Saltar ao contido

Estado de alarma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O estado de alarma é un dos tres réximes de emerxencia contemplados no artigo 116 da Constitución Española de 1978. En concreto, o estado de alarma detállase no punto 2 do devandito artigo.[1] Así mesmo, os seus efectos foron desenvolvidos no artigo 11 da Lei Orgánica 4/1981, dos estados de alarma, excepción e sitio.[2]

O estado de alarma declárase co obxectivo de asegurar o restabelecemento da normalidade da vida cotiá ante perturbacións como catástrofes, crises sanitarias ou episodios de desabastecemento de produtos básicos.

En España

[editar | editar a fonte]

No estado español a declaración do estado de alarma é competencia do Goberno de España, segundo o artigo 116.2 da Constitución. A declaración pode atinxir á totalidade do territorio do Estado ou nada máis a algunha das súas partes.

A declaración do estado de alarma ten que estar motivada por algunha das seguintes perturbacións da normalidade:

O estado de alarma é declarado polo Goberno mediante decreto acordado en Consello de Ministros. A súa duración máxima é de 15 días. Cando se sobrepase este límite, poderá ser prorrogado, sempre coa autorización do Congreso dos Deputados. En caso de prórroga, será o Congreso quen estabeleza as condicións do estado de alarma.

Segundo o regulado no art. 11 da Lei Orgánica 4/1981, de 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio[3], baixo o estado de alarma, o Estado poderá:

  • Limitar a circulación ou permanencia de persoas ou vehículos.
  • Practicar requisas temporais de todo tipo de bens e impor prestacións persoais (tributos, traballos...) obrigatorias.
  • Intervir e ocupar de maneira temporal industrias ou locais de calquera natureza.
  • Limitar ou racionar o uso de servizos ou o consumo de artigos de primeira necesidade.
  • Asegurar o abastecemento dos mercados e o funcionamento de servizos e industrias mediante as ordes oportunas.

Estados de alarma en España desde a proclamación da Constitución de 1978

[editar | editar a fonte]

En España, o estado de alarma declarouse unicamente en dúas ocasións desde a proclamación da Constitución de 1978. A primeira delas en decembro de 2010, a causa dunha crise provocada por unha folga de controladores aéreos. A segunda delas en marzo de 2020, como resultado da epidemia do coronavirus COVID-19.

Crise dos controladores de 2010

[editar | editar a fonte]

O sábado 4 de decembro de 2010, ás 12:30 horas, o goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, do PSOE, decretou o estado de alarma en todo o territorio español. O motivo foi o peche do espazo aéreo español debido á folga de controladores aeroportuarios. O goberno amparouse en que este era un servizo público básico, e que se estaban producindo graves prexuízos á cidadanía e a economía do país.[4]

O persoal de control aéreo pasou a ser considerado persoal militar mentres durase a declaración e forzado a reincorporarse ao seu traballo baixo a ameaza de penas de cárcere.[5] O Consello de Ministros solicitou, o 14 de decembro, unha prórroga do estado de alarma até o 15 de xaneiro ás 24 horas. O Congreso dos Deputados aprobouna[6]. O estado de alarma non se levantou até o 16 de xaneiro de 2011, ás 0:00 horas[6][7].

Crise sanitaria pola pandemia de coronavirus (COVID-19) de 2020

[editar | editar a fonte]

O venres 13 de marzo de 2020, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou a declaración do estado de alarma para a contención da pandemia pola enfermidade de coronavirus (COVID-19) que afectaba a España desde mediados de febreiro.

Decreto inicial do estado de alarma (15-29 de marzo)
[editar | editar a fonte]

As medidas foron concretadas ao día seguinte, sábado 14 de marzo, tras un Consello de Ministros que durou máis de sete horas[8]. O goberno ordenou a súa publicación no BOE esa mesma noite, para a súa entrada en vigor de forma inmediata[9]. O estado de alarma promulgouse por quince días naturais, o tempo máximo autorizado pola Constitución, e os seus efectos estendéronse a todo o territorio español. Entre as principais medidas que contemplaba o decreto destacan:

  • Limitacións á libre circulación de persoas, restrinxida a actividades esenciais como a compra de alimentos ou medicamentos ou os desprazamentos por motivos laborais e médicos.
  • Autorización ao Goberno e as autoridades delegadas por este a dispoñer medidas excepcionais para asegurar o abastecemento de produtos de primeira necesidade ou combater a pandemia, incluídas requisas temporais ou prestacións persoais.
  • Suspensión de toda actividade educativa presencial.
  • Peche de todos os comercios, agás daqueles relacionados con servizos esenciais, como a alimentación ou os servizos sanitarios.
  • Restricións no acceso a cerimoniosas relixiosas ou civís.
  • Restricións na oferta de servizos públicos de transportes.
Primeira prórroga do estado de alarma (29 de marzo-12 de abril)
[editar | editar a fonte]

