Deucalión
Na mitoloxía grega, Deucalion era o fillo de Prometeo e de Clímene [1]. Casou con Pirra (á súa vez, curmá súa), filla de Epimeteo e Pandora (a primeira muller creada polos deuses). Deucalión está estreitamente conectado co mito de inundación na mitoloxía grega.
Zeus decidiu castigar á humanidade por considerala unha raza viciosa, e acabar coa chamada Idade de Bronce provocando un gran diluvio [2]. Só quixo salvar a dous xustos: Deucalión e Pirra. Por consello de Prometeo, Deucalión construíu unha gran arca, almacenou todo o necesario e embarcouse con Pirra [3]. Zeus fixo caer unha copiosa chuvia que anegou a maior parte da Hélade, de xeito que pereceron tódolos homes, excepto uns poucos que se refuxiaron no cume das montañas próximas.
Rematado o diluvio e logo de nove días e nove noites navegando, a nave tocou terra firme no Parnaso. Ó desembarcar ofreceu un sacrificio a Zeus e este prometeulles, a través de Hermes, cumprir o que desexaren, e o que Deucalión pediu foi ter compañeiros, ter outros homes con el. Zeus aceptou e ordenoulles que botaran os ósos da súa nai por riba dos ombros, ante o que Pirra se espantou por consideralo unha impiedade. Pero Deucalión comprendeu que se refería ós ósos da Terra nai, é dicir, pedras, e collendo as pedras que atopaban no chan lanzáronas sobre o ombro, cara a atrás, e as pedras se converteron en xente: das que lanzaba Deucalión naceron homes e das que lanzaba Pirra, mulleres.
"Zeus, enviando onda el a Hermes, outorgoulle que tomara o que quixera, e el escolleu posuír homes. Como Zeus aceptara, colleu unhas pedras e lanzounas por riba da súa cabeza, e as pedras que lanzaba Deucalión se convertían en homes, e as que lanzaba Pirra en mulleres".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 7, 2)
Deucalión e Pirra tiveron dous fillos, Helen (algúns din que foi enxendrado por Zeus) e Anfictión (que reinou sobre Ática), e unha filla, Protoxenia, que tivo un fillo con Zeus (ou con Locro), Aetlio; algunhas fontes engaden unha segunda filla: Melantea. Helen, a partir do seu nome, chamou helenos ós que antes se chamaban gregos [4].
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Deucalión |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Deucalión.
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].