Saltar ao contido

Culler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha culler metálica.
Culleres da China.

Unha culler ou cullar[1] é un utensilio de cociña que consiste nunha pequena cabeza cóncava no extremo dun mango, usada principalmente para servir ou comer un alimento líquido ou semilíquido, e algúns alimentos sólidos como arroz e cereal que non poden ser doadamente erguidos cun garfo. As culleres tamén son utilizadas na preparación de alimentos para medir e mesturar ingredientes. Xeralmente están feitas de metal, madeira, porcelana ou plástico.

Atopáronse culleres feitas de madeira ou de óso en xacementos que datan atrás cara ao paleolítico.

Na antiga Roma houbo dous tipos de culler: a maior, lígula, e a menor, chamada cochlea. Esta última tiña un mango en forma de agulla que servía tamén para picar anacos de comida ou abrir mexillóns etc. Polo tanto cumpría con algunhas funcións do noso garfo. A súa orixe era a utilización dunha cuncha, a cóclea, cun mango, normalmente de metal precioso.

Ata o século XIX a culler era -á parte do coitelo ou navalla- a miúdo o único instrumento utilizado nas comidas. O principal material utilizado na súa fabricación era a madeira.

Logo comezouse a fabricación industrial en ferro ou aceiro recuberto de estaño e, para a xente máis adiñeirada, de prata. Para os alimentos ricos en xofre como os ovos ou o peixe adóitanse empregar culleres douradas, de corno ou outros materiais que non reaccionan con este elemento, alterando o seu sabor.

Desde a súa forma primitiva desenvolvéronse diversas formas especializadas para sopas, ensaladas, café etc.

Tipos e usos

[editar | editar a fonte]
As culleres utilízanse para soster alimentos difíciles de tomar con outros utensilios.

As culleres son usadas principalmente para inxerir alimentos líquidos ou semilíquidos, tales como sopa, guiso ou xeado, ou alimentos sólidos moi pequenos ou en forma de po que non poidan ser tomados facilmente cun garfo, como arroz, azucre, cereal e chícharos. No Sueste Asiático, as culleres son o utensilio primario usado para comer; úsanse garfos só para empuxar a comida cara á culler. As culleres tamén se utilizan amplamente ao preparar e servir alimentos.

A culleradiña e a cullerada son usadas como unidade de medida para medir o volume durante a preparación de alimentos. A culleradiña é usada frecuentemente para describir a dose para medicamentos. Unha culleradiña equivale a uns 5 ml e unha cullerada a uns 15 ml.

Tamén existen culleres que se venden como obxectos decorativos, ou conmemorando un evento, lugar ou data.

Ademais poden usarse como instrumentos musicais.

As culleres tamén son usadas en deportes como o spooning, que consiste en que 2 ou máis participantes balancean unha culler no extremo do seu nariz, e quen resista por máis tempo é o ganador.

Manufactura

[editar | editar a fonte]

Para as culleres fabricadas con maquinaria, a forma básica é recortada dunha lámina de prata esterlina, dunha aliaxe de níquel e prata ou de aceiro inoxidable. O recipiente é pasado entre dous aprisionadoras para producir unha sección máis delgada. A sección do mango tamén é aprisionada para producir o ancho requirido. Logo é puído para que tome a forma indicada.

As culleres forxadas, pola súa banda, son as culleres manufacturadas da forma tradicional.

[editar | editar a fonte]
  • A culler chea quer a boca baleira.
  • Cada un enche a súa culler, polo que poida ser.
  • Coa culler que escollas terás que comer as sopas.
  • Culleres, fainas o tempo.
  • Polo rabo da culler vai o gato á ola.
  • Quen mala culler colle, con mala culler come.
  • Sementar na culler pra apañar na garfela.

En galego, a palabra culler tamén designa o cágado, larva dos anfibios, e cada unha das pas do rodicio dun muíño.

A culler do caldo é o cullerón co que se serve este prato.

  1. O termo cullar' figura no DRAG como sinónimo de culler, aínda que sancionado como forma menos recomendable.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]