Saltar ao contido

Electro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pebida de electro con outros minerais

O electro, tamén coñecido pola súa denominación en latín: electrum (do grego ἤλεκτρον; "ámbar"), é unha aliaxe de ouro e prata que se pode obter artificialmente ou atopar de forma natural. A súa gama de cor vai do amarelo pálido ao máis brillante, en función da proporción de ambos os metais na súa composición.[1][2][3][4]

Broche de electro de Rodas. Ca. 625-600 a. de C.

Xa na antigüidade, Plinio describíao cunha proporción dunha parte de prata por cada catro de ouro.[5][6]

Aínda que xa nos textos antigos se testemuñan referencias ao electro como "ouro branco", cómpre non confundilo co significado que hoxe ten esa expresión, que é o da aliaxe de cor branca á base de ouro, prata, níquel, platino e paladio, moi utilizada en xoiaría.[7][8][9]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo "electro" deriva de electrum, a forma latinizada da grega ἤλεκτρονèlektron–, que xa aparece na Odisea para se referir a unha substancia metálica composta de ouro e prata. A mesma palabra usábase tamén para designar o ámbar, probabelmente debido á cor amarela pálida dalgunhas variedades.[6][10] E así as cousas, a partir das propiedades electrostáticas do ámbar derivan as palabras actuais "electrón" e todas as creadas co prefixo "electro-".[11]

Composición

[editar | editar a fonte]
Histamenon bizantino de electro do emperador Aleixo I Comneno

O electro componse fundamentalmente de ouro e prata, aínda que ás veces se atopa en estado natural con trazas doutros metais (cobre, aluminio, chumbo, níquel, etc.)[12]. As análises da composición do electro utilizado nas moeda antigas de Focea, na Asia Menor, de arredor do ano 600 a. de C., amosan que o contido de ouro era de arredor do 55 %. Nos principios do período clásico, o contido de ouro no electro variaba desde o 46 % en Focea ata o 43% en Mitilene. Nas cuñaxes máis tardías destas mesmas áreas, arredor de 325 a. de C., o contido descendía ata o 40 % ou o 41 %. No período helenístico cuñáronse moedas cartaxinesas de electro cun contido de ouro progresivamente descendente.[13]

Posteriormente, no Imperio Romano de Oriente, a pureza das moedas bizantinas de ouro foi diminuíndo ata tal punto que pasaron a cuñarse finalmente en electro.[14]

Cabeza momificada de home cuberta en electro, da dinastía tolemaica do Antigo Exipto. Século II a. de C.

O electro mencionábase xa na crónica dunha expedición á lendaria terra de Punt enviada polo faraón Sahure, da quinta dinastía do Antigo Exipto, onde se indica que os expedicionarios regresaron con grandes cantidades de mirra, malaquita e electro.[15][16][17][18]

Tamén o cita Plinio o Vello na súa Naturalis Historia.[5]

As Escrituras hebreas falan tamén do electro, cando o profeta Ecequiel di ter unha visión de Xehová sobre un carro celestial.[19]

O electro utilizouse tamén no terceiro milenio antes de Cristo no antigo imperio de Exipto, ás veces como revestimento exterior dos piramidións, no cumio das pirámides e dos obeliscos. Utilizábase tamén para a elaboración de obxectos ornamentais e de uso, como vasos e cuncas.[20]

Primeiras moedas da humanidade

[editar | editar a fonte]

As primeiras moedas coñecidas de electro, moedas lidias e da Grecia oriental atopadas baixo o Templo de Artemisa en Éfeso, dátanse no derradeiro cuarto do século VII a. de C. (625-600 a. de C.).[21] Considérase que as primeiras moedas nesta aliaxe foron cuñadas en Lidia nesa época, durante o reinado de Aliates.[22]

Moeda grega dun hecté, coa figura dun xabaril (454-427 a. de C.)