Desde o inicio da crise, o Goberno manifestou que sería seguramente necesario prorrogar o estado de alarma alén do prazo inicial. O Goberno anunciou publicamente que solicitaría a prórroga por outros quince días naturais o 22 de marzo[10]. A solicitude levouse á sesión plenaria do Congreso dos Deputados na tarde do 25 de marzo. Para evitar riscos de contaxio, a maioría da cámara votou de maneira telemática. A proposta de prórroga obtivo 321 votos afirmativos, 28 abstencións e ningún voto en contra[11]. Os votos afirmativos chegaron da coalición que formaba o Goberno (PSOE e Unidas Podemos), PP, Vox, Ciudadanos (C's), PNV, Más País, Compromís, Navarra Suma, Teruel Existe, Foro Asturias, Coalición Canaria, Nueva Canarias e o Partido Regionalista de Cantabria ou Bloque Nacionalista Galego. As abstencións procederon sobre todo dos partidos nacionalistas periféricos: Esquerra Republicana de Catalunya, Junts per Catalunya, EH-Bildu ou CUP. Estes partidos escudáronse na necesidade de decretar medidas de confinamento máis duras, como tamén fixeron outros partidos que votaron a prol da prórroga[12].

Desta sorte, o estado de alarma ficou estendido para todo o territorio español até as 00:00 horas do 12 de abril de 2020.

Segunda prórroga do estado de alarma (12 de marzo-26 de abril)
[editar | editar a fonte]

Nos derradeiros días de marzo agravouse a situación nos hospitais, desbordados pola cantidade de casos graves, e o número de contaxios atinxiu os máximos[13]. O Goberno viuse na obriga de decretar a paralización da actividade económica non esencial entre o 31 de marzo e o 9 de abril[14]. Nese mesmo día votouse no Congreso dos Deputados unha nova prórroga do estado de alarma, que foi aprobada por 270 votos a favor, 54 en contra e 25 abstencións[15].

Os votos afirmativos chegaron da coalición de goberno, o PP, C’s e maioría dos partidos minoritarios que xa votaran a prol da primeira prórroga. Con todo o PP e C’s manifestaron duras críticas cara a xestión da crise e pediron transparencia ao goberno. O BNG, pola súa banda, manifestouse en contra de levantar a paralización da actividade económica non esencial. Outros partidos variaron o seu voto con respecto á sesión do 25 de marzo. O PNV, preocupado pola paralización económica, sumouse á abstención. Vox acusou ao Goberno de ser incapaz de xestionar a crise e votou en contra. O mesmo fixeron as CUP, que acusaron ao Goberno de autoritarismo e de recuperar a actividade laboral antes de que a crise estivese controlada[16].

O estado de alarma prorrogouse, por tanto, até as 00:00 horas do 26 de abril. Durante o debate, o propio Presidente do Goberno recoñeceu que xa estaba a pensar nunha nova ampliación do estado de alarma. Nese momento totalizábanse, desde o inicio da crise, quince mil defuncións e cento cincuenta mil persoas infectadas. Aínda que ambas cifras crecían a menor ritmo do que nas semanas previas, temíase unha segunda vaga de contaxios de se levantaren as medidas do estado de alarma.

  1. "Constitución Española. Documento consolidado BOE-A-1978-31229". www.boe.es. Consultado o 9/04//2020. 
  2. "Ley Orgánica 4/1981, de 1 de junio, de los estados de alarma, excepción y sitio. Documento consolidado BOE-A-1981-12774". www.boe.es. Consultado o 9/04//2020. 
  3. "Ley Orgánica 4/1981, de 1 de junio, de los estados de alarma, excepción y sitio". Consultado o 13/3/2020. 
  4. "El Gobierno declara el estado de alarma". 4/12/2010. Consultado o 13/3/2020. 
  5. "Real Decreto 1673/2010, de 4 de diciembre, por el que se declara el estado de alarma para la normalización del servicio público esencial del transporte aéreo". www.boe.es. BOE-A-2010-18683. Consultado o 2020-04-09. 
  6. 6,0 6,1 "BOE.es - Documento BOE-A-2010-19453". Consultado o 13/3/2020. 
  7. "BOE.es - Documento BOE-A-2010-19462". Consultado o 13/3/2020. 
  8. "Pedro Sánchez decreta el estado de alarma en toda España para frenar la expansión del coronavirus". Consultado o 13/3/2020. 
  9. "Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19". Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado (en castelán). Consultado o 20/3/2020. 
  10. "Sánchez traslada a presidentes de CCAA que pedirá no Congreso prorrogar 15 días o estado de alarma". 22/3/2020. Consultado o 25/3/2020. 
  11. "Congreso de los Diputados - Notas de Prensa". Congreso de los Diputados. Consultado o 26/02/2020. 
  12. "Sánchez logra un amplio apoyo para prorrogar el estado de alarma pese a los duros ataques de la oposición" (en castelán). 26/03/2020. Consultado o 26/03/2020. 
  13. "Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións". 4/04/2020. Consultado o 9/04/2020. 
  14. "Vinte e cinco actividades "esenciais" fican fóra do peche reforzado de empresas para frear o coronavirus". 30/03/2020. Consultado o 9/04/2020. 
  15. "El Congreso autoriza una segunda prórroga del estado de alarma hasta el 26 de abril para hacer frente al COVID-19". Congreso de los Diputados (en castelán). Consultado o 10/04/2020. 
  16. "O Congreso renova o estado de alarma, mais non amplía a paralización das actividades non esenciais". 09/04/2020. Consultado o 10/04/2020.