Escola de samba
Unha escola de samba é un tipo de asociación de carácter popular dedicada ao canto e danza da samba, case sempre cun propósito competitivo. A súa orixe atópase na cidade de Río de Xaneiro e as escolas de samba preséntanse en espectáculos públicos, formando un cortexo que segue un argumento, denominado samba-enredo, bailando e cantando acompañados por unha batería; os seus compoñentes — que varían de centos ata milleiros — usan fantasías alusivas ao tema proposto, a maioría desfila a pé e unha minoría vai sobre carro, onde tamén se colocan esculturas de papel maché, así como outros aderezos.[1]
As escolas de samba máis coñecidas son as da cidade de Río de Xaneiro e a súa rexión metropolitana, que desfilan no Sambódromo do Marquês de Sapucaí, e as de São Paulo, que desfilan no Sambódromo paulistano. Esas escolas realizan un espectáculo considerado suntuoso, que atrae turistas de todo o mundo. Así e todo, hai escolas de samba en case todos os estados brasileiros e en moitos países do mundo.[2][3] Son unha das manifestacións máis coñecidas do carnaval brasileiro,[4] e de cada vez teñen máis aspectos escénicos, con algúns dos seus compoñentes executando dramatizacións teatrais ou coreografías.[5]
A gran maioría das escolas de samba, principalmente as de Río de Xaneiro, inclúen na súa denominación a expresión "Grêmio Recreativo Escola de Samba" (GRES) antes do seu nome propiamente dito. En São Paulo é tamén común a forma "Grêmio Recreativo Cultural e Escola de Samba". Hai excepcións, como a "Sociedade" Rosas de Ouro e a tradicional "Agremiação Recreativa e Escola de Samba" Vizinha Faladeira.[6] A estandarización nas nomenclaturas das entidades xurdiu en 1935 ao obrigaren as autoridades os grupos carnavalescos cariocas a obter un certificado na Delegación de Costumes e Diversións para poderen desfilar. O delegado titular, Dulcídio Gonçalves, decidido a dar un aspecto de maior organización aos desfiles de escolas de samba, negouse a conceder o certificado a asociacións con nomes considerados extravagantes, así a denominada Vai Como Pode tivo que mudar ao seu actual nome GRES Portela.[7] O desfile de cada escola de samba é un traballo considerado comunitario. Van para alén dun grupo musical, e frecuentemente actúan como asociacións de barrio que traballan na mellora social das comunidades que representan, como recursos educativos ou sanitarios.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Academia do Samba. "Academia do Samba - escolas do Brasil". Consultado o 3 de xaneiro de 2009.
- ↑ Academia do Samba. "Academia do Samba - escolas do Mundo". Consultado o 3 de xaneiro de 2009.
- ↑ Blumar.com.br. "Carnaval do Brasil". Archived from the original on 11 de febreiro de 2009. Consultado o 3 de xaneiro de 2009.
- ↑ Globo.com. "Paulo Barros mantém mistério sobre carnaval da Viradouro". Consultado o 3 de xaneiro de 2009.
- ↑ Revista Superinteressante. "Revista Super Interessante, edição mensal de fevereiro de 1996, págs. 32-37". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2009. Consultado o 5 de xaneiro de 2009.
- ↑ Fernandes, Nélson da Nóbrega. Escolas de Samba: sujeitos celebrantes e objetos celebrados - pág. 94 (112 do e-book)
- ↑ G1 (30 de xaneiro de 2013). "Projeto social transforma ateliê da Vila Isabel em fábrica de fantasias". Consultado o 25 de agosto de 2014.