O electro era moito mellor para amoedar que o ouro, fundamentalmente porque era máis duro e máis duradeiro, mais tamén porque as técnicas de refinación do ouro non estaban aínda moi desenvolvidas nesa época.[23] O contido de ouro do electro achado en estado natural na actual Anatolia occidental oscila entre o 70 % e o 90 %, en contraste co rango de 45 % a 55 % característico das cuñaxes en electro da antiga Lidia, na mesma área xeográfica.[24] Isto suxire, por unha banda, que os lidios tiñan xa moi perfeccionada a tecnoloxía de refinación da prata, de maneira que lla engadían ao electro que extraían de xeito natural, décadas antes de que fixeran as súas primeiras cuñaxes de prata pura; por outra parte, unha das razóns para a aparición da moeda nesa rexión era a señoriaxe, é dicir, o beneficio creado ao emitila cun contido de ouro máis baixo que o do metal utilizado no intercambio sen amoedar.[25][26][27]

As primeiras moedas de electro emitidas en Lidia tiñan o valor dun terzo de estatero (trité), o que lles supuña un peso teórico de 0,17 onzas (4,7 gramos). Posteriormente cuñáronse estateros e tamén outras fraccións, como un cuarto (tetarté), un sexto (hecté), un oitavo e un doceavo e un vinte e catroavo. En ocasións chegáronse a emitir fraccións de 1/48 e mesmo 1/96 de estatero, esta última con soamente 0,14 gramos.[28][29]

Terzo de estatero ou trité de electro, cuñado en Lidia no século VI a. de C.

Por mor da variación na composición do electro, non resulta doado determinar o valor exacto de cada moeda, o cal supuña un obstáculo para o desenvolvemento do comercio.[30][31] Estas dificultades foron superadas cara a 570 a. de C., coa introdución no reino de Lidia das primeiras moedas de prata e de ouro puros por parte do rei Creso (polo que collen o nome de creseidas). Porén, a moeda de electro continuou a ser común ata 350 a. de C.[22][30][32]

  1. Definición de electro no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Rossignol. (1863). Páxinas 364-65.
  3. "Elektron". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  4. "Electro". Kroustallis, S. K. (2008).
  5. 5,0 5,1 Plinio. Naturalis Historia 33.80-1
  6. 6,0 6,1 "Electrum, Electron". En Chisholm, Hugh, ed. (1911). Encyclopædia Britannica. 9 (11ª ed.). Cambridge University Press. Páxina 252.
  7. Rossignol. (1863). Páxina 335.
  8. Kroustallis, S. K. (2008). "Aleación de oro".
  9. "L'électrum ou or pâle monnayé dans l'antiquité Arquivado 17 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Sacra Moneta.
  10. "ἠλέκτρωρ". En Chantraine, P. (1999). Dictionnaire étymologique de la langue grecque. Klincksieck. París. ISBN 978-2-25203-277-0
  11. Definición de electrón no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  12. "Electrum". Hudson Institute of Mineralogy. Mindat.org.
  13. Wallace, R. (1987).
  14. Cartwright, M. "Byzantine Coinage". En Ancient History Encyclopedia.
  15. "Voyages of Exploration and Trade. The Punt connection Arquivado 13 de agosto de 2018 en Wayback Machine.". En An introduction to the history and culture of Pharaonic Egypt.
  16. Sowada, K. N. (2009). Egypt in the Eastern Mediterranean During the Old Kingdom: An Archaeological Perspective. Eisenbrauns. Páxina 198. ISBN 978-3-7278-1649-9
  17. Hawass, Z. (2003). The Treasure of the Pyramids. White Star. Páxinas 260-263. ISBN 978-88-8095-233-6
  18. Baker, D. (2008). The Encyclopedia of the Pharaohs. Volume I: Predynastic to the Twentieth Dynasty 3300-1069 BC. Stacey International. Páxinas 343-345. ISBN 978-1-905299-37-9
  19. Ezequiel 1:4.
  20. Rossignol. (1863). Páxina 362.
  21. Kurke, L. (1999). Páxinas 6-7.
  22. 22,0 22,1 Metcalf, W. E. (2012). Páxinas 49-50.
  23. Ramage, A. (1978).
  24. Keyser, P.; Clark, D. (2001).
  25. Cahill, N.; Kroll, J. H. (2005).
  26. "Electro". Alfaro Asins et al. (2009).
  27. Price, M. (1983). Páxina 4.
  28. Goldsborough, R. (2007). "A Case for the World's First Coin: The Lydian Lion". En Numismatics. Coins and Coin Collecting.
  29. "Estatero", "trité", "tetarté" e "hecté". En Alfaro Asins et al. (2009).
  30. 30,0 30,1 Wallace, R. (2001).
  31. Melville-Jones, J. (1998).
  32. "Creseida". En Alfaro Asins et al. (2009).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]