Herbert E. Ives
Herbert E. Ives ca. 1913. [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de xullo de 1882 Filadelfia, Pensilvania. |
Morte | 13 de novembro de 1953. (71 anos) Upper Montclair, Nova Jersey. |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Educación | Universidade de Pensilvania. Universidade Johns Hopkins. |
Actividade | |
Campo de traballo | Enxeñaría, física e numismática. |
Ocupación | Enxeñeiro, físico e numismático. |
Membro de | |
Lingua | Lingua inglesa |
Familia | |
Cónxuxe | Mabel Lorenz (1908). |
Fillos | Barbara, Kenneth e Ronald Ives. |
Pais | Frederic Eugene Ives (pt) e Mary Ives (en) |
Premios | |
Medalla Edward Longstreth (1907, 1915, 1919). Premio Rumford (1912, 1951). Medalla Frederic Ives (1937). Medalla ao Mérito (1948). | |
Lista
|
Herbert Eugene Ives, nado en Filadelfia, Pensilvania, o 31 de xullo de 1882 e finado en Upper Montclair, Nova Jersey, o 13 de novembro de 1953, foi un científico e enxeñeiro que dirixiu o desenvolvemento de sistemas de fax e televisión na compañía AT&T, durante a primeira metade do século XX.[2]
É coñecido sinaladamente polo experimento Ives-Stilwell, de 1938, que confirmou directamente a dilatación do tempo da relatividade especial,[3] aínda que o propio Ives non aceptaba a relatividade especial e defendía unha interpretación alternativa dos resultados experimentais.[4] Ives foi descrito como "o opositor máis autorizado da relatividade nos Estados Unidos entre finais da década de 1930 e principios da de 1950".[5]
Paralelamente, Ives Era un destacado coleccionista de moedas e apaixonado pola numismática, e chegou a presidir a American Numismatic Society de 1942 a 1947.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Herbert E. Ives naceu o 31 de xullo de 1882 en Filadelfia, Pensilvania, fillo de Mary Olmstead (1853-1904)[6] e de Frederic Eugene Ives (1856-1937),[7] un distinguido científico que inventara técnicas para a fotografía en cor e o proceso de semitón que fixo posible a reimpresión de fotografías en revistas e xornais. Cursou os seus estudos superiores na Universidade de Pensilvania, onde se graduou en 1905, e logo acadou o seu doutoramento, en 1908, na Universidade Johns Hopkins,[8][9] cunha tese titulada An Experimental Study of the Lippmann Color Photograpy ("Estudo experimental da fotografía en cor de Lippmann").[10]
Carreira científica
[editar | editar a fonte]Logo da súa etapa formativa, Ives ocupou diversos postos na investigación industrial, aínda que os seus maiores éxitos chegaron durante a súa estadía nos Laboratorios Bell, aos que se incorporou en 1919, tras servir no corpo de sinais do Exército dos Estados Unidos durante a primeira guerra mundial, onde realizou os primeiros traballos de aerofotografía.[9] En 1920, chegou a publicar un libro sobre fotografía aérea, cando era xa reservista do exército.[11]
Do mesmo xeito que o seu pai, Herbert era un experto en fotografía en cor. En 1924, transmitiu e reconstruíu o primeiro fax en cor, unha fotografía en cor natural da estrela do cinema mudo Rodolfo Valentino en traxe de época, utilizando separacións de cor vermella, verde e azul, que fotografou no estudio do filme de Valentino Monsieur Beaucaire.[12]
Foi presidente da Optical Society of America —despois simplemente Optica— de 1924 a 1925.[13] Nos Laboratorios Bell chegou a ser o seu director de investigación electro-óptica.[14]
O 7 de abril de 1927, Ives fixo unha demostración de televisión de longa distancia con 185 liñas, transmitindo imaxes de vídeo en directo do daquela secretario de Comercio Herbert Hoover, a través da estación experimental 3XN de AT&T en Whippany, Nova Jersey, o que permitiu aos xornalistas ver a Hoover e comunicarse con el.[15][16]
