Coregonus clupeaformis volveu a colonizar moitos lagos norteamericanos, desde diferentes direccións, desde refuxios que representan stocks ou razas xeneticamente diverxentes. Despois das invasións, esta especie diversificouse en diferentes poboacións a nivel local, de modo que agora en moitos lagos se recoñecen dous ecotipos principais dentro da especie: un ecotipo normal e outro anano. Estes ecotipos normais e ananos diferéncianse principalmente polas zonas bentónica e peláxica que ocupan, respectivamente. O ecotipo normal tamén crece moito máis e vive moito máis tempo que o ecotipo anano.

Moitas destas poboacións viven en simpatría, aínda que están illadas reprodutivamente. O feito de que sexan especies novas convérteas en candidatas principais para estudar as forzas evolutivas que impulsan a súa diverxencia ecolóxica e o seu illamento reprodutivo. Probabelmente é conespecífico con Coregonus lavaretus.[20] Pertence ao "complexo Coregonus clupeaformis".[21]

  1. 1,0 1,1 1,2 Coregonus clupeaformis (Mitchill, 1818) no WoRMS. Consultado o 2 de maio de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 Coregonus clupeaformis (Mitchill, 1818) no GBIF. Consultado o 2 de maio de 2022.
  3. 3,0 3,1 3,2 Coregonus clupeaformis (Mitchill, 1818) na BioLib. Consultada o 2 de maio de 2022.
  4. Lake Whitefish. Coregonus clupeaformis en MinnAqua. Department of Natural Resources. Minnesota University.
  5. 5,0 5,1 Frimodt 1995.
  6. Hugg 1996.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Grand corégone. Coregonus clupeaformis Gouvernement du Québec (en francés).
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Scott & Crossman 1973.
  9. Morin, B., C. Hudon & F. Whoriskey (1991): "Seasonal distribution, abundance, and life-history traits of Greenland cod, Gadus ogac, at Wemindji, eastern James Bay". Can. J. Zool. 69: 3061-3070.
  10. 10,0 10,1 Koelz 1929.
  11. 11,0 11,1 11,2 Page & Burr 2011.
  12. 12,0 12,1 12,2 Welcomme 1988.
  13. Pag & Burr 2011.
  14. Morrow, J. E. (1980): The freshwater fishes of Alaska. University of B. C. Animal Resources Ecology Library. 248p.
  15. Koel 1929.
  16. Hart, J. L. (1931): "The growth of the whitefish Coregonus clupeaformis (Mitchill)". Contrib. Can. Biol 6 (20A): 427-444.
  17. Christie, W. J. (1963): "Effects of artificial propagation and the weather on recruitment in the Lake Ontario whitefish fishery". J. Fish. Res. Board Can. 20 (3): 597-646.
  18. Phillips, Gary (1982): Fishes of the Minnesota Region. Minneapolis: University of Minnesota Press. ISBN 0-8166-0982-9.
  19. Petromyzon marinus Linnaeus 1758 en Wayback Machine.
  20. Bodaly, R.A., J. Vuorinen, R. D. Wards, M. Luczynski & J. D. Reist (1991): "Genetic comparisons of new and old world coregonid fishes". J. Fish Biol. 38 (1): 37-51.
  21. Morrow, J. E. (1980): The freshwater fishes of Alaska. Anchorage, Alaska: Alaska Northwest Pub. ISBN 978-0-8824-0134-8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Eschmeyer, W. N. (ed.) (2014): Catalog of fishes: Genera, Species, References. California Academy of Sciences, department Ichtyology.
  • Frimodt, C. (1995): Multilingual illustrated guide to the world's commercial coldwater fish. Hoboken, Nova Jersey, USA: Wiley-Blackwell. ISBN 978-0-8523-8213-4.
  • Froese, Rainer & Pauly, Daniel, eds. (2022). Coregonus clupeaformis Arquivado 02 de maio de 2022 en Wayback Machine. en FishBase.
  • Hugg, D. O. (1996): "MAPFISH georeferenced mapping database. Freshwater and estuarine fishes of North America". En Dennis, O. & Steven Hugg,Life Science Software. 1278 Turkey Point Road, Edgewater, Maryland.
  • Koelz, W. (1929): "Coregonid fishes of the Great Lakes". Fish. Bull. 43: 297-643
  • Page, L. M. & Burr, B. M. (2011): A field guide to freshwater fishes of North America north of Mexico. Boston: Houghton Mifflin Harcourt. ISBN 978-0-3959-1091-7.
  • Scott, W. B. & Crossman, E. J. (1973): "Freshwater fishes of Canada". Bull. Fish. Res. Board Can. 184: 1-966.
  • Welcomme, R. L. (1988): "International introductions of inland aquatic species". FAO Fish. Tech. Pap. 294. Roma: FAO. ISBN 92-5102-664-5.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]