Saltar ao contido

Grumman F3F

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grumman F3F
F3F-1
Tipocaza
FabricanteGrumman
Deseñado porLeroy Grumman
Primeiro voo20 de marzo de 1935
Introducido1936
Retiradonovembro de 1943
Principais usuariosArmada dos Estados Unidos
Corpo de Marines
Produción1936 - 1939
Unidades construídas147

O Grumman F3F é un caza biplano producido por Grumman para a Armada dos Estados Unidos a mediados dos anos 30. Deseñado como unha mellora do F2F, entrou en servizo en 1936 como o derradeiro biplano en ser entregado a calquera corpo do exército estadounidense. Foi retirado dos escuadróns de primeira liña a finais de 1941 antes de que puidese servir na segunda guerra mundial, e foi substituído polo Brewster F2A Buffalo. O F3F, que herdou a configuración do tren de aterraxe principal retráctil deseñada por Leroy Grumman utilizada por primeira vez no Grumman FF, serviu como base para un deseño biplano que finalmente desenvolveu no moito máis exitoso F4F Wildcat que sucedeu ao Buffalo.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

A experiencia da Armada co F2F revelara problemas coa estabilidade e características de barrena pouco favorables,[1] o que provocou o contrato do 15 de outubro de 1934 para o mellorado XF3F-1, emitido antes de que comezasen as entregas do F2F. O contrato tamén pedía capacidade de ataque a terra, ademais do seu deseño como caza.[2] Impulsado polo mesmo motor Pratt & Whitney R-1535-72 Twin Wasp Junior que o F2F, a fuselaxe alongouse e a superficie das ás incrementouse con respecto ao deseño anterior. A redución do diámetro da roda permitiu unha maior aerodinámica da fuselaxe, eliminando a protuberancia detrás do capó do F2F.

O prototipo, BuNo. 9727, voou por vez primeira o 20 de marzo de 1935 co piloto de probas da compañía Jimmy Collins aos mandos, realizando tres voos ese día. Dous días despois tiveron lugar seis voos de recuperación de picados; nun dos picados a manobra de recuperación do avión a 8 000 pés rexistrou unha forza de 14 g no equipamento de probas. O avión rompeu no aire, estrelouse nun cemiterio e matou a Collins.[2] Construíuse un segundo prototipo reforzado, pero esnafrouse o 9 de maio dese mesmo ano despois de que o piloto saltase ao non poder recuperarse dunha barrena.[3] O segundo prototipo foi reconstruído en tres semanas, voando novamente o 20 de xuño de 1935. O 24 de agosto realizouse un pedido por 54 cazas F3F-1, despois da finalización do programa de probas.[4]

Historial operativo

[editar | editar a fonte]
F3F-3

O primeiro F3F-1 de produción (BuNo 0211) foi entregado o 29 de xaneiro de 1936 ao grupo de probas da Estación Naval Aérea Anacostia, comezando a servir en marzo cos escuadróns VF-5B do USS Ranger e VF-6B do USS Saratoga. O escuadrón de Marines VF-4M reccibiu os seis últimos en xaneiro de 1937.[5]

Grumman, querendo aproveitar o poderoso novo motor radial sobrealimentado Wright R-1820 de 950 cabalos, comezou a traballar no F3F-2 sen un contrato; un podido por 81 avións non chegaría ata o 25 de xullo de 1936, dous días despois do seu primeiro voo.[1] O maior diámetro do motor cambiou a aparencia da capota, facendo que o avión se asemellase aínda máis a un barril, aínda que a velocidade máxima aumentou ata os 410 km/h a 12 000 pés.[2]

Toda a serie de produción do F3F-2 foi entregada entre 1937 e 1938; cando remataron as entregas, os sete escuadróns de persecución da Armada e dos Marines estaban equipados con cazas monopraza de Grumman. Realizáronse máis melloras aerodinámicas nun F3F-2 (BuNo 1031) baseadas en estudos no túnel de vento de NACA Langley, converténdose no XF3F-3. Este tiña unha hélice de maior diámetro e unha revisión completa de parte da cuberta da fuselaxe para mellorar a aerodinámica e reducir a intrusión de monóxido de carbono na cabina. O 21 de xuño de 1938 a Armada pediu 27 F3F-3, xa que os novos cazas monoplanos como o Brewster F2A e o propio F4F Wildcat de Grumman tardaban máis en desenvolverse do previsto.[6]

Coa introdución do Brewster F2A-1, os días dos cazas biplanos da Armada estaban contados. Todos os F3F foron retirados do servizo cos escuadróns cara finais de 1941, aínda que 117 asignáronse a bases navais (principalmente NAS Miami e NAS Corpus Christi) onde foron usados para tarefas de adestramento e utilitarias ata decembro de 1943.[1]

As versións G-32 e G-32A de dous asentos foron usadas polas Forzas Aéreas do Exército estadounidense como adestradores de pilotos coas designacións UC-103 e UC-103A.

Unha variante acrobática civil de dous asentos, o G-22A "Gulfhawk II," foi construída e 1936 e pilotada polo maior Alfred "Al" Williams, director do departamento de aviación de Gulf Oil.[7]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Grumman F3F Carrier based fighter aircraft". www.vf31.com. Consultado o 2024-03-25. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Cacutt 1989, pp. 155-162.
  3. Dann 1996, p. 4
  4. "The Grumman Story". web.archive.org. 2013-09-21. Archived from the original on 21 de setembro de 2013. Consultado o 2024-03-25. 
  5. Dann 1996, p. 27
  6. Crosby 2002, p. 77
  7. "Grumman G-22 Gulfhawk II". National Air and Space Museum (en inglés). Consultado o 2024-03-25. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cacutt, Len. Grumman Single-Seat Biplane Fighters. Londres: Marshall Cavendish, 1989. ISBN 1-85435-250-4.
  • Dann, Richard S. (USN, LCDR). Grumman Biplane Fighters in action. Aircraft In Action 150. Carrollton, Texas: Squadron/Signal Publications, 1996. ISBN 0-89747-353-1.