En 1930, o seu sistema de teléfono-televisión bidireccional —chamado ikonófono; en grego: "imaxe-son"— xa se utilizaba de xeito experimental.[17][18] O gran centro de investigación dos Laboratorios Bell en Nova York dedicou anos de investigación e desenvolvemento ao longo da década de 1930, baixo a dirección de Ives e o seu equipo de máis de 200 científicos, enxeñeiros e técnicos. Os Laboratorios Bell pretendían desenvolver a videotelefonía e a televisión tanto para as telecomunicacións como para o entretemento.[19] A investigación en curso sobre teléfonos combinados de son e vídeo prolongouse nos Laboratorios Bell moito máis alá do mandato de Ives, cun custo de máis de 500 millóns de dólares, e finalmente deu como resultado o seu despregamento pola compañía AT&T, coa denominación de "picturephone".[20]
Tamén como o seu pai, Ives interesouse polos métodos de visualización de imaxes 3D autoestereoscópicas. A finais da década de 1920 e a principios da de 1930, durante a súa estadía nos Laboratorios Bell, traballou no desenvolvemento de procedementos e aparellos para producir o que el chamaba "panoramagramas de paralaxe", o tipo de imaxes 3D que hoxe se coñece polas impresións lenticulares 3D e outras novidades similares que se fixeron populares a mediados da década de 1960 e que aínda se fabrican. Publicou varios artigos sobre os seus traballos neste campo no Journal of the Optical Society of America e acadou numerosas patentes polos seus inventos. Cando se xubilou dos Laboratorios Bell en 1947, Ives tiña publicados máis de 200 artigos e obtivera máis de 100 patentes.[9]
Seguindo a tendencia de Hendrik Lorentz, intentou demostrar a realidade física dos efectos relativistas mediante argumentos lóxicos e experimentos. É particularmente coñecido polo experimento Ives-Stilwell, que confirmou directamente a dilatación temporal da relatividade especial. O propio Ives consideraba o seu experimento como unha proba da existencia do éter e, xa que logo, como el suxería, unha refutación da teoría da relatividade.[22] Porén, críase que este experimento era o mellor apoio para a relatividade.[23] El sentiuse desalentado pola reacción da comunidade científica, que interpretaba o seu experimento de xeito oposto ás súas expectativas, mais insistiu na súa opinión de que o experimento amosaba que a variación da velocidade do reloxo co movemento indicaba a existencia do éter.[24]
Despois dedicouse á teoría e publicou unha serie de artigos,[25][26][27][28] nos que describía os fenómenos relativistas en termos dun único sistema de coordenadas, o que pensaba erroneamente que refutaría a relatividade.[29] Este aspecto paradoxal do traballo de Ives foi descrito polo seu amigo, o célebre físico H. P. Robertson, que achegou o seguinte resumo da actitude de Ives cara á relatividade especial nunha biografía del:
“ | O traballo de Ives no campo óptóptico básico presenta unha anomalía bastante curiosa, xa que, malia que el consideraba que refutaba a teoría especial da relatividade, o feito é que o seu traballo experimental ofrece un dos apoios máis valiosos a esta teoría, e as súas numerosas investigacións teóricas son bastante coherentes con ela [...] as súas deducións eran de feito válidas, mais as súas conclusións só estaban superficialmente en contradición coa teoría da relatividade —a súa complexidade e a súa formidable aparencia debíanse enteiramente á insistencia de Ives en manter un marco e un modo de expresión do éter. Eu... nunca puiden convencelo de que, dado que o que tiña era indistinguible nas súas predicións da teoría da relatividade dentro do dominio da física, era de feito a mesma teoría... | ” |
