Gran río artificial
O Gran río artificial (en árabe النهر الصناعي العظيم, al-Nehr al-Ṣnā‘ī al-‘Ẓīm) é unha rede de tubaxes, pozos e depósitos de auga construídos no deserto do Sáhara en Libia, que se alimenta das augas fósiles do Sistema de acuíferos do Arenito Nubio. A auga utilízase para a subministración a cidades e para a rega agrícola. É o proxecto de irrigación máis grande do mundo.[1]
Consta dunha extensa rede de tubaxes enterradas de 2.820 km de longo,[2] acuedutos, pozos e depósitos. Consta de máis de 1.300 pozos, a maioría de máis de 500 m de profundidade, e produce 6.500.000 m3 de auga doce ao día para fornecer as cidades de Trípoli, Bengasi, Sirte e moitas outras. Iniciouse a súa construción en tempos do líder libio Muammar al-Gaddafi.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]En 1953, os intentos por atopar petróleo no sur de Libia levaron ao descubrimento colateral de grandes cantidades de auga doce subterránea. O proxecto do gran río artificial concibiuse máis tarde, na década de 1960, e os traballos no mesmo comezaron en 1984. A construción do proxecto foi dividida en cinco fases. A primeira fase necesitou que se escavasen 85 millóns de m3 e foi inaugurada en 1991. A segunda fase (denominada Primeira auga para Trípoli) inaugurouse en 1996.
O proxecto estaba a cargo da Autoridade do Proxecto do Gran Río Artificial e foi financiado polo goberno de Muammar al-Gaddafi. O primeiro contratista foi o Dong Ah Consortium e despois a Al Nahr Company Ltd. Os materiais necesarios procedían de Corea e da propia Libia, e posteriormente o aceiro para os tubos era de procedencia italiana.
O custo previsto total do proxecto era duns 25 mil millóns de dólares, financiados con recursos libios.[4] Desde 1990 a UNESCO proporcionou adestramento para enxeñeiros e técnicos implicados no proxecto.
O acuífero fósil do que se extrae a auga é o acuífero do arenito nubio. A súa auga acumulouse fundamentalmente durante a última era glacial, pero co clima actual non se recarga. O proxecto xerou certa controversia. Se a taxa de extracción de auga de 2007 non se incrementa, as súas reservas de auga poderían durar mil anos segundo algunhas estimacións.[5][6] Porén, outras estimacións independentes indican que o acuífero podería quedar esgotado en só de 60 a 100 anos.[7] Algúns analistas indicaron que custo do proxecto era un 10% inferior ao de obter esa auga por desalinización de auga de mar.[8]
Durante a guerra civil libia de 2011, na que foi derrocado Muammar al-Gadaffi, a planta de Brega, que era unha das que fabricaba tubaxes para o proxecto, foi bombardeada pola OTAN, alegando que albergaba material militar.[9]
Datas das primeiras subministracións de auga
[editar | editar a fonte]- 11 de setembro de 1989: chega ao depósito de Ajdabiya.
- 28 de setembro de 1989: ao depósito de Gran Omar Muktar.
- 4 de setembro de 1991: ao depósito de Ghardabiya.
- 28 de agosto de 1996: a Trípoli.
- 28 de setembro de 2007: a Gharyan.
-
Selo de 20 dínares adicado ao proxecto
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Guinness World Records 2008 Book. ISBN 978-1-904994-18-3
- ↑ Keys, D., 2011, Libya Tale of Two Fundamentally Different Cities, BBC Knowledge Asia Edition, Vol.3 Issue 7
- ↑ Water-Technology
- ↑ Scholl, Adam. "Map Room: Hidden Waters". World Policy Journal. Arquivado dende o orixinal o 30-10-2021. Consultado o 06-05-2015.
- ↑ Artigo de Saudi Aramco Arquivado 05 de agosto de 2014 en Wayback Machine. 06-05-2015
- ↑ UN Environment Program
- ↑ Libya's Qaddafi taps 'fossil water' to irrigate desert farms - CSMonitor.com
- ↑ Colonel Qaddafi and the Great Man-made River – Water Matters - State of the Planet
- ↑ Missy Ryan, Giles Elgoodl, Tim Pearce (22 July 2013). "Libya says six killed in airstrike near Brega". Reuters. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2014. Consultado o 06 de maio de 2015.
- ↑ http://earth-chronicles.ru/news/2012-05-17-22874
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Irrigación por pivote central
- Cova do alento do dragón, outro depósito de auga fóseil en África
References
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BBC News: Libya's thirst for 'fossil water' (artigo que ten un mapa das tubaxes)
- Artigo na Encyclopædia Britannica
- TEKFEN İNŞAAT official article (imaxes)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Gran río artificial |
- Proxecto do Sistema de Acuíferos do Arenito NubioArquivado 04 de maio de 2012 en Wayback Machine. na que colaboran a IAEA UNDP e o GEF sobre a loxíxtica do Gran río artificial.
- Premio internacional da auga do Gran río artificial