Gustavo Ameijeiras
O Hospital Hermanos Ameijeiras, na Habana, chamado así en honor de Gustavo Ameijeiras e seus irmáns | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de outubro de 1920 Provincia de Las Tunas, Cuba |
Morte | maio de 1958 (37 anos) Cuba |
Actividade | |
Ocupación | revolucionario |
Familia | |
Irmáns | Efigenio Ameijeiras Juan Manuel Ameijeiras Delgado Ángel Ameijeiras |
Gustavo Ameijeiras Delgado, nado en Pueblo Viejo, Jesús Menéndez, Las Tunas, Cuba, o 8 de outubro de 1920 e finado en maio de 1958, foi un combatente revolucionario cubano, de orixe galega.
Era un dos irmáns Ameijeiras e foi asasinado polas forzas de Batista cando ía a Sierra Maestra para unirse á guerrilla de Fidel Castro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Seu pai foi o emigrante galego Manuel Ameijeiras Fontenla, natural de Campo Lameiro[1], quen despois de emigrar á Arxentina e volver a Galicia, partiu cara a Cuba. Alí coñeceu á súa futura esposa, María de las Angustias Delgado Romo, de Corral Falso, Matanzas, coa que tivo dez fillos.[2] O pai volveu ao seu país onde desapareceu na guerra civil, polo que a nai tivo que ocuparse soa dos fillos coa axuda de Gustavo, que era o maior dos varóns.
Comezou a traballar vendendo xornais e limpando zapatos. Máis tarde adicouse a transportar pasaxeiros dende a estación de ferrocarril de Puerto Padre. Trasladado coa súa familia á Habana, traballou un tempo como aprendiz de mecánico e finalmente como chofer de aluger.[3]
Implicación na política
[editar | editar a fonte]Dende 1948 militou no Partido Ortodoxo, ao que atraeu tamén aos seus irmáns. Uniuse á loita contra a ditadura de Fulgencio Batista, dende o mesmo día do seu golpe de Estado o 10 de marzo de 1952. Ese mesmo día foi con varios dos seus irmáns á Universidade da Habana para reclamar armas coas que loitar contra o golpe.
En 1953, o seu irmán Mel foi asasinado no asalto ao cuartel Moncada, e Gustavo foi a Oriente buscando saber o que ocorrera, pero foi detido e enviado á prisión de Boniato. Alí vinculárono cos xoves da Xeración do Centenario, foi xulgado e finalmente absolto por falta de probas.
Dende ese momento converteuse nun dos maiores divulgadores daqueles feitos, traballou pola amnistía dos moncadistas, recolleu miles de firmas e colaborou con Haydée Santamaría imprimindo e repartindo copias de A historia absolverame, o discurso de defensa de Fidel Castro no xuízo. Co seu irmán Ángel, recorreu o país nun coche, verificando a distribución do folleto por toda a illa. En 1955, levou en coche a Fidel ao aeroporto de Rancho Boyeros, cando este marchaba ao seu exilio en México.[2]
En 1957, foi detido e enviado á prisión de Castelo do Príncipe, onde pasou máis dun ano. Ao saír libre decidiu incorporarse á guerrilla de Fidel Castro en Sierra Maestra, pero no camiño foi presuntamente detido, torturado e asasinado polas forzas de Batista. Segundo os combatentes Ángel Plá e Ana Cruz Maqueira, os torturadores de Ameijeiras confesaron que fora levado ao xeneral Julio Luarent e que este ordenara lanzalo ao mar.[4] [5]
Púxoselle o seu apelido e o dos seus irmáns ao principal hospital de Cuba, o Hospital Hermanos Ameijeiras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Os outros galegos na revolución cubana". Sermos Galiza. 29 de novembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2019. Consultado o 15 de xaneiro de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 "Gustavo Ameijeiras Delgado en Ecured". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2019.
- ↑ "Crónicas de la Revolución Cubana: los hermanos Ameijeiras". www.tercerainformacion.es (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2019.
- ↑ Nieves 1990, p. 150.
- ↑ Carlos del Toro (21 de maio de 1988). "Gustavo decía que no se podía dar tregua a la tiranía". Granma.