En 1917 foi elixido membro da American Philosophical Society.[30]
Carreira numismática
[editar | editar a fonte]Paralelamente á súa actividade como científico, Ives era destacado coleccionista de moedas.[31]
A súa carreira numismática transcorreu moi vinculada á American Numismatic Society (ANS). Ives ingresou nesta entidade como membro asociado en abril de 1924. En 1934 entrou na súa xunta directiva, na que se mantivo ata o seu falecemento; dentro dela ocupou o cargo de 14º presidente da entidade, entre o 10 de xaneiro de 1942 e o 11 de xaneiro de 1947.[32]
En 1937 foi nomeado ademais padrón da ANS en recoñecemento á súa doazón a esta sociedade de vinte e dúas medallas que lle foran concedidas ao seu pai polos seus logros científicos.[9] Ademais, Ives aparece no anverso dunha das medallas emitidas pola ANS.[8]
A súa colección de moedas foi vendida en poxa pública por Edward Gans o 4 de maio de 1955.[8][33]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Herbert E. Ives casou con Mabel Agnes Lorenz o 14 de novembro de 1908, con quen tivo dous fillos e unha filla.[8]
Ives faleceu o 13 de novembro de 1953 en Upper Montclair, Nova Jersey,[2][34] e foi soterrado no Cemiterio do Leste, en Litcfield, Connecticut.[35]
En 1996, o Servizo Postal dos Estados Unidos honrou a memoria de Herbert E. Ives coa emisión cun selo de 32 centavos co seu busto e a súa sinatura.[36]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1907, 1915 e 1919: Medalla Edward Longstreth, do Frankling Institute.[37]
- 1912 e 1951: Premio Rumford, da American Academy of Arts and Sciences.[38]
- 1937: Medalla Frederic Ives, da Optical Society of America.[39][40][41]
- 1948: Medalla ao Mérito, polo servizo na segunda guerra mundial, outorgada por Harry Truman.[42]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dr. H.E. Ives". Library of the Congress.
- ↑ 2,0 2,1 "Herbert E. Ives". Optica.org
- ↑ Robertson, H. P. (1949). "Postulate versus Observation in the Special Theory of Relativity". En Reviews of Modern Physics. Vol. 21. Nº 3. Páxinas 378-382.
- ↑ Resnick, R.; Halliday, D. (1978). Physics, Parts 1-2. 3ª ed. John Wiley & Sons. Páxina 931. ISBN 9780471024569
- ↑ Lalli, R. (2013). "Confirming special relativity in spite of himself: the origin of the Ives-Stilwell experiment". En Pisano, R.et al. (eds.). Physics, Astronomy and Engineering: Critical Problems in the History of Science and Society. Scientia Socialis Press, Siauliai. Páxinas 298-304. ISBN 978-609-95219-3-0
- ↑ "Mary Olmstead Ives". Findagrave.com
- ↑ "Frederic Eugene Ives". Findagrave.com
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Smith, P. (2012).
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 "Ives, Herbert E. (Herbert Eugene), 1882-1953". American Numismatic Society (Numismatics.org).
- ↑ Ives, Herbert E. (1908). An experimental study of the Lippmann color photograpy.
- ↑ Herbert E. Ives (1920). Airplane Photography. J. B. Lippincott Company, Filadelfia.
- ↑ Sipley, L. W. (1951). A Half Century of Color. Macmillan, Nova York.
- ↑ "Past Presidents". Optica.org
- ↑ "Contributors to this Issue". En Bell Labs Quarterly. Vol. 11. Abril de 1932. Páxina 78.
- ↑ "Radio Board Tests Television Process. Finds Demonstration Satisfactory and Will Keep Top Air Band for It". En New York Times. 28 de abril de 1927.
- ↑ Norcross, A. (2019). "Hoover joins 1st American demo of long-distance TV, April 7, 1927". En EDN.com. 7 de abril.
- ↑ Carson, D. N. (1968). "The Evolution of Picturephone Service". En Bell Laboratories Record. Outubro de 1968. Páxinas 282-291.
- ↑ "Washington Hails The Test: Operator There Puts Through the Calls as Scientists Watch". En New York Times. 8 de abril de 1927.
