Eosina
A eosina (do grego eos, amencer [1]) é un colorante en forma de po vermello cristalino, de uso amplamente estendido no ámbito industrial, dende a industria téxtil ata o estudo biolóxico e histolóxico. Como curiosidade, tamén se utiliza na coloración da gasolina.
Historia, orixe e evolución
[editar | editar a fonte]A eosina xa era de uso común a finais do século XIX, sendo o resultado da acción do bromo sobre a fluoresceína. Actualmente existen compostos coñecidos como eosina e que están intimamente relacionados: a eosina Y (tetrabromofluoresceína, CI 45380, CI 45386), comunmente coñecida como eosina amarela, e a eosina B (dibromodinitrofluoresceína, CI 45400), tamén coñecida como eritrosina B azulada. Ambas, nun principio, son intercambiables, sen que sexan notables as diferenzas entre elas no resultado da tinguidura, polo que a preferencia dunha sobre a outra segue un criterio subxectivo. A pesar disto, a eosina Y é a máis utilizada nos procedementos rutineiros histolóxicos, como tinguidura de contraste na técnica da hematoxilina-eosina por exemplo, e a súa preparación alcohólica é un paso obrigado na Técnica de Papanicolaou.
Homólogos da eosina son: floxina (CI 45410), eritroxina B(CI 45430), rose bengal (CI 45440), mercurocromo (Merck) e mercurocromo (Gurr).[2]
Fundamento
[editar | editar a fonte]A eosina é un composto ácido cuxas propiedades están baseadas na súa polaridade negativa, o que lle permite enlazarse con constituíntes celulares de carga positiva. Por isto colorea compoñentes e orgánulos citoplasmáticos, coláxeno e fibras musculares, pero non os núcleos (que son basicamente ácidos nucleicos e están cargados negativamente). Aqueles compoñentes que se tinxen con eosina son coñecidos como acidófilos ou eosinófilos. A coloración resultante da tinguidura con eosina é rosada-alaranxada para citoplasmas, e vermello intenso no caso dos eritrocitos. É fortemente fluorescente, aínda que esta característica é moi pouco utilizada.
Preparación
[editar | editar a fonte]A pesar da súa ampla dispoñibilidade comercial, pódese preparar eosina no laboratorio sen dificultade nin necesidade de material especial. Os exemplos que seguen son para eosina Y, tanto alcohólica como acuosa, nas proporcións habituais para o seu uso histolóxico. As preparación son moi estables, polo que perduran moito tempo se son almacenadas convenientemente.
Eosina Y alcohólica
[editar | editar a fonte]- A partir de po de eosina:
- disolver 0,5 g de eosina Y en etanol 95%.
- engadir unha gota de ácido acético glacial
- A partir de eosina Y acuosa comercial
- mesturar 100 cc de eosina Y acuosa 3% con 125 cc de etanol 100%
- engadir á mestura anterior a 375 cc de auga destilada
- de modo opcional, engadir unhas gotas de ácido acético glacial
Eosina Y acuosa (2%)
[editar | editar a fonte]- disolver 25 g de eosina Y hidrosoluble en 1.250 cc de auga destilada
- engadir unhas gotas de ácido acético glacial
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Sheehan, Dezna; Hrapchak, Barbara (1980). Theory and practice of Histotechnology. The C.V. Mosby Company (2 Ed ed.).