- ↑ "Dr. Herbert E. Ives (American) (1882-1953)". Bairdtelevision.com
- ↑ Borth, D. E. "Videophone". En Encyclopædia Britannica. 28 de xullo de 2023
- ↑ Bell Telephone Magazine. Tomo XXXI. Nº 2. Verán de 1952. Páxina 71.
- ↑ Ives, H. E.; Stilwell, G. R. (1938). "An experimental study of the rate of a moving atomic clock". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 28. Nº 7. Páxinas 215-226.
- ↑ "Einstein Hails 'Proof'. Dr. Ives Provides Best Support for Relativity, He Says". En New York Times. 27 de abril de 1938.
- ↑ Ives, H. E. (1940). "The measurement of velocity with atomic clocks". En Science. Vol. 91. Nº 2.352. Páxinas 79-84.
- ↑ Ives, H. E. (1947). "Historical note on the rate of moving atomic clock". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 37. Nº 10. Páxinas 810-813.
- ↑ Ives, H. E. (1948). "The measurement of the velocity of light by signals sent in one direction". En Journal of the Optical Society of America, Vol. 38. Nº 10. Páxinas 879-884.
- ↑ Ives, H. E.(1949). "Lorentz-type transformations as derived from performable rod and clock operations". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 39. Nº 9. Páxinas 757-761.
- ↑ Ives, H. E. (1950). "Extrapolation from Michelson-Morley experiment". En Journal of the Optical Society of America. Vol. 40. Nº 4. Páxinas 185-191.
- ↑ "Anti-Relativity in Action: The Scientific Activity of Herbert E. Ives between 1937 and 1953". En Lalli, R. (2013). Historical Studies in the Natural Sciences. Vol. 43. Nº 1. Febreiro. Páxinas 41-104. University of California Press.
- ↑ "American Philosophical Society Member History". American Philosophical Society (Amphilsoc.org).
- ↑ "Herbert E. Ives coin catalog and card index, 1940-1953". American Numismatic Society (Numismatics.org).
- ↑ "Presidents and Chairmen of the American Numismatic Society". American Numismatic Society (Numismatics.org).
- ↑ Mail Bid Sale. Nº 15. Closing Date May 4. 1955[...] From the Cabinet of the late Dr. Herbert Ives [...]. Numismatic Fine Arts, Edward Gans. Berkeley, California.
- ↑ "Dr. Herbert Ives, Pioneer In TV, Dies. Researcher on Electron-Optics Developed 3-D Photography, Wirephoto Transmission". En New York Times. 15 de novembro de 1953.
- ↑ "Herbert Eugene Ives". Findagrave.com
- ↑ "32c Frederic E. Ives single". Smithsonian Institution.
- ↑ "Franklin Laureate Database". The Frankling Institute (Fi.edu).
- ↑ "History of Prizes". American Academy of Arts & Sciences (Amacad.org).
- ↑ "Herbert E. Ives". Optica.org
- ↑ "Frederic Ives Medal / Jarus W. Quinn Prize". Optica.org
- ↑ "Pay Honor to Frederic E. Ives". En The New York Times. 23 de xullo de 1937.
- ↑ Turner, D.; Hazelett, R. eds. (1979). The Einstein Myth and the Ives Papers: A Counter-Revolution in Physics. Hope Publishing, Pasadena.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herbert E. Ives |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Buckley, O. E.; Darrow, K. K. (1956). Herbert Eugene Ives 1882-1953. A Biographical Memoir. National Academy of Sciences, Washington.
- Smith, P. (2012). "Ives, Herbert Eugene". En American Numismatic Biographies. Páxina 222.
- Nados en 1882
- Finados en 1953
- Nados en Filadelfia, Pensilvania
- Numismáticos dos Estados Unidos de América
- Coleccionistas
- American Numismatic Society
- Físicos dos Estados Unidos de América
- Enxeñeiros dos Estados Unidos de América
- Óptica
- Alumnos da Universidade de Pensilvania
- Alumnos da Universidade Johns Hopkins
- Inventores dos Estados Unidos de América
- Historia da televisión